Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A sutil arte de envellecer

Para alén de todas as suxeccións

Viejos con boina (obra de Juan Dolcet, 1961). MUSEO REINA SOFÍA (MADRID)

Existe un momento razoábel para que a vida remate? Velaí unha pregunta que lles introduce a moitos o espanto no ánimo e que dificulta unha necesaria abordaxe porque a natureza ten límites para todo. Reflexionamos pouco sobre a vellez e a morte; de feito resulta interesante ler os tratados sobre o tema e atopar que ensaios escritos corenta anos antes da nosa era- como A arte de envellecer de Cicerón- parecen contemporáneos. Será porque sabemos todo o que hai que saber ou máis ben porque reflexionamos pouco sobre iso?

Imaxinar unha sociedade poboada fundamentalmente por persoas maiores non é unha fantasía: as estimacións din que para o ano 2025 haberá en Europa 85 millóns de persoas maiores de 65 anos. Un mundo de vellos que nos obriga a cambiar a percepción da vida porque hai na actualidade unha intención que nos arrastra a preocuparnos pola vellez só cando chegamos a ela. Observamos a realidade a través de quen somos, unha identidade modulada polo que nos rodea en tanto ideas e materia. Os nenos e nenas medran rodeados de persoas que se identifican cun propósito de preservar un corpo que, necesariamente, se ha deteriorar; xentes obsesionadas nunha loita coa materia, que nada vale ni a nada conduce, ignoramos a experiencia co inmaterial, anestesiados cos fármacos. Así transitamos resgardados dos males emocionais que a nosa condición obriga vivir para atopar sentido as traxedias. Non é esta unha visión despreciábel do paso pola vida?

Porque tan necia conduta de ocuparnos da vellez só cando chegamos a ela, confirma a lasitude pretérita, a da xuventude, que a contamina e condena. Porque reflexionar sobre a condición humana non pode entenderse sen observala dende a súa totalidade. Estamos abocados a chegar á vellez pero permanecer aferrados as calidades que proporcionan a forza, a axilidade e a voluptuosidade do corpo non reflicte o sentido da vida. Por outra banda, é a etapa que hoxe se prolonga, un dato que debería orientar ao noso pensamento dentro doutra definición para construír unha tecnoloxía social acorde a este cambio da humanidade.

Hai unha construción social consolidada que describe que non se pode esperar cousas boas desta etapa, pero o que revela a nosa singular condición non se constrúe coa forza física, máis ben coa das ideas e da autoridade que achega a experiencia, algo do que carece a xuventude. Os que cultivan a súa consciencia en todo o transito da vida, describen esta etapa como un momento de revelacións significativas nas que os contidos se volven un conxunto de frivolidades.

Ademais desta resistencia ao deterioro do corpo, a improdutividade sostén outra parte esencial da observación negativa. Pensamos os vellos fóra da nosa actualidade, nun espazo de excepción atravesado pola falta de actividade laboral. Esta produtividade é unha das prerrogativas da nosa cultura, e probablemente sexa unha idea a combater. Acaso non ser produtivo non é unha liberación? De feito, desprenderse desta expectativa do sistema abre a posibilidade de que a vida brille dunha forma máis auténtica.

Di Cicerón, cheo de razón, que filosofar é prepararse para a morte. Unha práctica que introduce distancia entre o corpo e a consciencia, permitindo que mentres a materia envellece, a consciencia madura. Esta observación achega, cos anos, unha percepción da vida ampliada. A postergación deste necesario exercicio carga de culpas e medos a experiencia da vellez e, refuxiados en rutinas e hábitos, as persoas afástanse da novidade que se percibe como unha ameaza. Mais esa forma de vellez non é produto dunha planificación biolóxica, é síntoma dunha interpretación cultural mercantilizada.

Non negamos que hai praceres que desaparecen; pero rematan para darlle a oportunidade a outros máis espléndidos. Hai que liberar a vellez da observación dende o estado emocional da xuventude porque é unha observación ignorante que distorsiona. O envellecemento é un proceso que sucede inevitablemente pero a madurez implica unha vontade de obrar sobre a consciencia, que si se produce ao longo da vida, que cambia os desexos polo sosego; e é entón cando a improdutividade se converte nunha auténtica liberación das trivialidades porque saber envellecer líbranos de todas as suxeccións e obrigas.

Compartir el artículo

stats