Obxecto, análise e goce estético
Alfredo Alcain no MARCO

Unha das salas que ocupa a mostra "Alfredo Alcain", no MARCO. / Eli Regueira
Non hai arte sen pasado, sen diálogo coa tradición, coa multiplicidade de referencias que configuran o pouso da nosa cultura. A evidencia desta realidade, que afecta non soamente á arte senón que se pode xeneralizar a todo o noso constructo cultural, non nos debe facer esquecer que este diálogo debe conformarse, para se constituír en fonte de sentido, como unha constante tensión entre o que se coñece e o que se descobre ao deitarmos unha nova ollada sobre o que se coidaba coñecer.

Obxecto, análise e goce estético / Carlos L. Bernárdez
Se a tradición e a iconografía do pintor Alfredo Alcain (Madrid, 1936) -cuxa obra podemos contemplar no MARCO de Vigo- está, parcialmente, no pasado –en diferentes puntos do pasado artístico-, o seu ollar irónico proxéctase temporalmente no presente e de ningún xeito produce a sensación de ningún retorno ao pretérito ou de suspensión temporal –opcións de calquera maneira lexítimas-, ben pola contra, estimula unha viva percepción de presente.

Nas diferentes imaxes: diversos momentos da mostra Alfredo Alcain que se expón nas salas do MARCO. | FOTOS: @ELIREGUEIRA / Carlos L. Bernárdez
Os cadros e obxectos escultóricos de Alfredo Alcain, como toda auténtica obra de arte, emiten e reciben sinais e as diferentes series desenvolvidas desde os anos sesenta até a actualidade fálannos de que todo está conectado, como sempre o estivo, mais no seu caso o que nos é presentado é unha obra que se nos ofrece como unha cartografía, como unha rede de enlaces e valencias, elos que permiten unha percepción renovada do formal, do temático, en resumo, da pintura na súa fragmentaria totalidade.

Unha das obras que integran a exposición. / Eli Regueira
As obras elabóranse, polo tanto, nun constante xogo de referencias. As citas que como ”lectores” dos cadros percibimos remítennos e lévannos a outras composicións da tradición artística e do propio creador, mais tamén, loxicamente, da vida social, da biografía do artista e a motivos de variada condición iconográfica, como a realidade urbana do Madrid dos sesenta e setenta, articulada por medio dunha imaxe pop, con esas tendas de barrio convertidas en naturezas mortas -con citacións e ecos de Zurbarán, Cézanne ou Morandi- ou as colaxes de motivos ornamentais populares, tratado cun carácter plano nas cores. O artista fai, desta forma, que cada pintura nos transporte a outras, mais que, ao tempo, cada nova obra vaia inserindo novos problemas que irán procurando a solución natural en realizacións sucesivas, mudanzas que se conforman, daquela, a xeito de modulacións. Esta fórmula chega á plenitude na serie “Cézanne petit-point” onde, mudando a gama de cores das pinturas, descompón naturezas mortas de Cézanne para recompolas de acordo co sistema de ganduxar coñecido como petit-point que é trasladado desde a súa orixe téxtil ao pictórico.
TÍTULO
Alfredo Alcain
LUGAR
Salas de exposición do primeiro andar do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).
COMISARIO
Miguel Fernández-Cid.
DATAS
Até o 17 de xullo de 2022.
O proceso de maduración da obra de Alfredo Alcain, no conxunto do seu traballo e en especial nas últimas décadas, levou o pintor a unha figuración que en primeiro lugar primou a referencia icónica, moitas veces tirada do mundo que vinculamos coa pop art na súa vertente crítica mais non cunha actitude de epidérmica referencia senón como ámbito para a experimentación, en que a pintura atinxe todo o seu protagonismo polo rigor do tratamento formal, polo coidado da súa elaboración e polo goce da construción plástica, en definitiva, polo respecto profundo que manifesta cara a pintura como espazo e materia de expresión, onde a cor acaba por se converter na grande protagonista.
Figura central da Pop Art
Alfredo Alcain é unha figura fundamental no contexto artístico español desde hai máis de cincuenta anos. A exposición que presenta agora o MARCO reúne máis de oitenta obras desde 1965 até 2021, entre pinturas, debuxos e esculturas, e revisa a traxectoría do pintor desde os primeiros pasos nos anos sesenta até a súa obra actual. Por medio dunha atractiva montaxe, permítesenos enxergar como en todas as etapas da traxectoria do artista está o diálogo reflexivo coa pintura moderna, da que vai xurdir a súa orixinalidade como froito dun proceso notoriamente analítico que parte dunha asimiliación de influencias para pasar a unha inmediata reformulación e culminar nunha síntese iluminadora, síntese en que o irónico vai xogar un papel de senlleira importancia.
O que nos ofrece a visión de conxunto da obra de Alfredo Alcain son propostas dun presente rigoroso sempre inseridas tamén na tradición do medio pictórico, permitindo ao espectador ter a constante sensación de estar perante traballos dunha actuante actualidade e, ao tempo, sentilos como froito dunha vizosa tradición. Contemplando as súas obras somos conscientes de que o pintor utiliza un instrumento xa formado cuxos mecanismos se transmiten intactos e ao tempo contantemente anovados.
Ao final podemos chegar á conclusión de que a pintura é para Alfredo Alcain, no profundo, un problema de análise obxectualizadora, de consciencia e goce e estes postulados son os que dotan a obra de singular valor e capacidade de comunicación.
Suscríbete para seguir leyendo