Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A sombra de Cristal

Creando ópera en galego

Un momento na representación da ópera A sombra de Cristal (2021), de Fernando Buide.

O compositor Fernando Buide vén de estrear unha ópera exquisita titulada A sombra de Cristal, o cal constitúe un tour de force da cultura orixinal, a xulgar pola emerxente corrente creativa da versións divulgativas que asolaga escenarios e medios de comunicación. Con libreto de Quico Cadaval; coa soprano María Hinojosa como Cristal; o barítono César San Martín como Trocado; o actor mimo Víctor Mosquera como Marcial e mais a Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, Buide amosa unha creación musical nun acto, que pertence ao xénero da ópera bufa, debullando con trande intelixencia un gracioso fío argumental de paixóns, enganos, compromisos e poder que alicerza nun terno de persoeiros traspostas da commedia dell´arte. Polo demais, a peza do mestre Buide presentouse en programa dobre coa representación na primeira parte da velada do intermezzo de Giovanni Battista Pergolesi titulado La serva padrona, unha deliciosa e famosa ópera que conta os xogos de sedución entre unha criada e o seu señor até rematar no matrimonio. Esta ópera, estreada en 1733, forma parte dun conxunto de creacións -tales a obra teatral Le mariage de Fígaro de Agustin de Beaumarchais, estreada en 1778; a ópera de Wolfgang Amadeus Mozart que leva por título Le nozze di Fígaro, estreada en 1786 ou a tamén ópera Il barbiere di Siviglia estreada en 1916 e composta por Gioachino Rossini- que, con luva de veludo e man de ferro. bombardearon as bases do Vello Réxime incorporando os xogos entre condes, perruqueiros e criadas ou entre serventes e patróns até abrir as portas dos pazos ao novo sistema social, político e cultural posterior á Revolución Francesa. A inspiración na ópera de Buide vén, sen dúbida, do xogo cortés de Pergolesi contextualizado na época contemporánea e con referencias á cultura pop como o grupo Abba ou a formas de traballo dos nosos días como son as administracións autonómicas. Velaquí a idoneidade de representalas conxuntamente, sendo ademais un divertimento intelectual marabilloso para calquera afeccionado ao eido operístico.

Un momento na representación da ópera A sombra de Cristal (2021), de Fernando Buide. XAIME CORTIZO

Hai pouco menos de dous anos, Buide xa nos agasallara con outra deliciosa ópera, asemade en galego. que levaba por titulo A amnesia de Clío e agora volve presentarse diante do público cunha creación que ten unha faciana común, no musical, coa anterior creación melodramática pero que troca no xeito de compoñer toda vez que esta nova proposta devén unha comedia musical que secunda dalgún xeito e subliña os aspectos e mais o ritmo do texto de Quico Cadaval. Un espazo onde hai referencias a Abba, Madama Butterfly ou La serva padrona que son transportadas e incorporadas á música de Buide.

O proxecto, que xorde inicialmente dunha proposta da Asociación de amigos de la ópera de Santiago para facer unha dobre velada inspirada en La serva padrona, mais considerando o troco de persoeiros dramáticos incorporado polo libretista Cadaval, constitúe un éxito de público e crítica que aplauden a levidade divertida da música e do texto. O ton de comedia vén reflectir a conduta de persoeiros que teñen unha infelicidade e que no discurso da acción conseguen superar esa tristura. O auditorio érguese tamén máis ledo logo de mirar o divertimento musical que ten un ton irónico e satírico que, non sendo o principal da creación, resulta o xusto para esbozar sorrisos e mesmo risos na sala.

Dada conta da sofisticada sinxeleza da proposta e mais a importancia dos axentes creadores e tamén da excelencia do resultado, pódese afirmar que esta ópera é a máis relevante proposta artístico-cultural do ano en Galicia. Arestora, o mestre Buide está “imbuído” no seu próximo proxecto, que é unha obra para soprano coro e orquestra relativamente extensa que será a nosa ledicia cando nos próximos meses se faga a estrea da mesma. Conforma unha fortuna deste período de tempo na Galiza posterior ao Estatuto de Autonomía que poidamos agardar con ansia a nova composición operística dun veciño galego e tocar así o teito pintado con frescos manieristas dun calquera rapto de Europa.

A tradición dunha lírica propia

Na construción dunha música clásica contemporánea en galego, contamos cun atecedente, case unha lenda, como é o caso de O Mariscal: unha ópera composta por Eduardo Rodríguez Losada e letra de Ramón Cabanillas e Vilar Ponte, estreada en 1930 en Vigo. Conta a historia de Pardo de Cela o derradeiro aristócrata galego que se opón ó reino de Castela e que foi executado por orde dos reis Católicos, transcendendo como figura mítica. Así mesmo, cómpre citarmos o o monumental traballo compositivo de Rogelio Groba, con máis de setecentas obras no seu catálogo no que abundan as obras vocais, cantatas, unha misa, un réquiem, e diversas óperas; entre elas, María Pita, Camiños de Rosalía, Floralba e Pedro Madruga. E tamén temos de lembrar aínda as marabillosas.creacións musicais de Antón García Abril, moi divulgadas ao seres bandas sonoras de filmes. Mais asemade importantes son as súas composicións para voz como as Cancións Xacobeas, maxistralmente interpretadas pola cantante Teresa Berganza a máis importante mezzosoprano española do século XX e XXI.

Na hora presente, e para alén de Fernando Buide, outros creadores están a compoñer igualmente pezas para voces en lingua galega. Velaí, entón, o mestre Juan Durán quen estreou a ópera O Arame no Teatro Colón da Coruña no ano 2008. Trátase dunha ópera de cámara nun acto sobre un libreto de Manuel Lourenzo. Conta con dúas personaxes; unha soprano e un barítono, se ben no desenrolo da escena participan tamén dous mimos. Na estrea a dirección orquestral correu a cargo do mestre Maximino Zumalave.

Compartir el artículo

stats