Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónica de afundimentos

Náufragos e naufraxios na literatura

Fotograma de Titanic (James Cameron, 1997).

O tema do naufraxio está presente na literatura occidental dende os seus inicios. Non cómpre máis que lembrar a Historia do mariñeiro náufrago e a súa embarcación afundida por unha serpe xigante, escrita polos exipcios hai máis de catro mil anos Ou a propia Odisea, o longo poema épico do VIII a. C. atribuído a Homero, que narra as aventuras do heroe grego Ulises tras a guerra de Troia como unha longa rememoración que principia, xustamente, cando este se atopa retido na Illa de Calipso tras ter naufragado a nave na que regresaba á súa Ítaca natal.

Escritor Daniel Defoe

Os gregos da vella Hélade sentían o naufraxio como algo ben doloroso, que vían como un castigo divino. Esa consideración fatídica fíxose aínda máis acusada na Idade Media, onde as desaparicións no mar se concibiron en non poucas ocasións como unha intercesión da divindade ante a arrogancia e a cobiza humanas, de aí os textos nos que o naufraxio acababa sendo o camiño para o arrepentimento e a súplica do perdón de Deus. Velaí o relato “O náufrago salvado”, que aparece nos Milagres de Nosa Señora (s. XIII) de Gonzalo de Berceo, ou a aventura do comerciante ladroeiro Landolfo Rúfolo do Decamerón (s. XIV) de Boccaccio, un pirata a quen o destino fai xustiza ao perder todo o roubado nun naufraxio.Porén, moi outras son as razóns que fan comparecer o naufraxio en A tempestade (1611) de William Shakespeare, peza teatral que comeza cunha terrible tormenta invocada maxicamente por Próspero a través do espírito Ariel para evitar que seu irmán Antonio se achegue á illa na que vive. O resto da obra acontece precisamente nesa ínsula na que Próspero, naufragado da súa anterior vida de aristócrata milanés, pasa os días rodeado de personaxes enigmáticos e sobrenaturais.

Escritor Jon Juaristi.

Agora ben, se de naufraxios e náufragos falamos a narración por antonomasia é, sen dúbida, o Robinson Crusoe (1719) de Daniel Defoe. Unha ficción, por certo, baseada na historia real vivida polo mariñeiro escocés Alexander Selkirk, rescatado en 1709 tras pasar catro anos perdido nunha illa do arquipélago de Juan Fernández que hoxe leva o seu nome.E na mesma liña que a anterior sitúase a obra do navegante, escritor e funcionario François Édouard Raynal, quen deu a coñecer a novela autobiográfica Os náufragos ou vinte meses nun arrecife das Illas Auckland (1869) contando as peripecias vividas na infrutuosa expedición da goleta Grafton, na que viaxaba con outros cinco compañeiros dende Sydney á Illa Campbell, ata que naufragaron cabo das Auckland e se viron obrigados a sobrevivir case dous anos nun illote subantártico para logo regresar, sans e salvos, a Nova Zelandia.Bo coñecedor, da súa parte, da obra de Dafoe, o escritor francés Jules Verne publicou A illa misteriosa (1874), un relato trepidante, cheo de aventuras, no que cinco personaxes teñen que sobrevivir tirando do seu enxeño nunha illa chea de perigos, misterios e segredos, o que converte esta historia, como a do autor londiniense, nun paradigma de superación do ser humano perante as circunstancias máis hostís.

Escritor Gabriel García Márquez.

Naufraxio, e ao grande, é o que comparece nas páxinas de O afundimento do Titán (1898). Nesta novela o inmenso transatlántico Titán afúndese tras chocar cun iceberg, morrendo por falta de botes salvavidas case toda a pasaxe, tal como acontecería coa traxedia do Titanic catorce anos máis tarde. A lectura parabólica da futilidade dos avances tecnolóxicos humanos fronte á forza imparable da natureza faise aquí evidente.

Ben célebre é tamén o Relato dun náufrago (1970) de Gabriel García Márquez, que narra a historia verídica de Luis Alejandro Velasco, un mozo colombiano que resistiu dez días nunha balsa no medio do mar ata que foi rescatado polos habitantes dunha aldea da costa. O título completo da obra descríbeo perfectamente: Relato dun náufrago que estivo dez días á deriva nunha balsa sen comer nin beber, que foi proclamado heroe da patria, bicado polas raíñas da beleza e feito rico pola publicidade e logo aborrecido polo goberno e esquecido para sempre.

Recuncando

A narrativa náufraga segue gozando de moita aceptación entre o lectorado e son numerosos os títulos que recuncan unha e outra vez en tal motivo literario. Nomearei apenas un que recupera un documento histórico (unha carta ao monarca Felipe II do protagonista) para tecer un intenso relato de aventuras; refírome a O náufrago da Grande Armada (2015) de Fernando Martínez Laínez, quen novela e expedición do capitán Francisco de Cuéllar percorrendo en solitario o interior de Irlanda para fuxir do tráxico destino que moitos outros náufragos da Grande Armada padeceron logo de chegar a terra firme e verse roubados, capturados ou asasinados.

Por remate amentarei unha outra obra, neste caso non ficcional, mais que dá razón dunha epopea marítima que conta cuns ‘náufragos’ ben literarios. Trátase do libro crónica As árbores portátiles (2017) de Jon Juaristi, un volume que reconstrúe a historia do buque Capitaine Paul Lemerle, que partiu de Marsella cara a Martinica en marzo de 1941 con centos de exiliados dos fascismos e autoritarismos europeos que marchaban da Francia de Vichy cara ás terras de ultramar. Entre eles atopábanse o gran surrealista André Breton, o antropólogo xudeu Claude Lévi-Strauss, o pintor vangardista Wilfredo Lam, o revolucionario antiestalinista belga Victor Serge, a escritora alemá Anna Seghers ou o periodista republicano vasco Toribio Echevarría. A súa viaxe transatlántica, longa e incerta, dá boa conta de anímico naufraxio interior destes intelectuais, obrigados a marchar da súa terra pola loucura dos ditadores que asolaban a vella Europa.

Compartir el artículo

stats