Singular universo

Imaxes cinematográficas

Detalle da portada de "Os espías de Oreborg".

Detalle da portada de "Os espías de Oreborg". / María Navarro

María Navarro

O enredo ten en Os espías de Oreborg un interesante aliado. O espazo no que se desenvolven os acontecementos, o tempo interno e externo da narración e os personaxes confabúlanse para presentar ao receptor unha historia asentada na cotiandade e no absurdo e a partir de aquí enlaza, entretece e enmaraña feitos e pensamentos que propician situacións sorprendentes, de modo que os equívocos e os malentendidos transfórmanse en disparates que proporcionan certa comicidade ao texto e que o faría ben merecente dunha adaptación cinematográfica en forma de animación.

É quizais o emprazamento de Snårholmarna no medio do mar que baña as costas de Suecia, as dimensións dos dous illotes que compoñen esta poboación, o carácter dos seus habitantes e as pretensións do mestre Olle Nillebu de levar a lectura alí onde todo é monotonía laboral a que desencadea uns feitos que traen de cabeza ao Comandante, máxima autoridade da devandita localidade, xefe do Corpo de bombeiros e de policía, ministro de Agricultura, de Comercio, de Interior e Exterior, de Educación e de Defensa, entre outros cargos e que non dubida en encomendar o discente a viaxe a Oreborg para investigar os integrantes dos círculos de espionaxe. Por suposto o que o mestre atopa por casualidade vai máis alá dunha simple ficción que pon de manifesto os intereses non sempre honestos dos que teñen o poder.

Tanto o texto coma a proposta plástica realizada por Jakob Wegelius introduce o lector nun universo singular. A escolla das palabras e expresións unido ao trazo coidado e detallado proporcionan ao volume un valor engadido que permite unha interesante achega á obra do sueco cuxos libros foron traducidos a varios idiomas e premiados con galardóns como o Expressen´s Heffaklump, o María Gripe ou o August en dúas ocasións e que agora Sushi Books publica na nosa lingua.

  • WEGELIUS, Jakob, Os espías de Oreborg, Sushi Books, Cangas, 2011, PVP. 16,15€

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents