Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Polo Diario 1921

Castelao no Museo de Pontevedra

Nas diferentes imaxes: diversos aspectos da mostra arredor do Diario 1921, que se presenta no Museo de Pontevedra. | FOTOS: ELIREGUEIRA

O Museo de Pontevedra presenta unha exposición dedicada á viaxe europea de Castelao, realizada en 1921, e ao diario por el elaborado durante os meses que pasa en Francia, Bélxica e Alemaña. A mostra reproduce os 131 debuxos do manuscrito e achega valiosa información documental da viaxe do rianxeiro hai agora cen anos, froito dunha pensión concedida pola “Junta de Ampliación de Estudios” para estudar, sobre todo, distintas técnicas de gravado.

Polo Diario 1921

A recepción deste diario -ben coñecido polas sucesivas edicións, entre as cales destaca o facsímile de 1986- por veces deu excesiva énfase ao suposto conservadorismo de Castelao, que critica aspectos da arte de vangarda presente en diferentes mostras dese mesmo ano. No entanto, este debate ás veces é formulado a partir posicións reducionistas e afastadas do contexto daquela altura. Neste sentido cómpre lembrarmos que a modernidade é unha realidade de múltiples facetas, e máis aínda neses anos. Nese sentido, distanciarse do cubismo -sobre o cal, por certo, escribe para a revista Nós- implica unha escolla posíbel. Castelao, por tanto, rexeita algunhas das escolas da arte moderna en canto mostra o seu interese por outras, principalmente pola estética de raíces populares que estaba presente en varias tendencias da modernidade daqueles anos, como é o caso de diferentes manifestacións da vangarda rusa.Sen dúbida, un bo exemplo é a súa resposta aos famosos “Ballets Rusos”. No final da súa estadía en París, o 20 de xuño, visitou unha exposición de artistas ligados aos “Ballets rusos” dirixidos por Serguei Diaghilev. Castelao rexistra o seu fascinio polo que contempla e fai unha serie de reflexións xenéricas sobre o que ve, cativado polo celme popular e anticlásico que detecta en artistas que para el sobresaen pola riqueza cromatica, o ritmo e a capacidade creativa, destacando, por exemplo, a obra da pintora rusa Natalia Goncharova. A marca profunda do que alí ve vai ser duradoira na obra do rianxeiro e chegará á concepción estética, aos deseños e figurinos da súa obra teatral Os vellos non deben de namorarse.

Polo Diario 1921 Eli Regueira

O Castelao desta altura mantén a linealidade e o tratamento de superficies de influencia modernista e referentes simbolistas mais a asimilación desta arte fortemente orientada para o popular e do expresionismo de matriz centroeuropea é perceptíbel en moitos dos debuxos do diario. Este aspecto tamén pode se verificado noutras obras realizadas durante a viaxe como un conxunto de pequenas pinturas sobre papel ríxido: Dous homes; Muller nun bar; Parella falando; Parella nun bar e Home con pipa.

Polo Diario 1921 Eli Regueira

Estas pinturas en pequena escala reproducen situacións da vida cotiá capturadas nos cafés berlineses como fixeran os pintores de entreguerras na Europa Central. Son traballos de claro influxo expresionista, cunha simplicidade que nos permite achegarnos a momentos en que homes e mulleres testemuñan a experiencia da vida da cidade moderna. A influencia do visto en exposicións como a sinalada e do cartel expresionista, que Castelao contempla pouco despois en Múnic e Berlín, fai que o artista presente estas figuras case sen espazo pictórico, plasmadas en trazos grosos e con colorido mesto, o que supón, sen dúbida, que estas creacións se acheguen a unha dicción marcadamente innovadora.

Título: Castelao en Europa. A viaxe de 1921. Autor: Castelao. Comisaria: Ángeles Tilve. Local: Museo de Pontevedra, Edificio Castelao. Até o 23 de xaneiro.

Influencia xermana e rusa

Esa marca da arte rusa e do expresionismo xermánico será intensa e deixará pegada na súa produción gráfica e nos seus deseños. Nese sentido, é preciso lembrar que en Paris Castelao ve estampas xaponesas e clásicas e compra material para gravar e en Múnic aprende a técnica da lineografía. Era un tipo de impresión que se apoiaba nun material industrial feito de iute que permitía un traballo rápido e fácil, o que favorecía a realización de obras moi sintéticas, adecuadas para a creación de ilustracións baratas. Estas características facían do linóleo un instrumento perfecto para a ilustración de revistas, carteis e libros de baixo custe, como eran, en xeral, os volumes galegos desta altura. De volta a Pontevedra, Castelao ensina a técnica a artistas da súa cidade e o novo tipo de gravado vai ter axiña unha importante presenza en diversas publicacións.

Desde o punto de vista formal, a propia técnica vai favorecer unha arte máis afastada da tradición figurativa máis convencional. Por exemplo, o propio Castelao realiza xa en 1922 un cartel Esposición Castelao, un autorretrato dun expresionismo manifesto, algo que tamén se percibe nas ilustracións do seu libro Un ollo de vidro (1922).

Castelao móstrase no Diario como o que é, un home do seu tempo que participa no debate sobre a modernidade e esta modernidade era máis un magma que unha realidada estábel. Castelao e a súa xeración galega -penso por exemplo en Camilo Díaz Baliño- non eran alleos á construción dun discurso de modernidade e a súa obra tiña como obxectivo mergullar o noso país nas grandes preocupacións da época, mais facéndoo desde unha fidelidade absoluta á herdanza da nosa tradición culta e popular.

Compartir el artículo

stats