Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos 400 anos da 'nova espiritualidade'

A canonización dos reformadores da Igrexa

O Concilio de Trento (1545-1563).

O 12 de marzo de 1622 a Igrexa católica canonizaba na mesma cerimonia a Ignacio de Loiola, Francisco Xavier, Tareixa de Ávila (ou de Xesús), Filipe Neri e Isidro Labrador. Con tal acto, Roma armaba a nova espiritualidade que a Contrarreforma saída de Trento necesitaba. O concilio celebrado entre 1545 e 1563 nesta cidade alpina non só pretendía rearmar a Igrexa fronte a división propiciada polo luteranismo. Tamén procuraba unha reforma interior e, en paralelo, unha acomodación verbo das novas monarquías modernas, especialmente Francia e os Habsburgo hispánicos, belixerantes nas guerras de relixión, unha xeira que duraría ata o fin da Guerra dos Trinta Anos (1648).

Dúas eran as grandes preocupacións de Roma no ámbito territorial europeo: as presións exercidas pola monarquía de Carlos V en contra da Liga de Cognac e mais a alianza dos Estados Pontificios con Francia, Milán, Venecia e Florencia. As vitorias do monarca hispano (Pavía, Roma) deixaron o Papado unha situación de debilidade, o que favoreceu as aspiracións luteranas. Trátase dunha situación que se veu agravada cando en 1584 morreu o herdeiro da coroa francesa e os dereitos pasaron a Henrique de Navarra, líder do bando protestante. O risco de que o Papado perdese o seu principal aliado era moi alto xa que o sector católico procurou a protección española. Excomungado por Roma cando accedeu ao trono francés, Henrique converteuse ao catolicismo en 1593, circunstancia que favoreceu unha reconciliación cos Estados Pontificios, os cales autorizou o seu divorcio de Margarita de Valois para casar con María de Medici.

Ignacio de Loiola (1491-1556).

Con este panorama, no seo do catolicismo producíronse diversos movementos innovadores a prol dunha espiritualidade máis acorde cos aires que corrían e que desembocaron nas reformas acordadas en Trento. A curia romana e mais o colexio de cardeais estaban divididos entre os que querían insistir na hexemonía da Inquisición e esoutros do sector reformista. Vencedor este bando coa elección de Clemente VIII en 1592, dous foron os seus obxectivos: reconciliarse con Henrique IV, coa absolución da súa condición de herexe, e dotar a Igrexa dun novo músculo espiritual. Ese movemento reformador atopou un atranco na rehabilitación de Savonarola -de quen seguía moitos dos seus postulados- pola súa excomuñón e condena á fogueira. Daquela procurou darlles as máximas honras a aqueles que encabezaran movementos de renovación. Un primeiro movemento foi a canonización en 1610 de Carlos Borromeo, quen fora arcebispo de Milán e cardeal practicante dunha vida austera.

Seguírono Ignacio de Loiola e Francisco Xavier -coa Compañía de Xesús-, Felipe Neri -pola promoción da oración- e Tareixa de Ávila (ou de Xesús) -reformadora das carmelitas descalzas-. Malia as aparencias, a condición hispánica dalgúns deles non influíu. Loiola e Xavier fundaran a Compañía de Xesús en París, despois que o primeiro tivese que fuxir de Castela, acusado de pertencer aos alumeados, e de aí pasaron a Roma. Neri, pola súa banda, foi o promotor de que Roma absolvese a Henrique IV de Francia en contra da vontade de Filipe II. Po outra banda, as diferenzas entre París e Madrid retrasaron a elevación aos altares de Ignacio de Loiola pero cando Roma, xa con Pío V, colleu a iniciativa, o proceso foi rápido: venceu a consideración de que máis que hispano, era afrancesado romanizado.

Tareixa de Xesús (1515-1582).

Fronte ao modelo dogmático do rei español, o monarca francés promoveu a tolerancia relixiosa e a doutrina ignaciana. Estes reformadores foron beatificados entre 1609 e 1619, co engadido de Isidro de Merlo, labrego madrileño do século XII. A canonización conxunta deixou contentas ás coroas de París e de Madrid, especialmente a esta xa que a proclamación de Isidro Labrador coma patrón dos labregos españois supuña unificar na devoción o sector social máis importante do reino.

Importante papel cara á canonización de Ignacio de Loiola tivo a raíña francesa, María de Medici, ben relacionada cos territorios do norte de Italia. Para París, xa con Luís XIII no trono francés o apoio á Compañía de Xesús pasou a ser moi importante, especialmente coa financiación de sendas expedicións de misioneiros a Estambul e o Canadá.

Santos de quita e pon

A Igrexa católica comezou a establecer as canonizacións a partir do século XI e xeralizouna no XIII. A primeira compilación do santoral fíxose en 1585, no papado de Gregorio XIII. Como consecuencia do II Concilio Vaticano, Paulo VI impulsou unha reforma que modificou o calendario litúrxico e a presenza nel dalgúns santos dos cales non se tiñan datos históricos, ata un total de trinta e tres. Entre eles, Valentín, Cristovo, Bárbara e Verónica; en 2001, Cucufate e Filomena, pero en 2005 foi incorporada Rita de Casia, ausente malia a súa popularidade coma padroa dos imposibles.

Nunha situación dubidosa quedaron santos como Xurxo de Capadocia, suposto mártir que pasou a modelo para os cabaleiros cristiáns e patrón de Inglaterra, Cataluña e Aragón, Portugal ou Xeorxia. Fóra do santoral quedaron os chamados santos populares, entre eles os que Cunqueiro alcumaba “os mil santos bretóns”, tal é o caso dos “sete fundadores”, os primeiros bispos das dioceses constituídas despois da chegada a Armórica: Sanson, Malo, Brieuc, Tugdual, Pol Aurélien, Corentin e Paterne. A peregrinación polas súas sés é coñecida como o “Tro Breizh.”

Porén, co papa Xoán Paulo II a Igrexa coñeceu un frenesí que proclamou 400 santos e 1200 beatos, en moitos casos sen observar os requisitos necesarios agás de morrer a causa da súa fe.


Compartir el artículo

stats