Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Bendito millo

Hórreos e cruceiros de Quins, Melón

Concentración de hórreos na eira de Quins, no concello ourensán de Melón.

Algúns estudos din que a finais do século XX Galicia contaría cuns 30.000 hórreos, aínda que hoxe probablemente sexan menos polo abandono e mais a falta de uso, se ben que na actualidade a súa conservación estea amparada pola lei. Fundamentais nas casas campesiñas de outrora, foron gardiáns celosos do millo, ese gran indispensable na alimentación da aldea. Para almacenalo en lugar seco e seguro, o hórreo elevouse do chan, dispuxéronse tornarratos e a lousa, a laxe ou a tella protexíano da choiva. En varias zonas de Galicia existen conxuntos de grande interese, entre os que destaca o de Santa Maria de Quins, a menor das dúas parroquias do concello ourensán de Melón. Ademais dos celeiros, a cima está coroada por un excepcional Calvario de pedra, tan fermoso como pouco coñecido. Porque en plena comarca do Ribeiro, Melón conserva atractivos lugares que aúnan historia e paisaxe. Un deles é o de Quins, cunha das que podería ser maiores concentracións de hórreos de Galicia. Xunto a eles están os cruceiros de grande interese artístico que integran un Via Crucis no que se representa a Paixón de Cristo e no que resalta o Calvario situado no alto.

Panorámica xeral do Calvario.

O conxunto sagrado comeza na mesma vila coa talla en pedra que se alza próxima á igrexa de Santa María, do século XVIII, anticipo do traxecto que conduce á cima. Accédese subindo desde o camiño que parte xunto á fonte-lavadoiro, outro dos elementos tradicionais que conserva este enclave rural afastado dos circuítos turísticos habituais. Os cruceiros custodian vinte e catro canastros na Eira de Quins, de distintos tamaños –de catro pés os máis pequenos, seis os maiores– e construídos en granito na súa totalidade, excepto as paredes laterais dalgúns, levantadas de madeira. No outeiro os hórreos asentan sobre a rocha, testemuñas dun mundo rural xa case desaparecido. De gran valor etnográfico, a súa construción está vinculada ao incremento da produción de millo na zona.

Hórreos e Calvario.

Gran parte destes canastros son do século XVIII, especialmente os confeccionados totalmente en pedra. Se o conxunto de hórreos e eira é único, tamén o é o número de cruceiros que se despregan ao redor e que culminan co Calvario de primorosa factura, coa peculiaridade de que as dúas cruces laterais teñen o brazo horizontal lixeiramente inclinado cara ao exterior da composición. E non son os únicos celeiros porque outro campo próximo, a Eira do Casal, alberga outra concentración importante destes canastros. Nas proximidades hai algunha casa de séculos que vive á sombra das parras.

Vista doutro conxunto de canastros.

Se os hórreos e cruceiros de Quins resisten a caer no esquecemento, tamén o fai outra xoia monumental da comarca, o mosteiro de Santa María de Melón, cuxas posesións se foron incrementando co tempo ata converterse nun gran centro eclesiástico e administrativo dunha ampla zona que chegaba ata máis aló do Ribeiro –tiña propiedades en Avión, Allariz e Verín– e incluía a costa pontevedresa. Do seu valor cultural fala o feito de estar catalogado desde hai décadas conxunto histórico- artístico e de contar cunha igrexa cuxo tamaño vai parello ao esplendor medieval alcanzado.

Á vista están dous claustros: o das Procesións (século XVI), con bóveda estrelada e arcos semicirculares, e o da Hospedería. As obras de restauración parcial permiten evocar o refectorio, salas, celas e dependencias monacais entre fermosas pedras traballadas. Xa da igrexa, xa destaca a cabeceira con deambulatorio gótico e capela de enterramento, emulando á do mosteiro de Oseira. Non se acaban aquí os paralelismos porque tamén hai coincidencia nalgúns dos retablos barrocos que se conservan, como o da Inmaculada e o de San Miguel.

Outros celeiros

Aínda que son famosos os da costa (Carnota, Lira…), a provincia de Ourense conserva outros conxuntos de hórreos que poden considerarse dos máis grandes de España. En Amoeiro, xunto á Praza da Igrexa, poden verse tipoloxías diferentes, uns construídos totalmente en granito e outros en madeira. Outra importante concentración é a de Avión, xa que en Barroso está unha das eiras máis grandes da península. O granito é o seu elemento principal e destacan polas súas moitas centurias en pé, algúns cunha orixe que pode remontarse ao século XV. Tamén Beresmo acolle outra reseñable agrupación de celeiros. O conxunto de hórreos da Merca está considerado entre os máis grandes de Galicia, con trinta e catro construcións que se dispoñen en ringleira sobre unha lomba. Había máis, pero o paso do tempo deteriorou outros.

No concello de Maceda sitúase outra notable concentración, o mesmo que en Beariz, onde no mesmo centro da vila existen varios grupos, entre eles os da Eira da Forxa, así chamada porque outrora o camiño conducía ao taller onde exercía un ferreiro. Na parroquia de Fondevila (Lobios) algúns se destribúen ao redor da igrexa de San Miguel, fabricados con granito e madeira. Moi preto están os da raia luso-galaica, con concentracións tan importantes como as de Lindoso ou Soajo. Pero está será outra historia.

Compartir el artículo

stats