Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Miguel Anxo Seixas Historiador

“Para Castelao, Bos Aires era o lugar dende o que se podía facer máis por Galicia”

O historiador Miguel Anxo Seixas Seoane. Xoán Álvarez

–Por que decidiu comezar esta terceira, e última, parte da biografía de Castelao concretamente no ano 1940?

–Porque, xusto en 1940, Castelao desprázase dende Nova York a Bos Aires, que é onde el quería estar, cousa que tardou case dez anos en conseguir unha vez que o goberno arxentino, non era moi partidario de acoller os exiliados españois, e menos os intelectuais. El finalmente logrou o permiso de entrada no país porque,entre outras cousas, xa estivera de mozo alí. Para Castelao, Bos Aires era a cidade de América dende a cal podía facer máis cousas por Galicia.

–Cando chega a América, cre que se trata dun exilio breve ou era consciente de que o máis probable é que non podería volver máis a Galicia?

–El pensaba que sería un exilio breve e, de feito, confiaba en que os galegos que residían no exterior, nomeadamente en América, axudarían á restauración da República e do Estatuto de Autonomía. Cría que en todos eses países, con numerosa emigración galega, atoparíase cun “exército concienciado” en devolver a democracia a Galicia e considerala unha nación; ao cabo, pretendía facer algo semellante ao que fixeran os irlandeses afincados en Estados Unidos. Todo o seu labor alí, tanto o político como o cultural, estivo dirixido a acadar ese obxectivo.

–Cales foron as súas relacións cos gobernos no exilio da Segunda República.

–Castelao acreditaba que os gobernos da República no exilio tiñan que empezar por recoñecer o seu fracaso, pero el sempre se mantivo leal ao réxime republicano. O que pasou foi que, novamente, e tal e como xa ocorrera en 1936, rematada a Segunda Guerra Mundial, os republicano españois volveron ser abandonados polas democracias occidentais vencedoras do nazismo e do fascismo, que consentiron que Franco se mantivese no poder. O cal supuxo toda unha frustración, claro.

  • "Castelao foi federalista, pero non independentista"

–A idea de escribir Sempre en Galiza xa a tiña antes ou ocorréuselle xa cando estaba no exilio?

Sempre en Galiza é a suma dunha serie de artigos que comezou a escribir en 1934 cando residía en Badaxoz, polo tanto fóra de Galicia. Xa durante a guerra, volveu escribir novos artigos e, finalmente, fixo unha ampliación máis, e tras unha longa etapa de reelaboración, publicounos como libro en 1944. En realidade, pódese dicir que esta obra, que é o seu testamento político, foi escrito durante o exilio.

–Está todo o pensamento político de Castelao contido en Sempre en Galiza ou podería aportar algo máis se se lle tivese dado por escribir un ou varios capítulos máis do volume durante os derradeiros anos da súa vida?

–Tras da de 1944, Sempre en Galiza tivo unha nova edición ampliada cuns cantos artigos máis. Esta obra descobre a Castelao como un home con tremenda afouteza, fixo moitas cousas e fíxoas só. E fíxoas só porque entendía que esa era a súa obriga moral; ademais, naquela altura, só el podía facer unha obra semellante nun libro que reivindicase a Galicia como unha nación cunha cultura e unha historia de seu.

–Está ben claro que Castelao desenvolveu un importante labor político no exilio,pero el tamén era un home da cultura. Cales coida que foron as súas máis importantes actividades culturais unha vez que asentou a vivir en Bos Aires?

–Castelao era, ademais dun magnífico debuxante, un grande escritor e ensaísta. Pero, no exilio, veuse na obriga de facer un libro político que, como dixen, é un testamento, un legado, un mandado para a cidadanía republicana galega. Para iso, el o quería sempre era sumar, sumar cada vez máis xente á causa de Galicia. Nese senso, na súa idea sempre estivo fundar un grande centro galego que agrupase a todos os grupos comarcais e provincias que xa estaban funcionando. E para que? Pois para que os galegos constituísemos unha colectividade poderosa no mundo, como o son os xudeus. O que pasou foi que o nacionalismo dos galegos na emigración era máis un nacionalismo sentimental (preocupado por cousas como a música, o baile ou a gastronomía) que un nacionalismo político, malia que el, como intelectual, se valeu de todo o seu prestixio para que ese folklorismo mudase en verdadeiro nacionalismo.

Miguel Anxo Siexas, posando delante de la tumba de Castelao con su anterior obra "Castelao, constructor da nación", en 2020 Xoán Álvarez

–Compartía Castelao o celtismo que caracteriza a Xeración Nós ou simplemente o aceptaba como, digamos, un xeito de “facer Galicia” alén das nosas fronteras?

–Nesta cuestión, Castelao herda cousas legadas polas anteriores xeracións do galeguismo. Desde Verea e Aguiar, pasando por Vicetto e Murguía, a tradición cultural galega vaise verquendo nunha serie de investigacións que acadan o seu cumio no Seminario de Estudos Galegos, dende o que Castelao, que tamén era membro, consideraba que se estaba a construír o edificio cultural de Galicia. Pero, cando en 1936, se interrompe ese proxecto, o labor do SEG queda a medio facer e, iso sí, tiña xa construído o mito do celtismo en Galicia. Iso, por certo, aproveitouno para escribir As cruces de pedra en Galicia, onde incorpora á sua obra escrita ese discurso de celticidade.

–Das tres partes das que consta a biografía, cal delas lle resultou máis difícil de artellar?

–Seguramente esta, pero o problema de toda a biografía, e nomeadamente o de esta terceira e última parte, foi que, ao tratarse dun home que estivo en moitos sitios, e en todos eles foi ciscando a súa pegada, co cal complícase moito o traballo do biógrafo.

–É esta a biografía definitiva de Castelao ou sinte que aínda lle quedaron no tinteiro moitas cousas por contar?–

Do que atopei e pescudei, está todo aquí, pero cada xeración ten unha perspectiva diferente e adoita revisitar os seus clásicos. Eu concibín este traballo como un andamio dun edicificio aínda en contrución no que caben moitas aportacións que se lle poden ir facendo. Nese senso, claro que seguramente quedan aínda moitas cousas por contar ou tamén por reinterpretar, ou por matizar. E, por suposto, non fai falta que sexa un proxecto tan cobizoso coma este. Chegado a este punto, eu agora o que fago é un chamado á cidadanía para que nos axude a completar esta triloxía, e que sexan outros os que aporten, ou fagan, as correccións pertinentes no caso de que atopen algún dato que non sexa exacto, Sería bo que esta non fose a biografía definitiva de Castelao.

Compartir el artículo

stats