Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cor das sinxelas cousas

En versos austeros

A cor das sinxelas cousas

Un peixe na gorxa achéganos a vertente poética dunha autora que, se cadra por traballar con esa habelencia para a síntese que require o xénero da narrativa breve, sabe desenvolver nesta peza unha poesía concentrada que pon en valor a ollada sinxela, non superficial. Unha poesía que é tamén un balance sobre a vida porque reúne a voz da nenez que nunca se vai do noso interior e o eco tamén dunha vella sabia. Cunha perspectiva acadada dende a madureza, o eu lírico achégase, con versos breves e austeros, á natureza que nos pasa desapercibida: unha contemplación, serena en ocasións e apaixonada noutras. Case metafísica: Fíxenme árbore / para ser ceo, / fíxenme mar / para ser vento.

Tras da contención verbal que é característica, abrolla nalgúns momentos fondura e simbolismo a través dos valores connotativos e suxestivos da linguaxe: Atrapada no labirinto, / a palabra faise bala / e cae tímida / dende os beizos / ao desfiladeiro tráxico / do noso interno val. Tras dunha aparente candidez, hai momentos que advirten ao lector de que cómpre agudizar a sensibilidade. Porque Un peixe na gorxa pode ofrecer unha lectura transparente pero tamén pode o lector mergullarse nela da man da intuición e coñecer unha profundidade implícita. E verá como a natureza se imbrica co eu coma un peixe na gorxa. Aforismos que revelan estados de ánimo ou mesmo unha maneira de estar na vida, co eco dun haiku: Paso coma o río / pola ribeira sen me mollar.

Non obstante, a pegada da época non se oculta e semella que o termo confinamento, que aparece xa en non poucas obras de recente publicación, chegou para facer historia. Literatura -arte en todas as súas dimensións- non sempre é futuro pero si memoria.

En definitiva, Un peixe na gorxa foxe dunha linguaxe tebrosa que poida enguedellar o que nos quere dicir e deixa aflorar os versos sabendo que a auga clara do río permite apreciar o fondo.

GONZÁLEZ COTELO, M., Un peixe na gorxa, Toxosoutos, Noia, 2021, PVP. 11€

Compartir el artículo

stats