Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fernando A. Fernández Domonte Xornalista e escritor

“As pequenas historias do mar tamén teñen a súa épica”

Fernández Domonte, cun exemplar do seu libro. Ed. Elvira

Realidade e ficción mestúranse nos relatos que compoñen Contos de beiramar (Ed. Elvira): un libro escrito por este xornalista con experiencia dabondo en radio, prensa e televisión e que, asemade, ten desempeñado varios cargos en organismos e institucións relacionadas co mar.

–Logo de tantos anos dedicado aos aspectos técnicos da pesca, o marisqueo e mais a acuicultura, como foi que xurdiu o de escribir estes contos. Foi de súpeto ou xa o tiña meditado?

–Pois, exactamente, nin unha cousa nin a outra. O certo é que ao longo da miña vida laboral fun coñecedor, ou mesmo testemuña, de numerosas situacións do máis rechamante que, evidentemente, daban pé para algún relato divertido. Pero o meu era outra cousa, así que as fun deixando pasar. Porén, cando llelas contaba aos amigos, poucos eran os que se conformaban cos feitos concretos, porque para contalas había que contextualizalas e os máis deles interesábanse tamén polas súas partes concomitantes, quedando bastante sorprendidos de como eran ou se producían as cousas. Dinme conta entón de que esas historietas, ademais de resultar amenas para calquera, podían achegar á xente nocións elementais ou intríngulis que poucas veces transcenden, pero que cando se coñecen, a todo o mundo lles gusta saber. Non obstante, non se me deu daquela por poñerme mans á obra, pero xa ve, a todo lle chega o seu tempo.

–E cales son esas cousas que “cando se coñecen a todo o mundo lles gusta saber”?

–Unha chea delas. Os estudos técnicos, sexan biolóxicos, económicos, sanitarios ou de calquera outra índole, loxicamente, quedan nun ámbito reducido de coñecemento, pero cun mínimo esforzo, a calquera lle gusta saber por que a ameixa fina é máis cara cá babosa, cando as dúas son igual de sabedeiras; poder distinguir unha navalla dun longueirón; atendendo a que criterios se establecen as vedas ou os tamaños mínimos para a explotación das distintas especies; ou decatarse de que papel xoga cada un dos actores que interveñen nas actividades que teñen como obxecto os recursos pesqueiros ou na súa xestión.

–Falando diso, oínlle dicir a Vdes. que no seu libro non había grandes tempestades nin monstros mariños nin capitáns intrépidos e, certamente, os seus contos tratan máis ben do día a día da xente do mar. Historias protagonizadas por mariscadoras, mariñeiros e mesmo por funcionarios. Por que decidiu facelo así?

–Porque a min interesábame falar do cotián. A literatura ambientada no mundo do mar cabalga decote a lombos da épica que o propio medio e as actividades que nel se desenvolven inspiran, pero non é tan doado atopar as pequenas historias de quen ten no mar o seu sustento, que tamén teñen a súa épica. E a inclusión dos funcionarios paréceme elemental. A pesca, o marisqueo e a acuicultura desenvólvense no dominio público, polo que o papel da Administración, e por tanto o dos funcionarios, resulta fundamental. O que ocorre é que cando se fala de funcionarios, temos unha idea estereotipada e non caemos na conta de que funcionarios, ademais dos administrativos, son tamén, por exemplo, os economistas e biólogos mariños que velan por unha explotación sostible dos recursos; os gardacostas que fan labores de vixilancia e seguridade marítima; os inspectores e veterinarios que se ocupan de que os produtos cheguen ao consumidor nas debidas condicións hixiénico-sanitarias; os profesores que dan clases nos centros de ensino náutico-pesqueiro ou de acuicultura; ou a pléiade de profesionais que traballan nos laboratorios de control ou de investigación.

–Corre a “lenda negra” de que os mariñeiros non sempre aceptan as normas, que non respectan as vedas, que venden “por fóra” das lonxas… É un fenómeno xeralizado ou hoxe en día esas prácticas xa son excepción?

–Eu xa levo catro anos fóra de onda e sería temerario contestarlle a esa pregunta. Sei o que sabe calquera que lea os periódicos, que a Inspección Pesqueira segue levantando actas de infracción e facendo comisos, pero quero pensar que a cousa ten mellorado. O que si lle podo dicir é que nese aspecto as mariscadoras evolucionaron mellor que os homes. Participan máis nos cursos de formación que se lles ofrecen e acoden en maior número e máis asiduamente ás xuntanzas e actividades ás que son convocadas, o que redunda nun maior coñecemento da normativa, nunha mellor organización no coidado das súas autorizacións marisqueiras e na maior cohesión do colectivo. En definitiva, son máis conscientes dos beneficios que se derivan do respecto ás normas e dunha explotación máis racional e ordenada dos recursos.

–Vostede é autor ou coautor de numerosos estudos técnicos e mesmo ten participado na elaboración de textos legais. Custoulle moito pasarse á linguaxe de ficción ou saíulle dun xeito natural?

–Pois a verdade é que, nese sentido, non me supuxo esforzo ningún. Eu sempre fun bastante todoterreo, tanto cando me tocou traballar nos medios, como no sector, como na Administración. Ademais, con anterioridade, traballei tamén como redactor creativo nunha axencia de publicidade, encargándome tanto dos textos das campañas, como dos informes para os clientes. E, por outra parte, supoño que tamén me axudaría esa media vea artística que sempre mantiven dende que de mozo fixen os meus “pinitos” no teatro independente ou nas artes plásticas.

–O caso é que Contos da beiramar xa vai pola segunda edición, o que fala do seu notable éxito. Non lle bule na cabeza facer unha segunda parte?

–Iso é o que me piden os que foron os meus compañeiros na Administración. Non o desboto, pero terei que pensalo amodo. E a propósito do éxito do que me fala, téñolle que dicir que o mérito non é só meu. O editor, Xabier Romero, a filóloga, Arantxa Amatriaín, o deseñador Rubén Romero e todo o persoal da Editorial Elvira, así como a grande artista plástica, Chus Nimo, quen se encargou das ilustracións, contribuíron dun xeito determinante ao nacemento dun libro que, penso eu, dá gusto ter entre as mans.

Compartir el artículo

stats