Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Románico nas fragas

Santa María de Pesqueiras e Asma, Chantada

Ménsulas do templo.

Na xeografía de viña e viño que é a Ribeira Sacra, Chantada ten razóns dabondo para estar catalogado como Municipio de Interese Turístico. A súa riqueza artística destaca especialmente polas igrexas que se estenden polo concello, entre as que sobresae a de Santa María de Pesqueiras, declarada Monumento Nacional. Situada nunha paraxe de fragas centenarias, moi preto do encoro de Belesar, un fermoso carreiro accede ata ela.

San Salvador de Asma.

Santa María de Pesqueiras está na parroquia do mesmo nome, e é testemuño do importante mosteiro que houbo no lugar. Non se teñen noticias da súa fundación –quizais inicios do século XIII– pero si que foi cenobio de monxas benedictinas, pechado no século XVI, pois se sabe que en 1515 foi anexionado a San Paio de Antealtares. O templo é de planta rectangular con ábsida semicircular e nave con dous tramos, con contrafortes no exterior. O edificio adáptase ao terreo irregular da Ribeira Sacra, de aí os dous niveis salvados por escaleiras. Tanto na decoración das súas xanelas, canzorros e outros elementos, como no arco que resalta a zona sacra do altar, os expertos observan influxos do Mestre Mateo. Xa dentro, destacan as pinturas murais da cabeceira datadas no século XVI. Nelas represéntase a Anunciación, a Resurrección de Cristo e o Xuízo Final. Un roteiro de baixa dificultade, escondido entre castiñeiros e carballos, conduce a esta xoia románica.

Santa María de Pesqueiras.

Pesqueiras é un dos moitos monumentos de Chantada, concello de longa historia cheo de patrimonio, tanto civil como relixioso, como San Salvador de Asma, outro tesouro artístico cuxa orixe parece estar no século X. Trataríase dun mosteiro familiar e dúplice fundado polos condes Ero Ordoniz e a súa muller Adosinda. Ata finais do século XV San Salvador estivo gobernado por un abade, pero coa reforma emprendida polos Reis Católicos, en 1496 incorporouse a San Benito de Valladolid, momento en que deixou de ter a consideración de mosteiro e pasou a ser un priorado dependente da abadía valisoletana. Os monxes tiveron que abandonar o cenobio tras a Desamortización de Mendizábal.

Como testemuño de toda esa historia queda a igrexa –o priorado non é visitable-, de maiores dimensións que outras igrexas rurais dado o seu carácter monástico. Aínda que experimentou reformas no século XVI, aínda conserva numerosos detalles da súa orixe románica, como a ábsida semicircular, as xanelas ou as molduras axedrezadas. No interior destaca o retablo de madeira policromada presidido polo Salvador, con diversas escenas como a Natividade e Adoración dos Magos. Sobresaen tamén as imaxes de Santo Estevo e San Brais, así como o retablo de San Benito moi venerado na parroquia. Esta obra oculta a porta de acceso ao claustro do vello mosteiro, na actualidade de propiedade privada.

Xanelas do templo.

Outra mostra do románico no concello está en Requeixo e o seu templo, un bo punto de partida para iniciar o camiño da Serra do Faro, emblemática altura desde a que se divisan magníficas vistas a case 1.200 metros. No cume está a ermida do mesmo nome.

Complementan o inxente patrimonio de Chantada, ademais de pazos, igrexas e casaróns, multitude de fontes, cruceiros, muíños e petos de ánimas enmarcados por belas paraxes naturais e pintorescas aldeas como Belesar, Nogueira de Miño ou Lucenza. Outros itinerarios, como o de Centulle (San Xurxo de Asma), viaxa polo pasado a través das sepulturas antropomorfas de Fornas, con parada en benéficos lugares como o de Mouriscados, onde se atopa un manancial de augas medicinais que nacen no monte e que foron empregadas no balneario próximo.

“Respira mais que xace”

Nestas terras sacras do Miño e do encoro de Belesar brilan outras xoias románicas. A pouco máis dunha decena de quilómetros de Chantada está Taboada, outro concello pródigo en arte. Un dos seus monumentos emblemáticos é a igrexa de San Pedro de Bembrive, que posiblemente formou parte, na súa orixe, dun dos mosteiros que poboaron a Ribeira Sacra. Erixida nunha fermosa paisaxe de castiñeiros e carballos, é unha das representacións máis significativas do románico rural, declarada Monumento Nacional.

Datada no século XII, é de nave rectangular con ábsida semicircular. Destaca a tripla arquivolta da súa portada principal decorada en zigzag. No presbiterio repousa Juan Taboada Rivadeneira e Figueroa, cabaleiro de Santiago e primeiro conde de Taboada en cuxa sepultura pode lerse: “Respira máis que xace”. O cruceiro exterior crea, xunto co templo, un fermoso conxunto nunha paraxe da que emana calma e beleza. Algunhas fontes indican que formaba parte dun complexo monástico xa desaparecido, cuxa pedra foi empregada para construír no século XV o pazo dos condes de San Pedro. Isto explicaría a súa situación, apartada a case un quilómetro de calquera núcleo de poboación. Hai moitas outras mostras relevantes de arquitectura relixiosa nestes contornos lucenses, como a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, románica con algúns elementos mozárabes, ou Santa María de Piñeira, cuxa orixe se supón monasterial.

Compartir el artículo

stats