Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán Eiriz Cantautor

“Quen mellor cantou a Rosalía de Castro foi Pucho Boedo”

Xoán Eiriz, durante a gravación do álbum.

En Amada Rosalía, Xoán Eiriz interpreta catro poemas do libro do mesmo título, orixinal de Suso Díaz, e que está integramente dedicado á grande autora. Da composición da música encargouse Nacho Varela. As catro pezas do CD veñen ser “Ai Rosiña”, “O triste son da campana”, “Como chove miudiño” e “Canta meniña”.

– Como xurdiu este disco de homenaxe a Rosalía de Castro?

– En primeira instancia, dun contacto entre o poeta Suso Díaz e mais eu durante o confinamento. Suso, que é un grande admirador da poeta, fíxome chegar o seu poemario Amada Rosalía, e gustoume moito. Daquela, propúxome que lle puxese música a algúns dos seus poemas e pareceume unha idea moi orixinal para homenaxear a Rosalía, contando, iso si, con Nacho Varela, que foi quen ao cabo compuxo as músicas.

– Catro pezas semellan ser poucas para un cantautor coma Vde. que adoita publicar albums (elepés).

– Nun principio ían ser oito pero como, a consecuencia do Covid, a gravación se prolongaba moito, decidimos publicalo só con catro. Mais, se Deus quere, haberá, polo menos, unha segunda parte.

– Cando Suso Díaz escribiu estes poemas, xa tiña en mente facelas cancións?

–Si. E de feito el mesmo apunta que os seus poemas “son para cantar”. E, si, cando as les, decátaste de que son poesías que levan moita música dentro.

– Que estilos escolleu o compositor Nacho Varela para poñerlle música aos poemas incluídos en Amada Rosalía?

–A verdade é que neste senso seguimos bebendo moitísimo do pop, ao que desta vez lle engadimos matices de blues, de jazz…pero coa novidade de incluír tamén nos arranxos reminiscencias de instrumentacións moi usadas tanto na música popular galega como na música celta, por iso aprézase que no disco hai moito violín, e hai acordeón, etc.

– A súa parte só antigue a interpretación ou tivo algo que ver asemade na elección dos poemas e nos arranxos das músicas?

–É que este foi un traballo en equipo e, claro, aínda que cada un se responsabilizaba dunha parcela, resulta normal que uns aportásemos certas suxerencias ao traballo dos outros.

– Vde. mesmo ten interpretado moito a Rosalía. Por que aínda non lle chegou o momento de publicar un disco longo con poemas dela, interpretados por Vde.?

– Nin chegou nin coido que vaia chegar. A obra de Rosalía está moi musicalizada e, en xeral, penso que moi ben musicalizada. Eu teño cantado e gravado moitísimo a Rosalía, e as súas cancións nunca faltan nos meus concertos. Esa é unha das razóns polas que non creo que faga un disco de poemas de Rosalía, porque xa hai moito e moi bo; a outra é porque me merece moito respecto. E por iso prefiro facer cousas coma esta, nas que canto a Rosalía, pero doutro xeito.

– Por certo, que a portada do disco tamén ten a súa historia, non si?

– A verdade é que non sabiamos moi ben que escoller para a portada ata que atopamos un cadro realizado por Modesto Brocos, un pintor coetáneo de Rosalía de Castro, e pareceunos que nel estaba a Rosalía auténtica: entre outras razóns, porque se alonxa desa imaxe tópica de melancolía e tristeza coa que adoita ser representada. E iso concordababa co espírito musical deste traballo, no que tentamos mostrar outra cara de Rosalía, fuxindo dos tópicos.

“Neste disco tentamos dar unha imaxe distinta da poeta: ela era, en realidade, unha persoa moi alegre"

decoration

– Que supuxo na súa carreira aquel primeiro disco que fixo Amancio Prada cantando poemas de Rosalía?

– Non cabe dúbida de que o disco de Amancio Prada é unha marabilla, unha xoia musical, e contribuíu moito á divulgación da obra de Rosalía, aínda que, na miña opinión, quen a cantou mellor a foi Pucho Boedo. Pero, si; está claro que aos que estabamos na música galega, o disco de Amancio Prada nos marcou moitísimo.

– Por que a poesía de Rosalía segue sendo actual?

–Porque Rosalía é eterna. E por iso a súa obra continúa e continuará a ser lida, analizada e, claro, tamén musicalizada. E, nomeadamente, para os galegos, Rosalía é lingua, é voz, e tamén é alma. En conclusión: Rosalía é Galicia. Non coñezo ninguén que falase mal de Rosalía e aquí xa non falo só de Galicia, senón tamén de poetas que tanto a admiraron como foi Federico García Lorca.

– Cre que aínda queda algo por descubrir na obra de Rosalía ou xa está todo dito?

– É unha pregunta difícil de respostar. Para iso están os eruditos que estudian a súa obra en universidades de todo o mundo. De todos os xeitos, alégrome de que nestes últimos anos deixe de retratarse a Rosalía como unha muller triste e chorona. Pois non! Tanto a través do que se conta da súa vida, como da lectura da súa obra, descóbrese que en realidade ela era unha persoa moi divertida e moi simpática. De feito, tiña un gran sentido do humor, moi reflectido, por certo, nomeadamente en Cantares Gallegos. E todo iso a pesar de que tivo unha vida non precisamente moi feliz, iso si que tamén é verdade.

–Que sinte Vde.cando canta un poema de Rosalía

–Esa mesma pregunta fíxenlla eu a Pucho Boedo, e díxome: “Pois a verdade é que non o sei”. Teño para min que hai algo tan grande dentro das súas poesías que, alomenos eu, como lle pasaba a Pucho, non son quen de definilo con palabras.

Compartir el artículo

stats