Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Planificadores doexterminio

Paul Preston e a represión franquista

Prisioneiros republicanos no campo de concentración de Irún, obrigados a facer o saúdo fascista.

En condicións normais resultaría sorprendente que case un século despois da sublevación de 1936 aínda quedasen circunstancias e feitos por descubrir. Pero, como todos sabemos, o período transcorrido nunca rematou de ser normal. Ao silencio forzado dos anos de ditadura engadiuse esoutro –necesario para moitos- de non abrir feridas nin poñer en cuestión os beneficios tirados do primeiro período. Ademais, cando desde as esquerdas se tivo que analizar os erros do sector republicano, semellaba como se no ámbito da represión dos primeiros días de guerra houbese unha especie de empate técnico entre as forzas que promoveron a rebelión e as milicias radicais que se enfrontaron a ela.

Porén, sabemos que no foi así nin foi tan simple. A maneira de exemplo, o goberno catalán de Lluís Companys, malia que non soubo controlar a acción caótica das milicias obreiras, foi capaz de organizar a evacuación de millares de persoas de dereitas, ou simplemente católicas, co concurso de diversos consulados e mais a acción dalgún conseller, como foi o caso de Ventura Gassol, con grave risco para a súa vida. Sabémolo agora con detalle grazas ao estudo do profesor Arnau González i Vilalta Humanitarisme, consolats i negocis bruts (Editorial Base). Unha evacuación que tivo que ser recoñecida por Queipo de Llano xa en agosto de 1936.

Este militar, sublevado na cidade de Sevilla, non tivo unha consideración semellante e executou de maneira sistemática un programa de exterminio nos barrios obreiros e dirixentes de esquerdas. Este xeneral, de personalidade psicolóxica e política complexa, é un dos persoeiros que Paul Preston analiza con detalle no seu recente estudo Arquitectos del terror (Debate). Para o historiador británico, a represión que seguiu á sublevación foi feita polas tropas chegadas de África e por milicianos de Falanxe, moitos deles procedentes das Juventudes de Acción Popular, animados por Serrano Suñer a sumarse ao partido fascista.

A concepción represiva das tropas africanas (Lexión, Regulares) tiña os seus precedentes nas guerras coloniais e na sublevación obreira de Asturias. Sen esquecer a acción punitiva dos matóns da chamada “Guardia Cívica” –organizada polos clubs dos terratenentes sevillanos-contra uns traballadores en folga en 1931, que chegou ao fusilamento de catro deles. Esta foi a trama que atopou Queipo de Llano na súa sublevación. Secasí, máis alá do simple castigo por conquista, Preston sinala diversos persoeiros que desde a pulcritude da teoría editorial uns ou desde a acción directa irregular outros, deseñaron un plan para aterrorizar as poboacións dominadas. Eran estes persoeiros o policía Julián M. Carlavilla, o crego integrista catalán Joan Tusquets, o coñecido poeta e dramaturgo José María Pemán, o militar e aristócrata Gonzalo de Aguilera y Munro, o xeneral Emilio Mola –artífice da represión feita polos carlistas en Navarra- e o xa citado Gonzalo Queipo de Llano, definido por Preston sinxelamente como un psicópata.

Uns persoeiros de tal condición que vistas as circunstancias, deixaban a Francisco Franco coma a única figura minimamente presentable entre os sublevados, malia a súa condición falsa e interesada. Preston defende que moitos deles, Franco incluído, estiveron moi influenciados por determinadas lecturas de cariz antisemita que provocaron, xa antes da República, que participasen da crenza nunha conspiración xudeomasónica-bolchevique que lles levou a unha visión reducionista da poboación obreira ao definila como non humanos e malos españois.

Unha visión que rematada a Guerra Civil, proseguiu coa complicidade do réxime franquista co III Reich na persecución dos xudeus, malia o coñecemento que o ditador tivo das atrocidades nazis por informes de oficiais da División Azul, médicos e diplomáticos. Pero con habelencia camaleónica, cando a presión dos aliados comezou a facer efecto en Madrid a partir de 1943, algúns diplomáticos españois fixeron o posible para salvar cantos xudeus lles foi posible, como xa comezaran uns anos antes.

Compartir el artículo

stats