Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xuventude prexubilada

Vacalouras: pataca´n´roll a esgalla

Vacalouras: “faino ti mesmo” e pataca´n´roll para Xuventude prexubilada. | FOTO: CORTESÍA DO GRUPO

Xuventude prexubilada é o título do novo traballo discográfico dos Vacalouras, e nel o grupo volve poñer enriba do taboeiro todas esas xenuínas marcas da casa cun estilo que navega entre o rock, a pachanga-punk, o punk enxebre e a tubércula auto-etiqueta que eles mesmos inventaron para definir a súa música e que non podía ser en ningún caso mellor acaída: pataca´n´roll. De novo polo camiño do “faino ti mesmo”, e gravado no seu estudio particular con Victor -guitarrista do grupo- aos mandos, o disco reparte rancho dende o minuto un cun caldo de mil remexidos nunha tarteira repleta ata a caniza de poética utilitaria e costumista, cristas tapadas con boina sen capar, gaitazos a fungueirazos, ritmos caóticos que irremediablemente inducen ao baile e retrousos que se pegan coma caramelos esquecidos no peto dun pantalón nun caluroso día dun mes de agosto. “A canto está o rapante”, “Xente maior facendo botellón”, “Quero ser Miro Pereira”, “Fedes a faiado”, “Tírate de Rande”, ou “o Samil é Portugal” mostran uns Vacalouras sen prexuízo ningún, con Teis como centro do universo, con Vigo como aldea do lado e cos primeiros Siniestro Total soando de fondo na Capela da Guía en Teis, churrasquería imprescindible para a prezada supervivencia de calquera ser humano cun pouco de fame e sentidiño, segundo o propio grupo nos recomenda. Sátiros a cachón, a pico e sacho e coa voz de Gabi xuntando tímpanos, as cancións parecen ser desas pezas que trinta anos antes romperían esquemas a puristas, punkis, rockeiros, aburridos, popis e folkis pero que nestes tempos de certo “pijerío” sonoro son tan, ou máis, necesarias para sacarnos un pouco de ferruxe das nosas cómodas, abducidas e pulcras neuronas de cuíño delicado.

"Facer cancións coas que o pasemos ben, botemos unhas risas e a xente que as escoite bote outras"

decoration

“O caso é facelo, non pensar moito, non ter ningún plan nin mapa de ruta e ir día a día dándolle por aquí e por aló a ver que sae”, dicíanme recentemente nunha entrevista que lles fixemos para a radio. “Facer cancións coas que o pasemos ben, botemos unhas risas e a xente que as escoite bote outras, e despois levalas ao directo e montar unha boa festa cos colegas que nos vaian ver”. E aí están, daquela, as claves básicas de todo grande éxito: facelo para ti e tirando abaixo as cancelas dos, case sempre, absurdos delirios artísticos en busca do éxito de catro pesetas. Coas colaboracións de Ignacio Álvarez Martinez no acordeón, Juan Alberto Álvarez Iglesias nas percusións portuguesas e co mesmísimo Quim Barreiros, na xa imprescindible canción do verán “o Samil é Portugal”, os Vacalouras adícannos o disco seica a todos e todas as que os levamos aturando dende aquel ano 2008 no que comezaron cos castro-concertos, nas salas de Vigo e nos grandes festivais de parroquia.

Agora pois, Victor Rivas, Gabi Pérez, José Luís Sangabriel e Adrián Navarro veñen presentarnos este "Xuventude prexubilada" en forma de dez cancións onde é palpable, como apuntan na súas notas promocionais de prensa, un paso máis aló na madurez musical do proxecto, pero sen perderen polo camiño nada desa frescura tan directa e reconfortante, nin tampouco nada desoutra certa, e tan fermosa e singular, inocencia que tanto nos presta neses grupos que sempre van de cara.

Por suposto que todos os videoclips e mais o disco están dispoñibles xa en youtube e tamén en todas as plataformas dixitais para que lle poidades botar unhas escoitas. Xa saben vostedes: Vacalouras, alcaldía de Teis, queridos votantes.

Dakidarría.

Dakidarría: Pobo de Artistas

Xa falamos por aquí algunha vez dos Dakidarría e máis que o faremos tendo en conta o caudal de produción dos do Val Miñor. Eles son deses grupos nos que o traballo constante, a capacidade para artellar novas aventuras e tamén a vontade para colectivizar, mesturar e mesturarse cos seus e as súas contemporáneas, definen con coherencia e perfecto exemplo o poder, a creatividade e a efervescencia da escena da música galega actual.

Agora veñen de presentar o que é o primeiro sinxelo que formará parte do seu vindeiro novo disco de título "Colaxe". A canción titúlase “Pobo de Artistas” en aparente referencia a aquela radiofónica frase do mestre Xurxo Souto para referirse á capacidade cultural deste noso curruncho do mundo no que detrás de cada un de nós hai un artista e unha alfaia cultural en auténtica potencia. O adianto de Dakidarría chegou en forma de videoclip cunha canción que pretende poñer en valor a calidade, riqueza e diversidade actual da nosa música ademais da imprescindible importancia do apoio mutuo e a colaboración entre artistas para manter e facer medrar a escena. Un canto á unidade e ao colectivo por enriba dos egos e da individualidade, segundo eles mesmos contan. Traballar no común para ser máis fortes, creando redes de apoio ante as precariedades que tantas veces son habituais na nosa escena. Na peza colaboran músicos de máis de setenta bandas galegas na que é posiblemente unha das maiores xuntanzas musicais do noso país e, ademais, cun novo xiro do grupo cara a ritmos e sonoridades máis urbanas aínda que conservando ese espírito tan de seu da mestizaxe.

A canción foi gravada entre Estudios Planta Sónica 2 (Vigo) e Carpintería Recording Studio (Nigrán) ao longo deste 2021 e o videoclip correu a cargo de Titi Muñoz, que elixiu a vila de Bueu como localización para a rodaxe. Toda unha declaración de intencións e un paso máis na carreira desta banda que, neste 2021, cumpriu dezaoito anos sobre os escenarios. E, por certo e que non me esqueza: mañá o grupo promete a estrea de “Arrasadeira”, outro sinxelo de adianto do agardado novo disco na súa canle de youtuve, así que todos e todas ben atentos e preparados para darlle ao play.

Compartir el artículo

stats