Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Gogue” Humorista gráfico, debuxante e pintor

“Se eu fose andaluz, Floreano sería ghitarrista flamenco”

Quen é o autor do personaxe, popularizado en FARO, que figura no selo oficial de Correos do Xacobeo 2021/22? Cal é o caricaturista galego máis coñecido nos Estados Unidos? Quen creou unha detective chamada Carlota Cohen, que triunfou na prensa norteamericana? A todas estas preguntas dá resposta o noso entrevistado de hoxe.

Gogue, no seu “niño creativo”, no Grove. ALMA RODRÍGUEZ

Dito o anterior, habería que engadir que poucos debuxantes teñen un dos seus personaxes inmortalizado como estatua na praza da vila natal; neste caso, O Grove. Algo que si acontece con Gogue e mais o seu personaxe, Floreano, nacido en FARO DE VIGO, e desde cuxas páxinas vén contando andainas dende hai xa trinta e dous anos: só ou acompañado da súa dona, Monchiña, dos seus amigos Epifanio e Cachiña e ata do cura, don Ramón. E por se iso fose aínda pouco, este José Ángel Rodríguez López, alias Gogue, tamén ten unha “historia americana” con importantes e numerosas colaboracións coa revista New York Moves Magazine, o Movie Maker Magazine de Los Ángeles, o Fantasy Sportou o semanario The Bush Blade, que se publica en Anchorage (Alaska). Iso, entre outras moitas cousas, claro, incluídos premios recibidos aquí e acolá,.Pero comecemos con Floreano:

–Como naceu Floreano: foi un personaxe pensado especialmente para FARO ou xa tiña antes “andanzas previas”, independentes e inéditas?

­–Foi pensado para o FARO, aínda que xa levaba tempo querendo crear un personaxe semellante.

–Fisicamente (ou sexa no seu debuxo), Floreano segue sendo o mismo trinta e dous anos despois, pero, hai algunha diferenza real entre aquel Floreano de 1989 e o Floreano de 2021?

–Practicamente non cambiou. Segue coas mesmas ideas pero adaptadas aos novos tempos.

"Eu son un galego que fai humor galego, pero non por iso deixa de ser tamén humor universal”

decoration

–O de Floreano é humor galego. Que lle di a xente de fóra de Galicia cando le unha das súas viñetas? Cústalles entendelo, hai que explicárllelo ou, en xeral, vai todo ben?

–É humor galego, feito en Galicia por un galego. Teño moitos seguidores doutros lugares fóra do noso entorno e, xeralmente, enténdeno ben, coa excepción dalgunhas palabras. O humor de Floreano é universal,

–De onde lle vén a inspiración para os chistes: de darlle voltas á cabeza ou das propias experiencias da xente?

–Pois da miña creatividade diaria e logo de anécdotas que che vai contando a propia xente. Hai que estar o día das noticias: prensa, radio, televisión…

–Que sinte cando, paseando polo Grove,vai dar coa estatua de Floreano?

 Sinto alegría, satisfacción e a culminación dunha boa obra, grazas ao bo facer durante tantos anos no FARO DE VIGO, e mirala reflectida nunha figura que quedará para sempre.

–Hai unha personaxe súa que non é famosa en Galicia, pero si nos Estados Unidos. Chámase Carlota Cohen. Quixeseque nos contase a súa historia.

–Hai algún anos, traballei para a revista New York Moves, e comentárame a directora que tiña que ilustrar unhas reportaxes da vida social en NY. Tiven que crear a personaxe dunha reporteita, que era a que levaba todo o peso das historias, chamábase Carlota Cohen. Foi moi interesante porque, dalgunha maneira, me metín na vida social dunha cidade tan apaixonante como Nova York.

–Hai un Gogue humorista gráfico e un Gogue debuxante artístico. Que tal se levan os dous? Métese algunha vez un no territorio do outro ou tenos Vde. controlados?

–Pois viven vidas artísticas paralelas, son independentes aínda que se consultan de cando en vez as dúbidas que xorden ou discuten sobre as dúas facetas creativas.

–Se lle desen a escoller, por cal das súas facetas lle gustaría ser recordado: pola de humorista gráfico ou pola de debuxante/pintor/artista plástico?

– Por todas.

–Que sentiu cando gañou, nos Estados Unidos premios como o Davenport International Cartoon Contest (en Oregon) ou o Wisenheimer Cartoon of the Week (en Kansas)?

–Foi unha sensación indescriptible. Pasar a formar parte da caricatura e do humorismo gráfico internacional, é sentirte valorado noutros lugares mais aló da nosa terra.

–E que sentiu cando, en 2013, o Concello da Coruña lle condedeu o galardón “Bo e Xeneroso”?

–Todos os premios son de agradecer, pero este foi especial, polas circunstancias, o lugar e o significado do premio.

–Como vai o panorama do humor gráfico na prensa actual de Galicia e España? Cre que os novos humoristas gráficos teñen futuro na prensa ou estes espazos tenden a desaparecer?

O mundo da prensa está pasando dificultades, como calquera eido da comunicación. Claro que hai futuro nos mozos que queren dedicarse a este tipo de creación. O problema, para min, é que cada vez hai menos espazos nos medios para poder publicar. Desgrazadamente está claro que tal como avanza este mundo, a prensa física tende a desaparecer.

–Se non fose no Grove, onde lle gustaría ter nacido?

–Posmo difícil. Cando se nace GROVE e se respira GROVE, non quedan moitos sitios.

– Se fose Vde. andaluz, como sería Floreano?

–Pois posiblemente sería un ghitarrista de flamenco. Iso si; sempre ao lado dunha copita de fino La Ina.

–Supoño que o felicitarían moitas veces, pero, algunha vez se enfadaron con Vde. polo contido dalgunha das súas viñetas?

–oómo todo nesta vida, hai moitos momentos bos e menos momentos malos. Algunha que outra vez houbo algún enfado puntual, pero non vale a pena mencionalos. Qúedome co bo, coa boa xente e, por suposto, cos seareiros de Floreano, Monchiña, Eminensia, Epi…

Compartir el artículo

stats