Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Prisciliano e as mulleres

Con rigor reivindicativo

Prisciliano e as mulleres

O priscilianismo, segundo Virginia Burrus, sería un dos primeiros movementos organizados de mulleres dentro da historia do cristianismo. Pois ben; sobre semellante temática versa o libro Las priscilianistas de Andrés Olivares Guillem, autor dunha tese doutoral sobre a evolución historiográfica dos estudos priscilianistas e que agora presenta unha extensa e documentada monografía sobre as mulleres que seguiron a Prisciliano. Algunhas delas mesmo tiveron o mesmo destino que o bispo decapitado en Tréveris, tal é o caso de Eucrocia.

A primeira parte do volume está composta por tres capítulos adicados ás investigacións desenvolvidas nas últimas décadas, dando especial importancia aos estudos de xénero; na segunda, o autor vai expoñendo o que se sabe sobre as mulleres priscilianistas e mais a reacción dos que rexeitaron ese movemento, formado por mulleres da aristocracia e con inquietudes culturais, reacción que procuraba construír unha imaxe pexorativa das sororidades e silenciar a orixe nobre de moitas desas donas que cometeron o “pecado” de quereren saber e de se situaren ao nivel dos homes na interpretación dos textos bíblicos.

A obra complétase con tres longos apéndices de temática historiográfica, prosopográfica e codicolóxica. Como non podía ser doutro xeito nunha obra tan ambiciosa, hai referencias ao tratamento do tema priscilianista na poesía de Méndez Ferrín; no cine de Buñuel, en concreto en La vía láctea; no teatro de Cotarelo Valledor, Daniel Cortezón, Millán Picouto e Vidal Bolaño. Na novela cítase, dentro do xorne feminista e nacionalista, Amantia de María Xosé Queizán, aludindo asemade a Prisciliano en el Bierzo de Aniceto Núñez García, texto no que aposta pola orixe berciana daquel bispo abulense que recibira a influencia do maxisterio feminino de Ágape, dos pensadores cristiáns dos séculos III e IV e dos principais textos do paganismo, que posiblemente coñecía pola súa estancia en Bordeos ou polas ensinanzas do rétor Elpidio.

  • OLIVARES GUILLEM, A., Las priscilianistas. Las mujeres que siguieron a Prisciliano, Toxosoutos, Noia, 2021, PVP. 25€

Compartir el artículo

stats