As fendas da memoria fotográfica

Unha intervención de Alberto Ardid en Vigo

Unha das intervencións de Alberto Ardid no Casco Vello de Vigo.

Unha das intervencións de Alberto Ardid no Casco Vello de Vigo.

O Centro de Estudos Fotográficos presenta un novo traballo que dá continuidade ao proxecto Cabodano do traballo editorial no Centro de Estudos Fotográficos, unha intervención que fora concibida co propósito de lembrar a grande angueira editorial realizada polo CEF até o ano 2016, que conformaba un percorrido de 30 anos de historia durante o que editaron 44 libros.

Nesta liña, Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, creadores da Fotobienal de Vigo a través do Centro de Estudos Fotográficos, mostraron unha exposición en Vigo cos libros sobrantes da editorial Do Trinque, unha mostra que recollía en boa medida o suceso internacional atinxido por aquel evento. Aquel Cabodano, como foi chamada a proposta, converteuse nunha serie con continuidade anual a través de distintas formas creativas e de diferentes artistas.E neste contexto foi encomendado a Alberto Ardid de Cabo (Vigo, 1986) un proxecto a partir do stock de libros do Centro de Estudos Fotográficos. O artista optou -segundo o seu propio testemuño- por unha intervención no Casco Vello de Vigo que dunha maneira simbólica devolvese á cidade o que se lle fora negado: o Museo de Fotografía que ía ocupar o edificio que actualmente xestiona a Deputación de Pontevedra, que se inaugurou no 2015 e que apenas chegou ter unha exposición pouco antes dunhas eleccións. Despois, o goberno municipal decidiu fechalo de vez deixando o Casco Vello orfo do que se pretendía que fose o centro referencial de fotografía de toda Galicia.

As fendas  da memoria fotográfica

Momento da intervención de Alberto Ardid no Casco Vello de Vigo. / Carlos L. Bernárdez

Para evidenciar esta situación, Ardid sitúa nas fendas das paredes dun edificio veciño do que ía ser Centro de Fotografía libros do fondo bibliográfico do Centro de Estudos Fotográficos facendo que as paredes a as rúas do Casco Vello de Vigo conformen un tránsito experiencial. O artista elabora, polo tanto, un referente onde o urbano e a acción se interpenetran, sen o carimbo do definitivo, como un fito que recupera a posibilidade de vincular un espazo complexo e mesmo escuro -esa físgoas nas paredes da Cidade Vella- ao ritmo comunal por medio, curiosamente dunha acción fortemente individual. O traballo culmina cunha intervención a grande escala, enchendo de libros os ocos dunhas ruínas arredor dunha fonte que se encontra diante do propio edificio do que ía ser museo.

Alén diso, a proposta tamén implica a acción e a participación do espectador, que pode retirar os libros do espazo que ocupan. A interacción provocada coa xente da rúa pode conformar de xeito espontáneo e imprevisíbel unha narratividade moi achegada ao rexistro documental, ao que se aproxima tamén no tratamento formal. Estariamos perante testemuñas físicas que subliñarían a importancia da acción e o seu rexistro.

O artista sitúanos nun territorio de conflito e a súa sutil apropiación deste espazo simbólico é o que define a marcada intencionalidade de discurso, de relato, que nos suxire a colocación de publicacións de fotografías nas físgoas das paredes. Trátase, xa que logo, dunha intervención que na súa vontade de relato reivindicativo, limitada na súa temporalidade, consegue balizar o espazo, inserir nel unha carga de memoria e de visibilización dun conflito que fai que o lugar fusione o público e o privado dotando dun sentido reividicativo o tecido urbano e humano.

Casco Vello 3

Detalle dun traballo de Ardid no casco histórico vigués.

Título: Apenas

Autor: Alberto Ardid

Intervención artística no Casco Vello, Vigo

Prudución: Centro de Estudos Fotográficos

[object Object]

Achámonos ante a fusión do discurso crítico no contexto espacial urbano e na realidade temporal, algo que semella ser o propósito explícito da obra do artista vigués, cunha acentuada concepción revindicativa, que non pode sorprender nun artista que fai súa unha praxe de orixe nitidamente procesual.

O traballo reflexivo de Alberto Ardid conecta con sensibilidades experimentais, e mesmo utópicas, no desenvolvemento da arte no espazo. Cómpre lembrarmos que, en boa medida, a historia das prácticas expansivas no tecido urbano -entre as que poderiamos inserir o traballo reflexivo de Ardid- é a historia dunha utopía, non sempre levadas á realización efectiva, por causas múltiples, pero que en moitos casos están relacionadas coa propia ambición e innovación formal dos ideais estéticos elaborados polos artistas. Neste caso, o fluxo entre interior -ou sexa, o que está en cuestión é a privacidade espacial e emocional- e exterior -o que está exposto ao público- está representado dunha forma sinxela e de tempo moi sutil, por medio de da intervención sobre as físgoas das paredes.

As estratexias discursivas en que se fundamenta a obra de Alberto Ardid están directamente vinculadas cos conceptos de utopía e fracaso, equilibrio e inestabilidade. Quer na elección do obxecto, quer no proceso de traballo, Ardid parte de cuestións ligadas ás circunstancias cotiás e á súa transformación, mostrando a posibilidade/imposibilidade dunha nova orde na cal a sociedade podería, hipoteticamente, atinxir un equilibrio mais tamén evidenciando que o territorio urbano é, por riba de todo, o espazo do social.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents