Cúmprense este ano que iniciamos cen anos do lanzamento do famoso manifesto Máis Alá! (1922) publicado polo poeta Manuel Antonio -que foi quen elaborou o escrito- e polo debuxante Álvaro Cebreiro, un texto programático que traía ao contexto galego os debates da literatura e das artes visuais da vangarda internacional.
Xa é lugar común e parece inevitábel cando falamos de Manuel Antonio relacionar a súa produción poética, e en xeral toda a súa actividade literaria, co fenómeno da vangarda internacional que nas primeiras décadas do século XX abalou en todo o mundo a escena artística. En xeral, todos os movementos de vangarda enfatizan a importancia da modernidade, sendo neste sentido paradigmático o futurismo preconizado por Marinetti. A actitude de todos os artistas vangardistas é sempre plenamente activa porque consideran a súa acción como unha aventura, como unha experiencia de orixinalidade, lémbrese a biografía do propio Manuel Antonio, a súa rebeldía xuvenil, o seu desexo de novas experiencias; neste sentido, o libro De catro a catro é a historia dunha travesía, dunha experiencia do eu moderno, dunha aventura externa e ao tempo transformadora do ser.
A vontade de orixinalidade, vinculada ao individual, é unha característica das artes occidentais desde o período romántico, como Octavio Paz apuntou con moita lucidez en Los hijos del limo; Manuel Antonio expresa claramente este desexo cando afirma no “Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu” que “fixo da sua independenza un sagro fanatismo, e vel-eiquí o tendes só, ergueito e orguloso”.
O escritor e o artista de vangarda é un ser subversivo que mantén unha postura activa e militante, pensemos no caso de Manuel Antonio na publicación do seu manifesto Máis Alá!, elemento de axitación dirixido á mocidade intelectual galega. Sen dúbida, Manuel Antonio asinaría as palabras do poeta catalán Joan Salvat-Papasseit, figura en moitos puntos aspectos semellante ao rianxeiro, que afirmaba que “Per a ésser Poeta caldrà primerament el desig de lluitar”, declaración que para a mentalidade actual non deixa de chamar a atención polo seu contundente argumento ao considerar que non é poeta o que non loita antes, mais que no contexto das correntes vangardistas perecía caber plenamente.Mais o artista e o escritor tamén se ve como un ser superior, unha especie de heroe destinado a mudar a realidade cultural ou, ao menos, considérase o encargado de aguilloar a orde imperante, e para esa finalidade calquera linguaxe artística é boa. Como exemplo Manuel Antonio reafirma en Máis Alá! e despois no “Prologo dun libro de poemas que ninguén escribeu” (1924) o seu aristocratismo intelectual, a superioridade da súa postura vital e creativa.
Cómpre situarmos estes puntos de vista na altura histórica en que se producen, hai xusto cen anos. Estamos nun momento extremadamente singular no desenvolvemento da sociedade occidental en que converxeron diferentes tipos de evolución, desde a científico-técnica á filosófica, que mudaron a significado do tempo e mais do espazo. Cada quen á súa maneira, inhumana nuns casos e chea de promesas noutros, todos ofrecían unha liberación do inmediato, nun mundo que se movía entre a extrema mobilidade e o caos.
O mundo tornase un todo por primeira vez, deixando de ser unha abstracción para se facer imaxinábel, hoxe diriamos global. Este feito é ben perceptíbel na poesía de autores como Apollinaire ou Blaise Cendrans, e obviamente tamén nos futuristas, gañando en todos o tema da viaxe un relevo singular. Transporte, mensaxes, información, acumulación do capital, mercados, organismos internacionais son todos parte desta verdadeira revolución na capacidade de abranguer o mundo material. Mais, ao mesmo tempo, a evolución mental do home europeo completa o seu proceso de secularización que tivo inicio na final da Idade Media; o home conquista o territorio espacial e temporal no cal até entón se supuña a existencia de Deus.
Unha nova relación
Neste momento podemos testemuñar o xurdimento da consciencia dunha nova relación entre o ser humano e o mundo, deixando de haber descontinuidade entre o individual e o xeral. O ser humano pasa a ser parte do mundo e a ser inseparábel deste nun sentido enteiramente orixinal que permanece na base de toda a consciencia moderna, cada home era o mundo que herdara.
Os ecos desta consciencia moderna están, de forma lúcida, no manifesto Máis Alá! e no conxunto da obra de Manuel Antonio. O rianxeiro era un escritor que coincide na súa obra con moitas das preocupacións profundas do pensamento e da arte europeas do seu tempo, e tiña unha actitude fondamente reflexiva, en loita constante pola mellora da súa expresión lírica. Era un poeta moi autocrítico e vivía en tensión dialéctica a superación de etapas estéticas servíndose de estruturas simbólicas que se manifestan case sempre por medio dunha técnica vangardista, en que predomina a imaxe creacionista, elaborando un universo poético que reflicte unha vida interior e unha impresión sentimental que fican cando a moda desaparece, cando só permanece a voz do poeta.