Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Magnífico Mauriac

A narrativa dun grande

Ilustración da portada de "Thérèse Desqueyroux".

François Mauriac (Bordeos, 1885 - París, 1970), un dos grandes autores da literatura francesa de todos os tempos e premio Nobel de Literatura en 1952, publicou en 1927 a novela Thérèse Desqueyroux, seguramente a máis coñecida e valorada de toda a súa obra. Agora, grazas a Hugin e Munin, en tradución de Xavier Senín, temos a oportunidade de lela en galego. Inspirada no caso de Henriette-Blanche Canaby, en 1906, crea un personaxe de gran forza e caracterización, dramático e problemático, vítima de si mesma e da sociedade que lle tocou vivir, centrada nas Landas, no suroeste de Francia, zona tradicional, rural e boscosa. Thérèse, orfa de nai, criada sen afecto por un pai severo e preocupado só dos seus intereses, tenta envelenar o seu home, Bernard, unha persoa autoritaria e pouco empática, sen conseguilo. Acusada por iso, o marido declara ao seu favor para manter a honra do apelido, polo que é absolta; ora, a súa penitencia será a reclusión no seo familiar, en clausura na finca e baixo a vixilancia dos colonos, polas aparencias sociais, sacrificando a súa vida e a súa liberdade e felicidade polos formalismos puritanos. Mauriac, de formación católica e conflitos ou crises relixiosos, inspírase en si mesmo para a creación interior da personaxe -que repetirá en novelas posteriores-, conseguindo magníficas novelas de tipo psicolóxico.

A nivel estilístico e estrutural é tamén unha obra valiosa e apreciable, con moitos monólogos que cambian de perspectiva para revelar os pensamentos dos diversos personaxes; a maioría desprezables, machistas, autoritarios, formalistas, tradicionais e severos, ademais de pouco preocupados polos sentimentos e inquedanzas dos demais (esposa, filla). Magnífica.

  • MAURIAC, François, Thérèse Desqueyroux (trad. X. Senín), Hugin e Munin, Santiago, 2022, PVP. 15€

Compartir el artículo

stats