Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Glosario "Ukiyo!"

Pablo Carreiro na Terra do Sol Nacente

Unha das ilustracións da novela gráfica "Ukiyo!", de Pablo Carreiro. Cedida polo autor

O ilustrador Pablo Carreiro (Vigo, 1985) volve traernos outro anaco do seu particular universo no seu novo proxecto creativo: Ukiyo! (2021, Editorial Libros Indie), unha obra tan didáctica como tenra e divertida sobre a cultura xaponesa, que o propio autor define como “un canto de amor”.

“Ukiyo” é unha desas palabras que tanto nos gustan e que non teñen unha tradución exacta. Viría sendo algo similar á locución latina carpe diem. Provén dunha expresión medieval coa que se pretendía definir “este mundo de dor”; co tempo, o significado derivou a “mundo efémero”, un termo que pon o acento na relevancia do presente. Como Pablo conta na primeira viñeta coa que presenta este novo proxecto “Ukiyo é o disfrute hedonista do momento, fuxindo das preocupacións da vida”. A el prodúcenlle moito 'Ukiyo' debuxar e mais a cultura xaponesa e espera que a ti che pase un pouco o mesmo cando les as súas obras.

Pablo Carreiro (Vigo, 1985), cun exemplar de "Ukiyo!". Raquel López

O “xaponismo”, como el o define, ademais das Spice Girls, é un dos eixos da vida de Pablo Carreiro. Descubriu o seu amor polo manga (especialmente, Sailor Moon) cando era pequeno, algo que definiu o seu futuro porque desde entón soubo que o que o facía feliz era debuxar. Licenciado en Psicoloxía, con experiencia no campo de Recursos Humanos, decidiu pechar esa porta e abrir outra completamente diferente cando a súa empresa pechou hai uns anos. Na persecución do seu soño, pasou tempo procurando o seu estilo e pasando por cursos de debuxo, tendo entre os seus profesores a artistas da talla de Norberto Fernández (Pontevedra, 1967). É consciente de que o mellor compañeiro do talento é o esforzo, confesa que “a debuxar apréndese dedicando un anaquiño cada día a tal labor. Non hai máis segredo que ese. Debuxar e debuxar moito”. Isto pódese apreciar na súa conta de Instagram, @p_ carreiro, onde continuamente publica novas viñetas e ilustracións e mantennos ao día cos seus múltiples proxectos.

Ukiyo viñeta @p_carreiro

Ukiyo! é, pois, un glosario da cultura xaponesa explicada polo autor a través das súas experiencias persoais, as súas continuas viaxes ao país do sol nacente e mais a súa paixón polo manga. Como no caso das súas anteriores obras (as antoloxías das andanzas do seu álter ego Berto en Chico!), esta novela está composta por páxinas autoconclusivas nas que nos fala dun concepto con ese estilo seu tan persoal, salferido arreo polo humor e mais as referencias pop, sen deixar de lado as homenaxes ao mundo LGBTIQ+. Desde o folclore ao J-POP ou ás magical girls, pasando polas tradicións, rarezas ou eses termos intraducibles, Carreiro foi capaz de atopar o equilibrio entre o anecdotario persoal e unha introdución moi ben documentada a unha cultura tan complexa como allea, convertendo esta obra nunha aproximación informativa e divertida, tamén apta para non otakus (nome co que se define aos afeccionados do “manganime”). Como é habitual nas súas publicacións, o autor conta con colaboracións e “cameos” de amigas e amigos e espazo para os seus free talks, reflexións curtas a modo de diario ao carón das viñetas. Ukiyo! destila alegría e convértese no que o seu título tenta transmitir: unha descarga de enerxía que dá moito pracer, unha oda á vida.

Pablo Carreiro traballa tamén habitualmente como ilustrador para webcomics e xornais. Nos últimos anos, de forma interrompida pola situación sanitaria, percorreu España coa súa exposición itinerante Viva Spice!, co seu grupo favorito como fío condutor. Agora atópase inmerso nesta nova obra. Para as interesadas e interesados, Ukiyo! presentarase en A Coruña o 3 de febreiro, na Sala Monty Ambigú; e en Vigo ao día seguinte, 4 de febreiro, no local VHS. Ambas presentacións serán ás 20:00 h.

Alfonso Barreiro “Fon”, premio O Garaxe Hermético

A obra Cósmico, o bombeiro galáctico, do autor Alfonso Barreiro Carreño “Fon” (Noia, 1980) resultou gañadora da terceira edición do Premio de Banda Deseñada da escola de cómic pontevedresa O Garaxe Hermético, certame que organiza en colaboración coa editorial Edicións Xerais. Na actualidade, Fon, ex alumno da primeira promoción de O Garaxe Hermético, imparte clases na escola e é responsable das Xornadas V de Viñetas de banda deseñada do Liceo de Noia. Outras obras prublicadas da súa autoría son Curuxa, a voz de Azazel (2016, Retranca Editora), Troglo e Dita (2019, Editorial Galaxia) e Gazafellos (2021, Aira Editorial).

O xurado do evento, composto polos autores Miguel Porto (Oia, 1980), Fernando Llor (Vigo, 1982), Kiko da Silva (Vigo, 1979), Fernando Iglesias Kohell (Arousa, 1967) e os editores Anaír Rodríguez (Vigo, 1978) e Fran Alonso (Vigo, 1963), deu a coñecer a súa decisión o pasado 4 de xaneiro. Da obra, “unha aventura que fala, de forma máis divertida que didáctica, do coidado e a natureza” destacan “o estilo cartoon infantil, moi recoñecible desde outras obras de Fon, con influenzas que van desde Jan ata Toriyama”.

Edicións Xerais ten previsto publicar Cósmico, o bombeiro galáctico durante a vindeira primavera, facendo coincidir a novidade coa celebración do décimo aniversario da escola de banda deseñada.

Compartir el artículo

stats