Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lembranzas de mar e pedra

Un caderno de viaxe polo Camiño Portugués

Na imaxe grande: Mercado do peixe en Redondela (ca.1930, Anónimo). Nas pequenas:Tres mariñeiros na Póvoa de Varzim (A. Marçal Brandão, 1907); Augadeiras en Compostela (ca.1930, Anónimo).

A Fundación Cidade da Cultura presenta no Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela a mostra O camiño portugués. Lembranzas de mar e pedra, composta por fotografía histórica e actual en diálogo, o que serve para crear unha especie de caderno de viaxe entre a cidade portuguesa do Porto e Santiago de Compostela cun celme romántico evidente. O argumento desenvolve un itinerario que percorre os lugares a ao mesmo tempo a memoria colectiva do espazo da vella Gallaecia un ámbito onde se mantén un fondo inequívoco de identidade cultural e lingüística. A exposición xorde da vontade de evocar o Camiño portugués a Santiago mais supera con moito o simplemente anecdótico ou o puramente documental.

Por medio de 120 fotografías e a través do ollar de 42 fotógrafos e fotógrafas, a mostra achégase á riqueza paisaxística e monumental deste itinerario histórico para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e convidarnos a redescubrilo cos ollos de quen o enxerga por primeira vez. Grandes figuras da arte fotográfica a ambas beiras do Miño e artistas de procedencias diversas que transitaron por estes camiños e vieiros testemuñan coas súas obras as súas impresións e os motivos captados: xentes, paisaxe e monumentos... Fálannos das preferencias vitais e estéticas cada altura e ofrecen unha diversidade de preocupacións que son espello dun mundo cultural en lenta transformación.

  • Título: O camiño portugués. Lembranzas de mar e pedra
    Autor: Varios autores
    Comisaria: Lucía Laín
    Local: Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela
    Até o 17 de abril de 2022

A fotografía histórica presente neste proxecto ten un inequívoco carimbo epocal, abalando entre un pictoricismo moi á moda desde o século XIX até unha poeticidade costumista en que ocasionalmente poden agromar algunhas pinceladas neorrealistas. Coas obras expostas podemos enxergar as diferentes facetas do boa parte do mundo estético da fotografía histórica, desde a inicial teima do fotografo de imitar a pintura, someténdose á retórica do cadro, e alternado con esta postura a tamén inmediata utilización do medio fotográfico como fundamental complemento da información, como fonte que ten vontade de “verdade” documental. Neste sentido moitas obras presentes na mostra son fillas dunha tensión estética moi anterior mais que, en sentido xenérico, chegará até practicamente o noso presente cando a fotografía se diversifique e acabe por se sentir máis dona dunha linguaxe propia e das súas múltiples capacidades para se achegar á comprensión do mundo.

A amplitude de límites cronolóxicos das fotografías de vilas e cidades portuguesas e galegas, que cobre case século e medio, tradúcese en mundos fotográficos ben variados, que nos permiten asimilar non só un argumento ligado ao tema do camiño senón tamén a intensa transformación do feito fotográfico que se produce nun tempo tan delongado, en que se avanza cara a unha definitiva autonomía da fotografía como arte.

En moitas fotografías históricas prevalece un intento de captación do colectivo, que procura a autenticidade das xentes dos lugares visitados. Hai moito de exploración dun territorio, como recolección dunha memoria visual, moitas veces desde a propia experiencia do fotógrafo, un punto de vista claramente individual mais que mantén o respecto polo captado sen renunciaren moitos dos viaxeros e profesionais que realizaron estas obras a certo itinerario idealizado, recreando un mundo arcaico, tradicional e de marcado sabor local. Partindo destes postulados, constrúen frecuentemente imaxes elaboradas e de composicións perfectamente equilibradas.

Roteiros da Gallaecia

O resultado, en xeral, é unha produción caracterízada por un ollar manifestamente afectivo a respecto dos temas escolmados, moitas veces populares: festas, xogos, escenas da vida cotiá. De prestarmos atención ás obras históricas, estas mostran un mundo aínda ancorado no pasado, obviamente froito dun punto de vista que atende a unha parte da realidade e propositadamente exclúe outra. Ao tempo, e por mor dos distintos ollares individuais, tamén se percibe as leves mudanzas da sociedade portuguesa e galega desas décadas, o xurdimento dun usos sociais en proceso de transformación, que non impedían o mantemento das formas tradicionais da vida do pobo.

Cómpre destacarmos o traballo curatorial de Lucía Laín, que supera un reto nada fácil creando un argumento expositivo que permite reflexionar sobre o que fica inmutábel ao longo do tempo e o que muda, incidindo na idea de memoria colectiva para recordarnos o valor patrimonial dos espazos visitados e convidarnos a redescubrilos cos ollos de quen os enxerga por vez primeira. Con bo criterio, o traballo fotográfico complétase no discurso da mostra con textos de escritoras e escritores variados no procedencia e na temporalidade que axudan na construción do ton evocativo e reflexivo que se percibe en toda a exposición.

Compartir el artículo

stats