Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rap e novelas

Valente e recomendable

Ilustración da cuberta de "Pequeno país".

Gaël Faye é un cantante de rap no que conflúe o sangue africano co europeo. Trallou nun fondo de inversións na City de Londres e coa súa primeira novela, Pequeno país, conseguiu en 2016 o premio Fnac de novela e mais o Premio Gouncourt dos Liceos. Despois dun impresionante éxito de vendas en Francia, o libro foi traducido a numerosas linguas e agora acaba de aparecer en galego, na editorial Rinoceronte.

O relato non conta exactamente a vida do autor, pero o narrador protagonista é un alter ego de Gaël Faye: trátase dun neno de dez anos que en 1992 vive en Burundi, nun barrio acomodado de Bujumbura, e que en compañía doutros nenos ricos comete algunhas falcatruadas sen importancia. Co tempo, vai perder a inocencia, por mor da separación dos pais e polas circunstancias bélicas que golpean Ruanda -lugar de orixe da nai- e despois Burundi. A loita entre hutus e tutsis vai ir envelenando todo o tecido social e acaba afectando a súa familia. Pouco a pouco o lector vai descubrindo os conflitos da panda e mais as forzas escuras que dividen unha sociedade que, detrás dunha máscara apracible, oculta unha violencia que se desata de xeito intermitente cada certo tempo. Gatby, o protagonista, e a súa familia van sentindo cada vez máis preto a ameaza do odio; a imposibilidade de ser neutral conduce a Gaby a unha situación límite. Pero como é fillo de pai francés, poderá coller un avión e, instalado nun país con tantas bibliotecas que ninguén repara nelas, cargar coa culpa de ter sobrevivido a unha traxedia colectiva.

Escrito cun estilo sinxelo, cargado de poesía, Pequeno país é un libro valente, moi recomendable.

  • FAYE, Gaël, Pequeno país, (trad. Moisés Barcia) Rinoceronte, Cangas, 2021, PVP. 17,10 €

Compartir el artículo

stats