Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O problema da carne fresca

Desde os moldes da narrativa popular

Portada de "Soamente unha vez", de José Mondelo.

Soamente unha vez, de José Mondelo, publicada por Xerais, toma como partida o achado do cadáver dunha muller nun couto de caza próximo a unha cidade para dar a coñecer o inspector-xefe Paiana. E a partir de aí a novela oscila entre o presente da investigación e o pasado do propio policía durante máis de trescentas páxinas.

Malia a aparencia, esta non é unha novela policial. Xoga con certas convencións do xénero, pero nin o obxectivo do autor é ofrecer unha obra deste tipo nin o lector despistado debe lela co fin de entreterse cunha historia detectivesca actual. Esta é unha novela de policías, como podería ser de sanitarios ou profesores; unha novela de personaxe, Paiana, un funcionario exemplar, en calquera sentido, tamén o pexorativo, do termo.

O maior acerto da obra é conseguir acomadarse no disfrace dun xénero para propoñer o texto narrativo que ao autor lle peta, un pouco a rumbo, coa intuición e o impulso como búsolas. Non dá o esperado e ese truco funciónalle ben. Mais o problema é que a novela, e menos a novela longa, se se constrúe a base de trucos, cansa e aborrece. Soamente unha vez usa demasiados trucos de escritor preguiceiro, especialmente na voz narrativa e na dosificación da información ao lector. Neste sentido, as convencións do xénero policial esixen maior dominio das técnicas narrativas para que non se perciba certa falta de respecto ao lector.

O outro foco deste libro é a lingua literaria. Na expresividade, Mondelo demostra mestría e toma como modelo o galego popular e retranqueiro de Bieito Iglesias, entre outros. Hai diálogos moi ben escritos e en moitas ocasións o autor acha o rexistro perfecto para o que conta.Mais velaí o problema da carne fresca, que hai que consumila rápido, porque se non, deixa de ser fresca. Nun texto tan longo, a naturalidade non pode manterse en pé sen un traballo de contención e descarte, sen xerarquizar os acontecementos, sen evitar as reiteracións e a palla. E este problema vese moi claramente nos diálogos. Hai páxinas e páxinas de leria intrascendente ou determinadas intervencións artificiosas que estragan outras nas que, pola contra, brilla o preciso, o elocuente, o necesario.

En definitiva, Soamente unha vez é unha novela que requiriría maior cocción e repouso, maior edición e control sobre a súa proposta para facela de vez efectiva. Desde fóra aparenta demasiado fresca, e polo tanto, inmatura para se publicar.

Con todo cómpre valorar o intento de facer literatura desde os moldes da narrativa popular, algo que conseguiu un autor que, nestes casos, sempre é bo lembrar e ler: o brasileiro Rubém Fonseca, mestre da alta novela policial.

MONDELO, José, "Soamente unha vez", Xerais, Vigo, 2021, PVP. 18,05€

Compartir el artículo

stats