Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Luís G. Tosar Director da Fundación Eduardo Blanco Amor

“Aínda queda moito Blanco Amor por descubrir”

Luís González Tosar, diante dun retrato de Eduardo Blanco Amor.

Taracea marroquí é un volume, editado por Galaxia, a Deputación de Ourense e mais a Fundación que leva o seu nome, que recolle oito crónicas e varias fotografías motivadas e inspiradas na viaxe que Eduardo Blanco Amor realizou ao norte de África en 1935.

–Cal foi o motivo de que Eduardo Blanco Amor fose viaxar a Marrocos?

–Visitar Marrocos era para el unha asignatura pendente, xa que cando con dezanove anos marchou de Ourense a Bos Aires, a razón fundamental estaba en fuxir da guerra do norte de África. Daquela, non quixo ser carne de canón, como lles aconteceu a outros moitos mozos galegos da súa xeración que foron alistados para combater os rifeños e que morreron na defensa dunha posición colonial coa que non tiñan nada que ver e en batallas que non valeron para nada.

Vde. cre que a ollada sobre Marrocos (tanto no texto como nas fotos) que Blanco Amor presenta neste libro segue a ter vixencia?

–Si, no sentido de que as crónicas tratan de todo tipo de temáticas: unhas teñen un compoñente político, otras cultural, e outras son moi enxeñosas e con moito humor. Todas elas están escritas cunha linguaxe moi depurada, o que fai que sexan auténticas alfaias literarias. Na súa mente tiña previsto publicar un libro con estas crónicas e fotografías, pero lamentablemente morreu sen ver cumprido ese desexo.

Cal era o posicionamente de Blanco Amor diante da guerra hispano-marroquí?

–Cando decide facer esta viaxe, xa instaurada a Segunda República, o pensamento de Blanco Amor tiña unha visión da realidade marroquí distinta de cando era mozo; o que el quería era adentrarse na cultura e na idiosincrasia dos pobos do norte de Africa. De feito, el encetaría un tempo que despois completarían outros grandes escritores, nomeadamente norteamericanos, como Tennesse Williams, que fixeron de Tánxer un refuxio literario, descubrimento ao que se anticipa Eduardo Blanco Amor.

  • Cuando los sobres se llenaban de política, amor y teatro

–Este libro mostra o Blanco Amor xornalista. Trátase dunha faceta que está inxustamente esquecida e que hai que revindicar?

–Por suposto e, dende a Fundación, é un dos ámbitos que queremos potenciar coa edición de volumes nos que se recolle a súa obra xornalística. Blanco Amor viviu ou, mellor dito, malviviu durante toda a súa vida das colaboración en xornais, non só nos xornais de Galicia (escribiu practicamente en todas as cabeceiras) senón tamén na prensa española, arxentina, chilena, uruguaia, venezolana, mexicana…De feito, temos unha cantidade enorme de material e, por outra banda, temos tamén o seu labor como fotógrafo: coa súa cámara captou algúns dos momentos estelares da historia de Galicia. Por exemplo, a derradeira foto de Castelao, xa doente, é da autoría de Blanco Amor. Na fundación temos 5.000 negativos das fotos que el fixo en toda América ao longo de mais de corenta anos; tamén temos fotos de Galicia, así como das súas viaxes por Europa: un conxunto ao que hai que engadir os retratos de moitos dos seus amigos do mundo literario. Taracea marroquí vén ser a primeira entrega dunha colección que se chama “EBA: Xornalismo e Fotografía” á que queremos dar pulo dende a Fundación.

–A figura de Blanco Amor aínda non ocupa o lugar que merece na historia da literatura galega?

–Estamos, sen dúbida, diante dun dos autores clásicos da literatura galega, pero non obtivo en vida o recoñecemento que a súa produción literaria merecía, e o mesmo está a ocorrer após do seu falcemento, hai corenta e dous anos. Por iso dende a Fundación tentando corrixir esta anomalía.

–Por que este esquecemento?

–Concorren varias circunstancias e, entre elas, a de que Blanco Amor tivo unha familia moi dispersa que ou ben non se ocupou de velar polo seu legado ou ben que servise como referencia para que unha editorial tivese facilidade para dirixirse a ela de cara a publicar as súas obras postumamente.

"Malia que figure como membro numerario, Blanco Amor rexeitou ingresar na RAG"

decoration

Hai un debate sobre se foi ou non membro da Real Academia Galega...

–Nos arquivos da RAG figura como académico de número, pero nunca exerceu como tal. Os feitos desenroláronse así: despois dun longo menosprezo, dunha actitude de pouco interese por parte da Academia, a finais dos anos 60, Ferro Couselo, Otero Pedrayo e Fernández del Riego propuxeron a candidatura de Blanco Amor. Esta proposta foi aceptada, pero houbo un incidente. Co gallo da inauguración da actual sede da RAG na Coruña, aconteceu que el acudiu ao acto, mais os encargados do protocolo non o tiñan na lista de convidados, polo que non querían deixalo pasar. Daquela, Eduardo tomouno como unha ignominia e quixo marchar de alí ata que Ramón Piñeiro foi buscalo e logrou que entrase no salón de plenos. Este feito fixo que decidise non escribir o seu discurso de ingreso e, polo tano, non entrou de feito na RAG. De maneira que a sú condición real é a de académico electo, pero non numerario, porque nunca o foi.Esa foi a súa vontade e hai que respectala. A verdade é que Blanco Amor sufriu unha manchea de aldraxes e ignominias, moitas delas relacionadas coa súa condición de homosexual, que tamén hai que matizala porque el nunca fixo exhibición pública do seu homosexualismo, senón que o asumiu con total naturalidade, nunca o agachou. Nese sentido, Blanco Amor foi un todo un precursor.

Combinou a escrita en castelán coa galega...

–El xamais renunciou a escribir en lingua galega, malia que nunca lle trouxo grandes beneficios nin económicos nin editoriais, pero era consciente de que ese era un dos seus cometidos principais. Quería potenciar a lingua e a cultura galega e contribuír a engrandecela co seu traballo literario. E abofé que o fixo, porque aí están A esmorga, Xente ao lonxe...e toda a súa grandísima obra poética, teatral, ensaística…e sobre todo a súa inquebrantable militancia galeguista desde que de mozo foi seducido polas ideas de Vicente Risco en Ourense ata os seus derradeiros anos.

Vde. coñeceuno personalmente: como era no trato personal?

–Agradézoche que me fagas esta pregunta porque ten sona, entre os que non o coñeceron e falan de ouvidas, de que era un ególatra, un escritor que miraba a todo o mundo por enriba do lombo, moi despectivamente….Pero el era exactamente todo o contrario. Os que o coñecemos e o quixemos, sabemos que era un ser moi desprotexido, moi necesitado de agarimo. Lembro que cando xa era septuaxenario ou octoxenario, adoitaba viaxar a Vigo, a Barcelona ou a Compostela procurando espazos nos que tivera contacto con público xove porque quería chegar ao corazón da xente máis nova. Blanco Amor sempre estivo no mundo e sempre procurou estar informado, actualizado; foi un transgresor tanto nos temas que tratou (algúns “intocables” na súa época) coma no xeito en que os tratou. Por iso conectou coas correntes máis avanzadas da súa época e, asemade, nunca lle importou se o consideraban politicamente correcto ou non.

Ademais da proxección da súa obra xornalística, dende Fundación Blanco Amor, que Vde. dirixe, cales son os proxectos que teñen a intención de poñer en marcha a curto e medio prazo?

–No universo Blanco Amor aínda quedan moitos puntos por descubrir, por analizar, e nese senso un dos obxectivos que temos é o de facilitarlle á mocidade o acceso á obra deste grandísimo escritor de noso. Temos material dabondo que trata da súa relación con García Lorca, da súa viaxe a Andalucía, da súa época en Madrid antes de 1935...Si, queda moito Blanco Amor por descubrir!

Compartir el artículo

stats