Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónica do empirismo inglés

Historia do pensamento (XXIV)

Monumento a David Hume en Edimburgo.

O Século das Luces transitou tres camiños filosóficos diferentes: o empirismo, herdeiro do pensamento de Locke -o primeiro ilustrado en tempos barrocos-, representado por Berkeley e Hume; o racionalismo, herdeiro do pensamento de Descartes, representado por Leibniz e o grupo de Port Royal; e o materialismo científico dos enciclopedistas, representado polo barón d’Holbach e Diderot. Xa contra o final do período, Kant elabora a que se coñece como síntese kantiana, entre o racionalismo e o empirismo.

Locke e o moderno empirismo inglés: Malia que o fundador do empirismo filosófico e científico moderno foi Francis Bacon (1561-1626), autor do Novum organum (1620), no que se establecen as regras do método científico experimental, e dun ensaio sobre os fundamentos pensamento e da ciencia, John Locke (1632-1704), autor do Ensaio sobre o entendemento humano (1689), é o máis influente pensador empirista.

John Locke.

A tese principal do pensamento lockeano tenta explicar de que xeito coñecemos, para o que emprega a metáfora da “táboa rasa” (da folla en branco) -seguimos coas parábolas platónico-cristiás-; o coñecemento, segundo esta parábola, procede da experiencia, derivada das nosas percepcións sensoriais (os sentidos), polo que o noso coñecemento obtense a posteriori, isto é, logo de que a nosa “mente baleira” perciba a realidade. Ora ben, de onde xorden as ideas?: das sensacións, responsables das ideas simples (frío...), e das reflexións, responsables das ideas elaboradas pola mente a partir das ideas simples (temperatura...), que clasifica en catro categorías: substancia, modo, relación e universal?E como xorde o noso coñecemento a partir desas ideas? O coñecemento procede, xa que logo, da comparación das ideas entre si, da análise das súas relacións..., polo que o coñecemento xorde do descubrimento da non conveniencia ou conveniencia das relacións que existen entre as ideas. Por último, o seu sistema define catro tipos de conveniencia, que pode ser lóxica e matemática, de onde proceden as nosas certezas; o das coexistencias necesarias, de onde proceden as nosas opinións e a probabilidade; e, o das existencias reais -que ironicamente remite ás ideas metafísicas-, que son o fundamento da nosa fe.

John Stuart Mill

Os herdeiros de Locke: O primeiro deles, George Berkeley (1685-1753), afondou no empirismo de Locke defendendo que todo o noso coñecemento procede da percepción directa, polo que non existen ideas abstractas, que son apenas un froito da linguaxe, polo que só existe o que se pode percibir... e, daquela, onde queda Deus? Deus é a condición que fai posible que nós percibamos os obxectos e o garante da coherencia das nosas ideas. Pola súa banda, David Hume (1711-1776), que parte do principio de que todo o coñecemento humano procede dos sentidos, leva o empirismo a un xeito de escepticismo, xa que non se pode elaborar coñecemento sobre aquilo que non procede da nosa experiencia. Ora ben, se isto fose así, como podemos afirmar que mañá sairá o Sol polo leste? Segundo Hume, consecuentemente co seu pensamento sensorialista, non é posible afirmar “empíricamente” que o Sol vai saír mañá polo leste, só é posible afirmar que existe a posibilidade de que así o faga, porque así o leva facendo dende que temos coñecemento dese feito que se repite invariablemente todos os días do ano ao longo das nosas vidas; daquela, para resolver este “problema da indución” -velaí o nome que se lle deu a esta cuestión filosófica-, Hume sostén que o noso coñecemento sobre sucesos que van ocorrer no futuro só pode proceder dunha facultade propia do entendemento humano: a imaxinación, que nos permite proxectar ideas cara ao futuro a partir de feitos do pasado.

Neste sentido, para Hume, situado no extremo oposto ao racionalismo -que garantía a autonomía do eu: ‘penso, logo existo’), o eu non é máis que un conxunto de experiencias vinculadas polas relacións de causalidade e semellanza; isto é, o eu eu é o resultado do costume -outra facultade propia do entendemento humano-, de considerar que un feixe de experiencia relacionadas é unha unidade, pero para Hume iso non ten soporte lóxico ningún.

Karl Popper.

Popper e o problema da indución

O problema da indución abriu un debate na filosofía que transitaron, entre outros filósofos, John Stuart Mill, quen propón que a relación causal é un principio que outorga veracidade á realidade; isto é: se coñecemos a causa ‘xenética’ dun feito natural (o xen OCA2 determina a cor escura dos ollos), podemos afirmar que os humanos co xen OCA2 terán os ollos escuros, tamén os que están por nacer. Xa no 1954, Nelson Goodman actualizou o problema, presentándoo como o “novo enigma da indución” ou a cuestión do “verdul” (verde ou azul, en referencia á cor da esmeralda), preguntándose por que non proxectamos cara ao futuro todos os termos descritivos? Optando por unha postura realista que sostén que só proxectamos aqueles obxectos que son reais nunha recuperación do universalismo medieval.

Karl Popper no 1959 resolve o problema movendo os marcos do debate; isto é: argumenta que a ciencia non procede por indución, senón por medio das conxecturas e da crítica. Neste sentido, a pregunta non é como se pode demostrar se unha hipótese é verdadeira, senón como demostrar que é falsa, que leva ao falsacionismo: “unha teoría queda corroborada se non pode ser refutada, pero nunca se pode dicir que é verdadeira”. O que, paradoxalmente, abriu as portas ao relativismo e ao negacionismo científico.

Compartir el artículo

stats