Francisco Álvarez Bao foi un dos máis salientables ilustradores e deseñadores gráficos de noso. O interese pola arte chegoulle da man do seu pai, afeccionado á fotografía e á pintura. Como moitos mozos do Vigo dos sesenta, o impacto da música dos Beatles levouno a integrarse nun dos primeiros grupos ye-yés locais, Los Diávolos, desde 1965. Como recolle Fernando Ferreira nas Crónicas de un Vigo Ye-yé (Instituto de Estudios Vigueses, 2008), Álvarez Bao ademais de tocar a guitarra baixa era o encargado de facer todo o merchandising do grupo con banderíns, tarxetas, debuxos e carteis.
O dominio do debuxo permitiulle incorporarse á axencia de publicidade Ecovigo, creada polos irmáns Del Río, onde comezou a desenvolver parte da súa carreira como ilustrador e debuxante publicitario e comercial. Malia deixar a música, continuou a deseñar algúns dos emblemáticos carteis promocionais de grupos como os realizados para Los Zuecos ou Revolver (1971), a formación dos irmáns Bordallo. Tamén deseñou para os grupos de teatro independente da cidade, nos que destacan os carteis realizados para o Teatro Popular Keyzán na obra Retablo Jovial de Alejandro Casona (1968) ou para Polinice do Café-Teatro (1971). Asemade, algúns dos locais emblemáticos da noite viguesa daquela época tamén foron decorados polo deseñador, quen realizaba ademais a imaxe publicitaria. As influencias do cómic underground americano, a psicodelia e mais a contracultura de finais dos sesenta e comezos dos setenta é perceptible no cartel da Discoteca Sanday, impreso na Serigrafía Galega de Álvaro Álvarez Blázquez (1970), no logo da Discoteca Nova Olimpia, o cartel da Discoteca Eva (1972) ou na publicidade para as tendas de roupa da época como Cividanes ou Tiffany’s.
En 1971 incorporábase a un proxecto renovador no deseño gráfico galego, o Estudio Quid, dirixido polo portugués Eduardo Calvet de Magalhães. Xunto ao deseñador lisboeta Carlos Gentil-Homem, traballaron no proceso artístico que Ernesto de Sousa realizaba para o “mixed-media” Almada, um nome de guerra (1960-72), realizado no Quid e na serigrafía ColorPrint no barrio do Calvario. Álvarez Bao e Gentil-Homem colaboraban na reivindicación dunha nova figura, o deseñador gráfico, nun momento de revolución das artes gráficas que, no caso galego, chegaba con certo retraso a pesar de experiencias como as da Estampa Popular Galega, a Serigrafía Galega e o imprescindible Laboratorio de Formas de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. A incorporación de X. L. Méndez Ferrín ao Estudio Quid introducía a retranca nos anuncios do novo papel da serigrafía: “La serigrafía, como las grandes cosas, nace en China / Tardó en llegar a Galicia, como otras grandes cosas / El serígrafo imprime sobre todo: papel, plásticos, tejidos, metal, corcho, vidrio… / El serígrafo imprime sobre todo las formas y volúmenes / El serígrafo imprime con amor. Es siempre un artesano y un artista. / Disponemos ya de un equipo de vanguardia”
Na obra de Álvarez Bao encontraremos referencias ao por art, á contracultura do movemento hippie ou do cómic (a editorial Fundamentos publicaba a primeira antoloxía do cómic estadounidense en 1972: Comix underground USA. Os deseños publicitarios do vigués son mostra desas influencias, como amosa o predominio das formas xeométricas que nos remiten ao op art ou a repetición seriada de imaxes tomadas de artistas como Warhol. Todo iso apoiado en traballos experimentais coa Palabra e a Tipografía, que estaba a evolucionar cara á incorporación do traballo de plantillas de Letraset, xunto á renovación que traería a letra helvética á cartelería e mais á linguaxe publicitaria. Exemplos destacados foron a moderna tipografía empregada no cartel das Festas do Berbés de 1972 e os logos para as Bombas Azcue na Feira Mundial da Pesca celebrada en Bouzas en 1973 onde tamén deseñou stands de empresas como Cordelerías Mar.
A necesidade de levar a cabo unha cumprida historia do deseño gráfico galego terá que ter en conta, xa que logo, o papel fundamental que xogaron ilustradores como Álvarez Bao, xentes que foron pioneiras na consolidación do oficio de deseñador que habería de chegar na década dos oitenta. O debuxo publicitario, o cartel e a fotografía foi a aposta de vida de Bao, quen ilustrou as imaxes publicitarias e mais a estética do ocio cultural de varias xeracións.