Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No efecto Banksy

Para reiventarmos o Nadal

Atraccións de Nadal en Alemaña.

Quen di que algo non pode ser e non ser ao mesmo tempo? Banksy: anónimo, pero cotizado, a exhibirse como activista antisistema ao tempo que vende a súa obra a ricos ofendidos, e velaí Love is in the bin (18,5 millóns de libras). O misterioso artista non autoriza exposicións pero estas están formadas por compras legais na súa factoría.Claro que a protesta convertida en negocio non é nova, tamén foi moi rendíbel e dinamizadora da arte entre os anos 60 e 70 do pasado século. Estes días pódese visitar en Barcelona unha exposición de Banksy, A arte da protesta, no museo Disseny Hub. Deste xeito, a cidade súmase ao negocio baseado na contestación ao capitalismo, mais, para darlle un pouco de chufa, faino en plena época do Nadal. O artista publicara en Instagram en agosto de 2020:“Como moita xente no mundo da arte, merquei un iate para facer un cruceiro polo Mediterráneo”. O tal vén ser un barco de rescate tripulado por activistas e membros de diferentes ONG que partiu de Burriana, Castellón. Pero hai algunha diferenza entre esta doazón coas que fan outros millonarios, por exemplo, en tecnoloxía médica?

Con Banksy ou sen el, aquí estamos no “día da marmota”, atrapados no tempo do Nadal. O clima destas festas é unha fatalidade nietzscheana, non podemos deixar de revivila. Porén, se nos mantemos indiferentes das fobias ou filias que esperta, resulta innegábel que o Nadal mobiliza emocións para alén das súas naturezas: un estado de cousas complicado antes que complexo. Porque se ben que incómoda, unha vez descifrada, a complexidade devén controlábel mentres o o complicado non segue unha liña: é a anarquía emocional, nunca damos coa resposta tranquilizadora. A maxia do Nadal existe, resulta autentica; unha maxia tan máxica que ninguén pode liberarse dela; fuxir é unha ilusión porque é parte da resposta aceptada. Faise obrigado pensarmos que o bo é que dispoñemos de infinitas oportunidades para corrixir os nosos erros e confrontar pode ser unha forma de emanciparse.

Un momento da mostra do efecto Banksy en Barcelona

Como Xesús de Nazaret vai moito que abandonou a escena, a quen veneramos estas festas: a Banksy ou ao millonario que merca a súa obra? O Nadal é un marco cargado de símbolos distópicos, descontextualizados e grotescos: o máis popular vai vestido de vermello, tomando coca-cola e con sobrepeso. Non queda nada dos mitos iniciáticos, e o malo dos mitos é que, por moito que fagamos, teñen a súa propia vida, non hai xeito de endereitalos. Neste caso de absoluta secularización, a ofrenda, converteuse nunha auténtica aporía que permutou en intercambio económico no contexto do familiar. Non hai aquí ningún encontro coa outridade na carencia.

Resignificar o Nadal pasa por atopar unha hermenéutica laica universalista que dignifique. Faise necesario volver pensarmos algúns principios da nosa espiritualidade, especialmente o intecambio entre a humanización do divino e a divinización do humano para superar o especifismo. O Nadal pode ser unha festa que celebre a vida pero todas as vidas. Unha nova fronteira para pensarnos nun marco de absoluta responsabilidade porque todas as formas de vida constitúen o humano. Este marco, dunha humanidade incluínte, é unha forma de preservar o humano que só é posíbel na realidade da totalidade do que latexa na natureza.

Non sobra a espiritualidade; máis ben estamos na carencia, rezumando antihumanidade. As condutas racistas, misóxinas, discriminatorias e violentas co medio son unha negación da totalidade do humano nunha auténtica pulsión suicida. Hai sentidos poéticos inspiradores que aínda sobreviven neste contexto ruidoso de existencia impropia na que se inscribe a festividade. Simplemente actuamos con desencanto os mandatos de como temos que pensar para rematar consumindo o que se consume. Onde atopamos obxectivamente a lexitimidade destas existencias impersoais? Non podemos escapar desta facticidade pero a construción de novos significados non se detén.

A fronteira do individual segue a ser importante para crear consciencia colectiva porque é unha realidade que a cultura cambia a nosa herdanza. Por iso, a doazón do nNdal é posíbel se non confundimos o amor cunha relación utilitaria e se cremos que quen ama non necesita dun intercambio. Porque quen ama, nunca perde.

Compartir el artículo

stats