Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fillos do Sol

Retrato do Pondal cando vello

Adrián Ríos, Alba Bermúdez e César Cambeiro nun momento da representación de Fillos do Sol.

Editado por Galaxia neste mesmo ano, chéganos o volume Fillos do Sol, unha peza dramática da que é autor Cándido Pazó (San Paio de Navia, 1960). Actor, dramaturgo, director de escena ou narrador oral, conta cunha longa traxectoria na escena e nas letras, que inicia nos anos setenta na compañía viguesa A Farándula. Logo virán traballos en Tranvía, OllomolTranvía, Centro Dramático Galego, Talía, Tanxarina, ou Contraproducións, colectivos nos que desenvolve tarefas diversas, entre elas a de poeta de compañía, denominación que refire un traballo de selección, adaptación ou creación de textos, no que ten acadado un amplo recoñecemento de público e crítica. Velaí títulos como Commedia, un xoguete para Goldoni, Nano, Memorias dun neno labrego ou Cigarreiras, e textos propios: Raíñas de Pedra, García, A piragua ou As do peixe.

Cándido Pazo, autor da peza.

Nesta ocasión, e a pedido do Festival Internacional de Outono de Teatro, que se vén celebrando en Carballo desde hai anos e con notable acerto na programación, e da Fundación Eduardo Pondal, chega un texto no que Cándido Pazó recrea días case últimos na vida de Pondal, cando era hóspede no Hostal La Luguesa, sito na rúa Juana de Vega da Coruña, e dedicaba os seus maiores esforzos á revisión e fixación do seu texto máis ambicioso, Os Eoas: un poema épico que Pondal lega á Real Academia Galega, depositando manuscritos nunha vella maleta que mesmo se pode considerar símbolo ou metáfora para explicar tantas cousas nas nosas letras. Con posterioridade o poema sería editado por Amado Ricón en 1992 co patrocinio da Fundación Fenosa nunha primeira versión, ao tempo que investigadores como Manuel Ferreiro, Xosé Ramón Pena ou Manuel Forcadela publican traballos explicando a xénese, natureza, desenvolvemento e fortuna da epopea, destacando ese traballo de revisión permanente que Pondal enfronta desde que enceta o proxecto, e achegan materiais novos na procura dunha versión final cada vez máis aproximada ao ideal pondaliano.

Nesta epopea, Pondal deixa a un lado a construción de relatos fundacionais da nación galega, en liña coas miradas románticas á historia do país que procuraban un pasado de esplendor e gloria no pasado celta da patria, relato ao que tiñan contribuído historiadores como Benito Vicetto ou Manuel Murguía. Agora, tomando como referencia Os Lusíadas, que o portugués Luís Vaz de Camões publica en 1572, o de Ponteceso quer dar conta do descubrimento das Américas, ou Indias Occidentais. Un dos máis importantes fitos históricos da coroa de Castela, reconvertido moi recentemente en mito reverencial por forzas políticas amantes de imperios vellos, cantado desde a lingua galega. Un devezo por mostrar a riqueza da nosa lingua.

Tres son os personaxes que transitan polas páxinas da peza. Don Eduardo, o poeta xa vello que traballa sen descanso na revisión do texto, Eduardo, o Pondal mozo que urxe a finalización do seu proxecto, e Rosa, moza nova e criada de servir no Hostal, que se ocupa de atender e coidar con verdadeiro mimo ao poeta. Pero hai outros moitos personaxes ausentes e cunha presenza notable, como eses canteiros que no exterior do Hostal traballan a pedra de forma incesante, e ofrecendo un paralelismo ben requintado ao traballo que enfronta o propio Pondal, canteiro de palabras e versos, con tanguido silente e moito barullo interno para dar coa expresión exacta. Como pano de fondo, o desexo do autor de elaborar un traballo incontestable e as expectativas que xera ese proceso de construción dunha obra mestra en figuras relevantes da cultura galega da época. No conxunto tamén ten moito interese Rosa, que exemplifica esa outra aventura da nación galega, a de tantos homes e mozos, pero tamén mulleres e mozas, que se botaron ao mar para iniciar unha outra epopea tanto ou máis poderosa, a da emigración. Fillos e fillas da fame buscando o sol da ventura e da fartura.

O poeta na escena

No espectáculo homónimo que Cándido Pazó dirixiu e presentou coa compañía Contraproducións no Festival Internacional de Teatro de Carballo en outubro de 2017, participaron César Cambeiro (o Pondal vello), Adrián Ríos (o Pondal novo) e Alba Bermúdez (a Rosa), con produción de Belén Pichel e deseño de escenografía de Carlos Alonso. Un elenco mínimo para armar unha fantasía escénica asentada en vivencias íntimas, dunha banda as do poeta que teima de forma obsesiva en atopar o ritmo preciso e a palabra mellor, e da outra as da moza que aspira a mellorar posición e vida.

Velaí un trazo singular que define moi ben a maneira en que Pazó entende a creación dramática, como xa mostrou noutras pezas con arrecendo histórico, quer en Raíñas de Pedra, onde recrea a malfadada peripecia de Inés de Castro e súa irmá Xoana de Castro, quer en García, na que recupera a figura do último rei que houbo en Galicia.

Retallos de vida que tamén impregnan outras achegas recentes e que serven para retratar e recrear a condición humana e as súas circunstancias cunha mirada tamén política, e así se mostra en As do peixe ou Cigarreiras. Neste caso, para trasladar a lectores e espectadores a faciana máis humana de Eduardo Pondal, bardo do castros e lubres

Compartir el artículo

stats