Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Spielbergno West Side

Broadway e o cinema

Steven Spielberg cos actores da nova versión de West Side Story. Abaixo: fotograma da versión orixinal do filme (Richard Wise, 1961). | FOTOS: ARQUIVO

A chegada do cinema sonoro a finais do século XX orixinou, entre otras consecuencias, a procura de materiais musicais para o novo horizonte que se abría. The Jazz Singer (Alan Crosland, 1927) non era exactamente un musical, pero si que introduciu algunhas cancións no seu relato. A partir de daquela, Broadway entra no cine.

Spielbergno West Side

West Side Story, como outros moitos títulos do xénero, ten a súa orixe na escena teatral neoiorquina. Foi a finais da década dos corenta do pasado século cando o coreógrafo Jerome Robbins propuso ao compositor Leonard Bernstein a idea de realizar unha versión de Romeo e Xulieta. No primeiro borrador, os protagonistas eran un rapaz xudeu e unha moza católica italiana; é dicir, nesa versión inicial as barreiras estaban marcadas pola relixión. Porén, a evolución demográfica de Nova York convenceu aos autores de transformar a historia nun enfrontamento entre os Sharks (tiburóns) de orixe portorriqueña e mais os Jets, americanos de raíces polacas. O libreto foi encargado a Arthur Laurents mentres a letra das cancións a Stephen Sondheim. A estrea tivo lugar en setembro de 1957 no Teatro Winter, acadando un éxito rotundo. Axiña, as produtoras Mirisch Pictures e Seven Arts mercaron os dereitos da obra e ofreceron o proxecto a Robert Wise, pero este, con acertado criterio, solicitou a colaboración de Jerome Robbins. Os produtores aceptaron, pero á metade da rodaxe, o coreógrafo, que esixiu colaborar tamén como director, foi despedido por mor dunha enfermiza meticulosidade que ocasionaba continuas repeticións e, en consecuencia, moito retraso. Os papeis protagonistas recaeron en Natalie Wood e Richard Beymer, intérpretes con escasas dotes como cantantes e bailaríns. Para encarnar a Bernardo elixiuse a George Chakiris, que xa participara na versión inglesa da obra teatral, mais desenvolvendo oo papel de Riff, o seu adversario, que na versión fílmica foi interpretado finalmente por Russ Tamblym, actor que formara parte do elenco de Sete noivas para sete irmáns (Stanley Donen, 1954). Pola súa parte, Rita Moreno encarna o personaxe de Anita. As cancións foron dobradas por Marni Nixon (Wood), Jim Bryant (Beymer), Betty Wand (Moreno) e Tucker Smith (Tamblym).

Rodada en 70 mm (Technicolor), con fotografía de Daniel L. Fapp, a película ofrece unha plasticidade soberbia, acompañada dunha escenografía que o paso dos anos converteu en icónica: rúas desertas, patios pechados, vallas metálicas, escadas de incendos, etc. Espazos con carga metafórica, totalmente en sintonía con esa sensación de reclusión e gueto que semella coartar a posibilidade de progresar na vida para este grupo de mozos, independentemente do bando ao que pertenzan. Mentres moitos dos musicais hollywoodienses ofrecían cancións que eran unha mera atracción sen apenas conexión coa narrativa, West Side Story amosa, en cambio, números musicais que profundan na personalidade dos personaxes e amplían o contido de certas secuencias, co engadido de que a historia non semella caer nunha pausa cada vez que a música irrompe no relato. O número que abre este, “Jet Song”, está posto en forma de tal xeito que, sen a necesidade de palabras, é capaz de ofrecerlle ao espectador unha situación de lugar dos feitos que van ser narrados a continuación. Todo queda introducido nese arranque: a situación das bandas, o espazo, a atmósfera, o liderado dos personaxes... Tan só con coreografía e música. A partir de aí, o filme avanza cara a un final tráxico, ditado por unha forza externa, invisible, superior aos intentos individuais de varios personaxes que procuran sen éxito remediar o irreversible.

Conta pendente

Arredor de certas historias de Steven Spielberg semella haber unha conta pendente coa infancia. Desta vez, trátase do impacto que lle provocou West Side Story cando presenciou o seu pase no cinema sendo un rapaz. Se o coreógrafo de Robert Wise foi Jerome Robbins, nesta ocasiónSpielberg apoiouse en Justin Peck, e no libreto/guión escrito de Tony Kushner, autor dos argumentos de Munich (2005) e Lincoln (2012). Para o icónico papel de María, o director optou por un rostro novo, escollido nun casting no que participaron máis de 30.000 persoas: Rachel Zegler, unha moza de New Jersey de orixe colombiana. David Álvarez, que xa participara no musical de Billy Elliot (2009) será Bernardo, mentres que Ariana DeBose e Mike Faist darán vida a Anita e a Riff respectivamente. O filme presenta unha pequena chiscadela coa presenza de Rita Moreno nun papel inédito na versión orixinal, Valentina, a dona da tenda onde traballa Toni.

Outras das pezas chave desta adaptación é a fotografía de Janusz Kaminski, responsable de todas as películas de Steven Spielberg desde 1993. Desde que se fixera pública o trailer do filme, os espectadores puideron comprobar a calidade do tratamento plástico que envolve a atmosfera urbana que acolle esta historia tráxica

Compartir el artículo

stats