Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O vento convertido en lingua

Saúdo á luz

Aspecto da cuberta de "Incesante vagalume".

“Espertei. Nese intre deixei de abranguer a illa cos meus brazos para saltar ao máis escuro onde os pensamentos eran líquidos e as mans, nerviosas, procuraban un camiño de volta entre as escumas. // E vinme noutro espazo.” Así se inicia Incesante vagalume, a última achega de Ana María Fernández, unha autora que atopou na poesía infantil o seu camiño máis fértil. Marta ten a solución (2008) e Versos da tarde laranxa (2016) tecen poemas destinados aos máis novos e foron editados, coma este Incesante vagalume, por Editorial Galaxia. Porén, ao cabo, todas sabemos que un bo libro é aquel que calquera persoa pode ler en calquera idade e en calquera intre da vida. Porque en cada persoa haberá unha ollada; en cada idade, unha lectura; en cada intre, unha sensación distinta. Esta premisa cobra especial sentido no libro que nos ocupa porque o vagalume non apaga a súa inconfundible luz cando é observado por ollos xa experimentados.

Intercalando poemas en verso con reflexións breves en prosa poética, preséntasenos o paradoxo dun soño. É dicir, o material último do que está feita a poesía. Aquí encontramos o desexo de experimentar coa identidade, imaxinando ser outra persoa que vive en lugares máxicos e que é quen de ver barcos imaxinarios nun horizonte que só albiscan as gaivotas. Tamén está, sempre está, o peso do paso do tempo nunhas imaxes que nos levan cara a unha espiritualidade laica: Veño da raíz que deseñou a miña forma. / Traio a alma tinguida de tinta / e sinto o laio do mundo no ritmo dos caxatos, / a queixa dos zapatos nas ruínas das lousas… Ou o amor porque todo existe no estalo dun bico. É o amor novo, cheo de vida e de preguntas, que se rende ante a ilusión sen caer nos tópicos sexistas tantas veces repetidos.

En fin, Incesante vagalume é un saúdo ao sol porque é un saúdo á luz da nosa capacidade para imaxinar unha realidade que é outra e que tamén é nosa: Lonxe, / o fantasma dun cabalo que foxe… / Será o vento convertido en lingua?

  • FERNÁNDEZ, Ana María, Incesante vagalume, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 10,92€

Compartir el artículo

stats