Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aser Álvarez Director, guionista e produtor de cine

“Pepe Velo foi o verdadeiro cerebro do secuestro do 'Santa Maria'”

Aser Álvarez.

En Pepe Velo, o libertador ibérico, documental de Arraianos Producións patrocinado pola Deputación de Pontevedra, Aser Álvarez reivindica a figura de Xosé Velo Mosquera, un dos dirixentes do comando que, en xaneiro de 1961, secuestrou o trasatlántico portugués Santa Maria

–Dos dous galegos que dirixiron o secuestro do Santa Maria (Xosé Velo e mais o comandante Sotomayor), por que elixíu a Velo para protagonizar este documental?

–En primeiro lugar, porque Velo foi o verdadeiro xefe e cerebro da operación do Santa Maria, aínda que tanto el, como Xosé Fernández, o comandante Sotomayor, son dous personaxes apaixonantes. Ocorre que Sotomayor xa escribiu el mesmo a súa historia, así que estimei que o que faltaba por contar era o relato de Xosé Velo e, de paso, desvelar tamén a súa versión do secuestro.

–Cando comezou o seu interese pola figura de Pepe Velo?

–Tiven noticia del hai xa moitos anos, pero cando realmente decidín que había que revindicalo foi cando tiven a oportunidade de ler unha carta que, ao borde da morte, lle dirixiu ao seu amigo Celso Emilio Ferreiro. Esa carta deixoume abraiado e emocionado.

Aser Álvarez con Víctor Velo, fillo de Pepe en São Paulo. Arraianos

–Cales foron as principais actividades de Velo durante a Segunda República e, despois, durante a Guerra Civil?

–Xosé Velo foi un destacado galeguista cuxa memoria hai que reivindicar. Tras o alzamento militar, o 21 de xullo de 1936 é detido en Celanova, negándose a entregar as fichas dos militantes das Mocidades Galeguistas da vila. Foise incorporar ao exército sublevado para, logo, tentar pasar ao bando republicano en dúas ocasións, sen éxito. En 1938 volve á súa casa, mais a súa nai convénceo para ir a Guinea, ficando en África case até a fin da guerra, cando enferma e regresa a Celanova coa idea de abrir unha academia. O feito de que unha familia ben relacionada co franquismo quixera montar outro centro de ensino privado, impediu que Velo puidese gañarse a vida na vila. En 1939 trasladouse co resto doos seus a Vigo, a cidade na que nace o seu fillo máis novo, Víctor, en 1944. Abre unha academia co seu curmán Castor Velo (irmán do cineasta Carlos Velo) pero dous anos depois é detido nunha gran redada contra a guerrilla antifranquista, xunto co seu amigo Mariano Otero Castelao (curmán de Castelao), con quen pasa uns meses no cárcere, en Vigo e A Coruña, onde foron brutalmente torturados. Durante unha breve saída en liberdade condicional, os dous compañeiros foxen e, despois de estaren agochados durante uns meses en Celanova e na aldea próxima de Moreira, na casa duns amigos, en 1948 por fin conseguen pasar clandestinamente a Portugal, por Mugueimes e Tourem, camiño do primeiro exilio en Venezuela, grazas ás redes de solidariedade antifranquista que operaban na Raia Seca.

–E como foi, entón, a saída para Venezuela?

–En Portugal foron acollidos por Luís López, un amigo da familia que daquela tiña o English Bar, un coñecido restaurante de Estoril. Velo e Castelao foron detidos pola policía política de Salazar e estiveron na prisión de Caxias até que, grazas á́ mediación do Unitarian Service e mais o apoio de Rómulo Gallegos, a quen Velo coñecera durante as estadías de verán do venezolano en Beluso (Bueu), conseguen finalmente un pasaporte de emerxencia para viaxar, primeiro a Nova York, onde fixeron escala, e logo xa a Venezuela.

–Que tratamento tivo o secuestro do Santa Maria pola prensa española?

–Hai que ter conta que a Franco non lle interesaba para nada que o secuestro estivese dirixido por españois republicanos, de maneira que, após o silenciamento, na prensa española, o secuestro tratouse coma se fose un acto de piratería, e non unha clara denuncia do fascismo, como así o recoñeceu a unanimemente a prensa internacional.

  • Portada de FARO DE VIGO do día 21 de xaneiro de 1961 na que se da conta do secuestro do 'Santa Maria'.

–Os plans do secuestro preparáronse desde Venezuela e a acción foi reivindicada polo DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación). Que pretendía esta organización?

–O DRIL foi unha idea, entre poética e visionaria, do propio Velo a prol dunha irmandade galego-portuguesa fronte ao inimigo común, que daquela eran os ditadores fascistas que gobernaban en España e Portugal. Dito isto, tamén hai que sinalar que Pepe Velo era un iberista convencido, como tamén o foi o propio Afonso R. Castelao.

–Tiñan algún tipo de contacto coa Revolución cubana?

–Si que os houbo, pero foron froito do contexto histórico no que se vivía daquela. Para o DRIL o triunfo da Revolución cubana representou todo un pulo anímico, pero nunca houbo unha vinculación directa, malia que así o quixeran facer ver tanto Franco como Salazar.

–Que tipo de diferenzas houbo durante o secuestro entre Pepe Velo e o militar portugués Henrique Galvão?

–Nun principio, a Velo interesáballe que fose Henrique Galvão o voceiro do comando que realizou o secuestro; entre outras razóns, porque o Santa Maria era un buque portugués, pero a medida que pasaban os días Galvão “veuse arriba” e adquiriu un protagonismo que non lle correspondía, tomando decisións que non lle gustaron a Velo. E a partir de aí desatáronse as diferenzas entre ambos. As armas de Galvão eran os tiros e as de Velo as palabras.

–Pepe Velo e a súa familia quedaron a vivir en Brasil. Por que non voltaron a Venezuela?

–En parte porque non podía e en parte porque non quixo, xa que tiñan unha nova vida en Brasil, onde foron moi ben acollidos. En São Paulo abriu unha librería, creou un xornal de barrio, Paraíso Sete Días, e mesmo comezou o guión dun proxecto audiovisual didáctico para a Fundación Ford, que ía ser unha serie documental sobre a historia da humanidade para o público infantil e xuvenil, titulada A rebelión dos sinais. Pero, doente de cáncer, Pepe Velo morre en São Paulo o 30 de xaneiro de 1972, con 55 anos de idade, despois do “incendio a 37 graos” que foi a súa vida, segundo a súa propia definición poética.

–Tivo Vde. a oportunidade de falar persoalmente con Víctor Velo, fillo de Pepe, que aínda vive. Como lembra el aqueles días do secuestro?

–Víctor, que daquela era un xove moi concienciado no activismo político, viviu todos os preparativos do secuestro do Santa Maria dende o primeiro momento. E foi el quen quixo participar, aínda que o pai nunca lle dixo que non. Pero iso forma parte da propia personalidade de Pepe Velo, un home que se implicaba tanto na loita que ata permitiu que un seu fillo se embarcase nunha operación que nin se sabía como podía acabar e na que era consciente de que todos os implicados se xogaban a vida.

Compartir el artículo

stats