Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camiño do Amazonas

A expedición do capitán Iglesias

Vista dun barrio de Manaus, á beira do Amazonas.

O capitán de aviación e enxeñeiro Francisco Iglesias Brage (Ferrol, 1900 – Madrid, 1973) intentou, co tamén capitán Francisco Jiménez Arenas, bater o récord de distancia de voo. Para iso, e tripulando o avión “Jesús del Gran Poder”, o marzo de 1929 saíron de Sevilla coa idea de aterrar no Rio de Xaneiro. Porén, a resistencia de ventos contrarios provocou que por falta de combustible, tivesen que tomar terra en Salvador de Bahia. Nos anos posteriores participou na construción do aeroporto de Lavacolla en 1935. Estaba en Ferrol cando o exército se sublevou en xullo de 1936, adheriuse á revolta e pasou a dirixir os transportes da cidade. Anos despois supervisou a creación do aeroporto de Peinador (1952) e dirixiu o proxecto do de Alvedro (1953).

Malia o aparente fracaso da súa aventura transatlántica, Iglesias e Jiménez obtiveron a mellor marca en navegación por riba do mar e a segunda en distancia. E, o que foi máis determinante para o piloto ferrolán, metéuselle o verme de explorar a Amazonia. Para tal obxectivo, comezou a deseñar unha expedición que desde o primeiro momento contou coa colaboración de diversos galegos, tanto residentes en España coma en América. Entre estes, Cesáreo Mosquera Chousal, nacido en Ribadavia e establecido coma libreiro na selva peruana; o aventureiro de Avión Ildefonso Graña Cortizo, residente en Perú desde 1910, onde colaborara con algunhas petroleiras americanas en localizar eventuais xacementos; ou, meses despois, con outro galego de Ribadavia, Gumersindo Chousal, tamén emigrado á selva peruana. Cando o primeiro coñeceu o proxecto, ofreceu a Iglesias a súa axuda e mais a de Graña. Tamén contaba coa colaboración do crego agostiño palentino Lucas Espinosa, especialista en linguas amazónicas peruanas.

O Ártabro

A proclamación da Segunda República foi saudada polo capitán Iglesias como unha oportunidade para dar pulo á ciencia. Este desexo viuse cumprido cando o novo réxime republicano adoptou con prioridade o proxecto de expedición, aprobado polo consello de ministros en agosto de 1932. Para tal obxectivo, constituíuse un padroado con importantes personalidades e co apoio de diversas autoridades americanas. O Centro de Estudios Históricos, de Madrid, comezou a publicar unha revista que daba noticias da evolución do proxecto e que incorporaba diversos artigos elaborados por científicos españois e estranxeiros. Entre novembro de 1932 e febreiro de 1935 publicáronse catorce exemplares mensuais ordinarios e un extraordinario a maneira de remate.

Entre os propagandistas da expedición cómpre salientar Víctor de la Serna, que publicou artigos nos xornais El Sol , Ya e Crisol e na revista Ciudad, cuxo redactor-xefe era Eduardo Blanco Amor. O proxecto tivo especial apoio en Galicia. Así, o paisano do capitán Iglesias, Ricardo Nores Castro, promoveu un acto de homenaxe no Ateneo Ferrolán e unha subscrición popular para comprar unha bandeira para o barco. Nun congreso celebrado en Compostela en 1935, Iglesias presentou o proxecto. No mesmo ano Correos dedicou un selo para promocionar a expedición.

O elemento principal do proxecto da expedición ao Amazonas era o barco, necesario para o traxecto ata terras americanas, para transportar o instrumental e mais un hidroavión, e para a posterior navegación fluvial. Do primeiro barco que lles foi ofrecido en Fene, Iglesias colleu o nome, Ártabro, que aplicou ao buque que -cunha idea radicalmente distinta- construíu Unión Naval de Levante en Valencia dous anos despois (cun coste de 4,5 millóns de pesetas).

Era un barco pioneiro, movido con motores eléctricos alimentados por diésel e unha potencia de 500 cabalos e con todas as certificacións internacionais. O primeiro destas características construído en España. Foi botado en Valencia o 16 de febreiro de 1935, coa asistencia do presidente da República, e a idea que a expedición partise en decembro. Pero a complicada situación política adiou a partida. O novo goberno da Fronte Popular cancelou definitivamente o proxecto en marzo de 1936.

O capitán Francisco Iglesias Brage (1900-1973)

Ártabro: a desgraza dun pioneiro

Unha vez que o goberno da Fronte Popular cancelou o proxecto, o Ártabro quedou no porto de Valencia ata ser transferido á base naval de Cartaxena. Alí sorprendeuno a sublevación de xullo de 1936. Ante o estoupido do conflito civil, o goberno decidiu adaptalo coma buque hospital e transferilo a Málaga. Perante o risco de que fose capturado polos sublevados, foi afundido no porto malagueño o 7 de febreiro de 1937 pero puido ser reflotado unha semana despois e pasou a ser destinado a salvamento de buques.

Rematada a contenda, en 1940 foi adaptado coma buque colonial, función que deixou en 1942 cando foi destinado a apoio de torpedeiras primeiro, e residencia de oficiais da Escola Naval de Marín despois. En 1949 e rebautizado como Juan de la Cosa (en homenaxe ao mariño cántabro que elaborou o primeiro mapa con América), foi destinado a buque hidrográfico, con base en Barcelona, para a zona de Cataluña e Baleares ata 1952, rematando a súa carreira en 1975.

Malia que non chegou a navegar as augas para as que foi pensado, aínda prestou servizos de axuda e durante vinte e cinco anos, estivo dedicado á investigación mariña, o que dalgún xeito o reconciliaba coa súa misión primixenia. E deixou na lembranza o seu nome, Ártabro, que evoca para sempre as orixes galegas do promotor da expedición frustrada.

Compartir el artículo

stats