Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cegueira da ditadura

Tempos para non esquecer nin repetir

Aspecto da cuberta de "Xoguetes para nenos cegos".

A polifacética artista Luz Darriba (Montevideo, 1954), gañadora de numerosos premios en diferentes artes achéganos neste Xoguetes para nenos cegos, momentos inquietantes nuns tempos de opresión, miseria e incultura que non están tan afastados da nosa realidade.

Se na primeira novela de Luz Darriba se exploraba de xeito inédito a temática da ditadura arxentina, neste caso a historia enmárcase nunha vila galega indeterminada nos tempos da posguerra española. Xosé cóntanos en primeira persoa como se vai converter no guía de Xan, un rapaz invidente. Xa desde as primeiras liñas atopamos dous mundos totalmente enfrontados, a familia de Xan, os Pena Moura, rica, poderosa e influínte, os gañadores. Fronte a eles, a familia de Xosé, os perdedores, desestruturada, cun pai alcohólico que maltrata a nai submisa.

Poderiamos pensar na referencia de El Lazarillo de Tormes, mais non estamos diante dunha novela picaresca co típico pícaro vividor e trampulleiro. O protagonista en primeira persoa vaille prestar os ollos a Xan para poder moverse polo mundo iniciando un proceso de converxencia entre as dúas personaxes en só unha. Asistiremos así a vivencias moi duras e mesmo macabras, a páxinas onde a condición humana é levada a límites de crueldade inesperados na historia por parte do despotismo de Xan, pero nas que tamén aparece certa resistencia individual por parte de Xosé e algúns episodios de ilusión e esperanza nun proceso que acelera e vai in crescendo en cada capítulo ata culminar nun final totalmente inesperado por parte de quen le.

É o tempo da escuridade da posguerra, unha época de vencedores e vencidos, onde as familias dos “roxos de merda, esfameados e fedorentos” tiveron que aprender a sobrevivir diante dos que gañaron e onde se amosa ata que punto pode chegar a cegueira humana.

  • DARRIBA, Luz, Xoguetes para nenos cegos, Belagua, Vigo, 2021, PVP. 14,25€

Compartir el artículo

stats