Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Estrutura coral

Con acertos e con sombras

Estrutura coral.

Alberto Lema foi concelleiro de Emprego, Turismo, Promoción Económica e Mercados na Coruña entre os anos 2015 e 2019, durante o mandato no que a Marea Atlántica obtivo a maioría dos edís e exerceu a alcaldía. Lema, que xa publicara dous libros de poesía e tres de narrativa, gañou o Premio García Barros 2021 con Pazo de inverno.

A novela intenta reconstruír a historia recente da cidade herculina no período que oscila xusto entre as datas previas ao triunfo da Marea Atlántica e os meses finais antes das eleccións onde esta formación perdeu o poder. Mais o autor opta por converter A Coruña en Faro e ocultar tamén a identidade dos moitos personaxes reais que aparecen na obra. Nalgúns casos, o disfrace é moi evidente (Manolo Paz/Paco Vázquez), outras veces un pouco máis literario (Bieito Uzal/Xosé Manuel Beiras; Helena Montes/Xulio Ferreiro); tamén na definición dalgúns colectivos (Primaveras/Podemos) ou medios de comunicación (O Son/A Voz), mais o xogo de despiste sempre é superficial, unha pátina de ficción que lle permite ao autor tratar a realidade con máis liberdade de acción. Para o lector, por se falar dun tempo recente, polo rol do propio autor nos acontecementos que se ficcionan e por ser moitos dos personaxes figuras públicas, apenas hai campo para a abstracción. Esta decisión, a de ocultar parcialmente os feitos, define a fasquía e obxectivos desta novela.

Por unha banda, a obra funciona en xeral. É agradable de ler e a súa estrutura coral permite tomala como un fresco vívido dunha determinada dinámica sociopolítica. Na área na que Lema conseguiu mellor os seus obxectivos foi na descrición sobre as actuacións políticas, sobre como inflúe a politización e a consciencia das institucións políticas sobre persoas con diferentes intereses e posicións na escala social da Coruña. Algunhas reflexións, presentes ben nos diálogos ou na personalidade dos personaxes, son brillantes. É, en xeral, unha novela armada con corrección e enténdese que fose premiada.

Con todo, Pazo de inverno ten algúns defectos bastante evidentes:inconsistencia do narrador; confusión entre a terceira persoa e a primeira; entre o narrador distante, omnisciente, e o narrador testemuña, próximo, parcial; exceso de diálogos e incoherencia do estilo narrativo: burocrático, costumista-realista, ás veces máis poético.

O autor parece comprimido, como desexando compracer a alguén mentres se desgusta a si mesmo. A novela chegaría, a noso ver, a cotas literarias máis elevadas e podería conectar mellor coas tendencias narrativas máis actuais se o autor se expuxese ante os lectores sen emprgar o escudo da “ficcionalización”.Sobráronlle clixés, en especial no tratamento dos personaxes e ambientes do “lado dos malos” da novela.

  • LEMA, Alberto, Pazo de inverno, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 18,05€

Compartir el artículo

stats