Acción e ritmo
Onde queimen libros, queimarán persoas

Aspecto da portada do libro "Misarela", de Rodrigo Costoya. / Pilar Ponte
Pilar Ponte
O novo título de Rodrigo Costoya, Misarela, forma parte dunha triloxía que se ha de completar este mesmo ano coa terceira entrega. Na primeira, Portosanto, xa nos adentramos na novela histórica de ficción, continuada nesta nova entrega, aínda que podemos afirmar sen temor a trabucarnos, que a literatura do escritor e profesor é moito, moitísimo máis ca iso.
Situámonos na segunda metade do século XV. Ao pequeno mosteiro de Misarela, na Pobra do Caramiñal chega un estraño monxe cun perigoso cargamento. Non falamos de armas, senón de libros, códices que hai que salvar da queima. Luís de Ligunde atopa en Misarela, a onde acode desde Toledo, o lugar apropiado onde gardar ou protexer as publicacións prohibidas pola Igrexa católica que levan sendo custodiadas desde hai moitos anos e que hai que preservar da Inquisición.
Estamos, xa que logo, ante o principal fío condutor dunha novela que vai contar con moitas outras confluentes, como por exemplo a historia de amor entre Mingos e Baia, a rapaza á que Ligunde salvou de morrer no mar e pola que este se ve envolto nunha trama de abusos e ambicións por parte do señor do Caramiñal, ou a descuberta da biblioteca de Toledo por parte de Tato, o criado da Misarela e un dos personaxes máis entrañables.
A ambientación principal transcorre no Barbanza, aínda que tamén en Compostela, León, o reino de Sevilla ou Toledo, desde onde procede a valiosa carga. O marco narrativo ten os seus alicerces nunha intensa investigación científica e en tres feitos históricos moi destacables como son a invención da imprenta, o descubrimento do novo continente e a aparición do protestantismo e doutras correntes críticas co dogma imposto.Deste xeito, o rigor histórico é a base principal para a construción dunha ficción e dunha novela de aventuras na que aparecen personaxes reais como Fonseca, Torquemada ou os Reis Católicos, e outros ficticios mesturados con mestría polo autor nas tramas. Ademais, segundo transcorren estas, imos creando unha listaxe de “malos” e “bos”, manexados uns e outros polo radicalismo relixioso imperante. Así Luís de Ligunde, Baia, Mingos, Alonso ou Tato, alcumado “medio home” por todo o mundo, contrastan con outros, normalmente da parte do poder, como o señor de Camariñas, personaxe desprezable e pervertido ou Fonseca, bispo de Compostela, vítima das súas artimañas pola ansia de poder. Todos eles están zarrapicados doutros moitos como campesiños, nobres, bispos, inquisidores, cabaleiros etc.
Para rematarmos, imos destacar dous elementos, que xa son selo do autor e que ben poderían explicar o éxito entre o lectorado: a presenza da acción e ritmo trepidantes que nos atrapan nas máis de mil páxinas e onde arreo está presente a idea de que os libros son a esencia da vida e que nos demostran, máis unha vez, que estes salvan a humanidade día a día.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- La despedida de Ion Aramendi en 'Reacción en cadena': «Gracias por todo»
- Detenido el capitán de un pesquero gallego por esclavitud a bordo
- El temporal deja ya vientos de casi de 180 km/h, vuelos desviados y más de 600 incidencias en Galicia