Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte e esoterismo

Dos monumentos aos mapas estelares

Aspecto do parque do Pasatempo (Betanzos).

Os monumentos son parte da nosa historia. Ao aproximarnos a xacementos arqueolóxicos ou a catedrais, o legado indeleble que recobre os cimentos do que somos agora, subxace baixo os nosos pés. Son a pegada do tempo, e os seus segredos a incandescente promesa do porvir. Como portais que levan a épocas pasadas, resulta inevitable preguntarse: como foron eles, os que erixiron estes muros? Con que finalidade salvagardaban un momento de vida agora extinto? Que rituais, que crenzas acubillaban nas súas noites?

A documentación que chegou onde ós, puido responder a moitas preguntas, pero o carácter enigmático do que se impregnan as obras co paso do tempo segue desencadeando unha enorme fascinación. Moitos dos monumentos que agora visitamos amosan unha tenue aura de misticismo e, aínda que a súa concepción é primordialmente relixiosa, a súa lectura en profundidade lévanos ao terreno do simbolismo para falar de mitos, lendas e ata prácticas esotéricas. Nalgúns casos, as respostas aínda se nos escapan e, noutros, non deixan de xurdir novas e interesantes hipóteses.

É o caso da teoría que propón a historiadora da arte italiana, Gloria Vallese, no referente á Basílica de San Marcos de Venecia. Segundo recolle o xornal italiano La Repubblica, “as pegadas dunha pequena estrela situada no nariz dunha nena, e tallada no baixorrelevo do portal principal, é o que podería quedar dun antigo mapa de constelacións que brillaba na fachada da Basílica desde mediados do s. XIII”.

Fachada de San Marcos (Venecia).

O arco inferior do portal, coñecido como o Ciclo dos Meses, foi construído nunha época na que, “obviamente, non había teléfonos intelixentes, nin internet, nin luz eléctrica, polo que se podían recoñecer facilmente as constelacións que servían de punto de referencia para os navegantes e como reflexo do cambio de estación para o pobo”, afirma Vallese no mesmo medio. Profesora de elementos de iconografía e iconoloxía na Academia de Belas Artes de Venecia, leva anos traballando para demostrar que o artista non só retrataba o ciclo dos meses, senón tamén aqueles mapas estelares. Trátase pois dun feito visionario para unha época na que as únicas ferramentas de orientación eran a Rosa dos Ventos e mais o chamado Compás Estelar.

Desde a antigüedade, o ser humano soubo transmitir os seus coñecementos e pensamentos máis transcendentais, e depositar as súas crenzas e rituais en forma de ideas arquetípicas capaces de sobreviviren ao paso do tempo. Durante a Idade Media, a arte románica e gótica servíase do simbolismo para unir nas súas imaxes e construcións a realidade física e metafísica, o material e o espiritual, co obxectivo de mostrar ao adepto o camiño a seguir. Trátase dun reflexo da sociedade do seu tempo no seu conxunto e, da parte máis perceptible, hai que separar os significados esotéricos que van máis alá. Os sabios eran no seu momento os que tiñan a mirada preparada para entender estas mensaxes ocultas. Mensaxes que falan dos saberes e tradicións do pobo, os seus costumes, as lendas que se fiaron ao seu redor e os segredos de alquimia e outras prácticas, consideradas no seu momento cousa de meigas. As indagacións de Vallese reflectíronse na exposición Estrelas e Viaxes. Exploracións, iconografía e astronomía en San Marcos no século XIII, que tivo lugar no espazo Zattere Magazzino da Academia de Belas Artes de Venecia, xunto as obras do artista Resi Girardello e co apoio do director da Academia, Riccardo Caldura.

Galicia é, pola súa banda, un oasis para as tradicións pagás relacionadas co mundo esotérico. Así dicíase que os cruceiros protexían da Santa Compaña e guiaban os peregrinos, mentres que o Parque do Pasatempo alberga simboloxía masónica. As súas paisaxes frondosas, os seus elevados cantís do norte e os temporais de neblinosa calma fan dela o escenario perfecto para todo tipo de misteriosas lendas que aniñan na, ben coñecida, terra de meigas. E, nesta vida ou na outra, sempre nos queda Santo Andrés de Teixido, ao que vai de morto quen non foi de vivo.

Interior de Santalla de Bóveda.

O enigma de Santalla de Bóveda

Un dos maiores enigmas da arte galega atópase no conxunto tardorromano de Santalla de Bóveda, descuberto en 1914 baixo unha igrexa moderna a uns 14 km de Lugo.

Esta basílica de tres naves cunha piscina na parte central data do século III d. C. Porén, a abundante pintura mural das súas paredes, con imaxes de aves e motivos vexetais, foi realizada no s. VII, segundo un recente estudo das universidades de Santiago e A Coruña. Este conxunto de signos e imaxes enigmáticas abonda para mostrar a rareza do monumento, declarado Ben de Interese Cultural en 1996.

Nos últimos tempos, as diferentes interpretacións sobre a súa posible finalidade fixeron del un lugar de baño, un ninfeo, un templo dedicado a Prisciliano, un lugar de culto ás augas prerromanas, un templo dedicado a Cibeles e, segundo as teses máis recentes, un posible templo funerario dedicado á honra de Dionisio.

Con todo, aínda prevalecen moitas incógnitas que non tentan esclarecer o seu significado. Tal vez, pola mestura de trazos que ben poderían pertencer ao período tardorromano ou aos albores da Alta Idade Media. O edificio de orixe pagá converteuse nun templo cristián dedicado á mártir Santalla, que da nome a Igrexa do século XVIII construída na súa superficie e que santificou aquel trascendental lugar de culto


Compartir el artículo

stats