Nos seus vinte e seis anos de vida, a poeta italiana Antonia Pozzi (1912-1938) construíu nos seus poemas universos fascinantes e persoalísimos que agora se recollen nesta escolma bilingüe italiano-galego con tradución magnífica de Lara Dopazo. Dicir a escuridade, poñerlle nome, entendela e ver as distintas tonalidades de vermello que pode albergar é unha obsesión principal deste conxunto de poemas. Din uns versos do poema “Mensaxe”, escrito cando tiña vinte e cinco anos e aínda non publicara ningún libro de poesía: pero na miña escuridade conquistada / brillarás, lume branco / falando aos vivos da miña morte. A publicación non chegaría a vela en vida. Os seus cadernos, diarios e cartas publicaríanse tempo despois de que ela se suicidara en 1938, en Milán, cidade na que nacera e na que vivira.
A natureza é un abismo ao que a poeta se expón e tamén no que a mesma voz poética nace e emerxe como a montaña. Non obstante, estes versos non son alleos ao contexto material e social en que vive e está presente a dor do ano 1935, cando comeza a invasión de Etiopía por parte de Italia, como tamén o horizonte terrorífico que ameazaba Europa nos imborrables anos trinta. É unha voz esta que tampouco ten medo do silencio e que se ergue no xeo, nunha escuridade que sostén a luz: Máis lenta desfai a península / os seus nós de terra (…) a ofrecer os seus / os seus leves sepulcros / nos brazos dunha gran cruz lunar.
Podemos ver e ulir o paso do tempo, os cambios que as estacións producen na natureza nestes versos dun xeito sinestésico ou máxico: Primavera que xa non does, / mátate / entre lumes ou sutilísima neve.
A paisaxe é unha ferida porque así estivo no mundo a poeta, atravesada por unha fenda. Sensibilidade infinita. Unha poesía que xa fora comparada coa de Ungaretti pola súa tendencia a reducir o peso das palabras, queimar as sílabas e encher as que quedan cunha forza arrasadora. Estrela morta, nas túas marxes / nubes de soño e corolas de palabras / xiras nos ceos.