Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Co 'underground' de noso

Semente de Berrar: contra o esquecemento

Os Keltoi!

Semente de Berrar é o título dun documental que pretende dar luz sobre o movemento underground e musical do país galego, e que xermolou e medrou de xeito paralelo a aquel inicio da chamada movida viguesa de hai agora catro décadas. E xorde, daquela, con todo o ánimo de reflectir a música e mais a contracultura dun movemento que latexou, case sempre, fóra dos circuítos máis comerciais nos últimos corenta anos e con feixes de melodías, existencialismo punk, moito “Do It Yourself”, industrias musicais que pasaban de esguello e unha aposta clara pola independencia e os vieiros alternativos: corenta anos de subculturas urbanas e tamén rurais, de rebeldía, moito talento e tamén festa. Corenta anos de precariedade laboral e loita obreira e social que quedaron rexistradas en moitas letras, moitas cancións e cunha mirada e xeito de entender o mundo tan particular como vizoso canto a número de proxectos que naceron e deixaron semente para moito do que despois aconteceu na nosa escena.

Membros de Radio Océano.

O documental naceu desde a autoxestión cunha campaña de micromecenado nunha web en internet e cun equipo de xente capitaneada por Iago Santás, agora mestre e sempre vinculado á publicacións e fanzines independentes. Mais de cincocentos mecenas repartidos entre particulares, colectivos e empresas fixeron posible un traballo no que deixan a súa perspectiva do asunto xente como Julián Hernández (Siniestro Total), Sime (Keltoi), Pereiro (Radio Océano), Os Skacha, Sakarmento, Los Cafres, Tiro na Testa, Suso Soak, Bala, Chimi Bartolo, Alberte Lixo Urbano, Mikel Eskizofrenia ou Pili Dios (Desvirgheitors) e así ata corenta voces e corenta maneiras de entendelo, de vivilo e de recordalo. Contoume Santás que a idea de facelo vén da necesidade de rexistrar algo que non estaba documentado e que tivera varios intentos, dende o mundo editorial, de facer un libro onde contalo. Porén, o propio Santás veu finalmente no formato audiovisual unha maneira máis directa e orgánica de contar a historia de toda esa realidade musical máis achegada á rúa, á vida, á política e ao latexo social dun tempo. Punk e subxéneros que naceron del e a súa cronoloxía no país.

Estamos, pois, diante dun traballo documental que se fai imprescindible para calquera que queira saber o que se coceu na nosa escena moito máis aló do que os medios deixaron entrar nas sús grellas e, sobre todo, perante dunha posta en valor da poética social de todo un tempo que forxou os seus cimentos nunha ampla realidade de amizade, zonas comúns, colectivos sociais, bares e pubs, fanzines e fíos que coseron moito do que aconteceu e continúa a acontecer nunha parte indispensable da nosa música a día de hoxe. Semente de Berrar conforma unha panorámica fermosa e altamente necesaria para todos aqueles que pensamos no rock como etiqueta nai e nun país no que pasaron tantas cousas das que case nunca nos enteiramos. Grupos que teceron sinerxias e abriron camiños dende a independencia máis honesta e que inventaron e fixeron o seu camiño derrubando moitas cancelas para que a día de hoxe esteamos onde estamos a pesar do aínda escaso apoio mediático.

De momento está a proxectarse nunha xira por diversas vilas do país e, unha vez que cada mecenas teña a súa copia do documental, prometen liberalo polas plataformas de internet. Estade atentos e non perdades a ocasión de coñecer esa parte do universo contracultural de toda unha xeración e todos os ecos que aínda resoan a día de hoxe, incluso con moitas daquelas propostas aínda en activo. Se unha das peores enfermidades do noso tempo é o esquecemento, Semente de Berrar resulta ser un bo xarope para poñer moitas cousas no seu sitio.

Get Back, o documental

Hai anos, un melómano de verdade faloume da sorte que eu tiña por non coñecer polo miúdo a discografía dos Beatles. Non tardou en engadir aínda que me tiña envexa, pois eu aínda gozaba da posibilidade de emocionarme coa descuberta dun monllo de cancións, melodías, letras e arranxos marabillosos. E foi certo, pois pouco a pouco fun pasando polo aro beatle e, efectivamente, fiquei fascinado con moitas das cousas que fun debullando na súa discografía. Non sei se son un “beatleliano” de verdade pois por punk, e pouco apego ao mito, tampouco pasei moito máis aló da admiración por algunhas daqueles temas que nos deixaron e que, en moitos casos aínda e despois de tantos anos, deviron auténticas pezas referenciais.

Hai aínda nada, vén de estrearse -nunha plataforma online- o último documental sobre o grupo, baixo o icónico título de Get Back: máis de 50 horas de material inédito filmado con cámaras de cine por Michael Lindsay-Hogg en 1969, e 140 horas de rexistros das sesiones de gravación do álbum Let It Be. Todo artellado e dirixido, a día de hoxe, polo recoñecidísimo Peter Jackson, traballando en acordo con Paul, Ringo e mais as viúvas de Lennon e Harrison, e tendo acceso a un feixe de materiais que ven luz por primeira vez.

Que contemplamos, entón, neste Get Back? Pois vemos ensaiar, falar, relacionarse... e incluso botar uns risos, e tratarse con certa camaradería, aos catro de Liverpool mentres preparaban o disco e mais o seu derradeiro e lendario concerto en directo dende a azotea da rúa Saville Row, en Londres: un exercicio que eles platexaban, sobre todo Paul, para coser diferenzas que os levaban irremediablemente á disolución, como finalmente aconceteceu.

Por pecar, talvez o documental peca un pouco de aburrido; mais un, que viviu moitas horas en locais de ensaio, empatiza co traballo dun grupo portas adentro e iso, exactamente, é o que se amosa. Nin máis nin menos: unha produción impecable que te vai levar o máis perto posible de pasar unhas horas da túa vida dentro do ensaio dos mesmísimos Beatles. Maxia pura de celuloide e música. Vamos, que nin tan mal.

Compartir el artículo

stats