Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un texto poderoso

Con coidados versos rítmicos

Detalle da portada de "Duración da penumbra".

Duración da penumbra é o poemario que no ano 2016 conseguiu o XXIII Premio de Poesía Afundación. Hoxe, na editorial do propio autor, reedítase en tiraxe limitada de 250 exemplares e con cadansúa reprodución da sinatura de Miguel Anxo Fernán Vello.

A traxectoria de Fernán Vello é coñecida abondo. Dilatada e cunhas pautas que a fan bastante identificable para o lector que o siga. Xa dende os seus primeiros poemarios podíanse albiscar lugares comúns como o do corpo da muller como obxecto de desexo ou elementos simbólicos bastante presentes como as sombras coa carga de significado poético que conleva. Non vou dicir nesta recensión que o autor vén facendo exactamente o mesmo que leva desenvolvendo nos seus poemarios dende hai máis de trinta anos. Non se me entenda mal. Agora ben, non cabe dúbida que lendo esta Duración da penumbra hai unha serie de reminiscencias que son inevitables comentar, pois entendemos, vaille no proxecto creativo. É máis, por momentos (o propio título fai que se me entenda perfectamente) o poemario ten unhas connotacións que lembran a poesía máis nidiamente existencialista co que de pesimista ou apocalíptico por veces ten o concepto. Hai momentos no que un non puido evitar un sorriso condescendente ao ler versos influenciados por obras doutros autores que lle dan un certo aire estilística e conceptualmente semellante os poetas máis senlleiros da Xeración dos 50. É lóxico que un teña influencias perceptibles na propia expresión poética.

Toda esta bagaxe concéntrase nun texto poderoso en todos os aspectos. Poesía na que a penumbra, as sombras invanden todo a pesar de certas concesións a unha luz vivificadora, chea de esperanza que non é suficiente para unha traxectoria alegórica cara ao destino último de calquera ser humano. Este é un marco capaz de facilitarlle ao eu lírico moitos motivos para a reflexión sobre diversas cuestións do cotián que se tornan transcendentes. A pescuda, o ollar curioso analizan situacións que influenciadas por unha sensación de soidade que reforza a sensación de penumbra imperante no poemario.

Mais esa bagaxe non se cingue ao resultado das sensacións e vivencias escenificadas; a forma é un dos puntos fortes. O coidado polo verso rítmico, musical sen prescindir de ningún dos recursos estilísticos precisos para alicerzar un decorrer versal traballado e enriquecedor do conxunto.

Así pois, lectura recomendable para os/as amantes da poesía.

  • FERNÁN VELLO, M.A., Duración da penumbra, Espiral Maior, A Coruña, 2021, PVP. 14,25€

Compartir el artículo

stats