Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Presenza de Camilo Nogueira no Grove

A imaxinería en pedra do Colexio das Monxas

Fachada do antigo Colexio das Monxas de O Grove.

O Concello do Grove vén de adquirir o edificio do que se coñece como Escola das Monxas, un inmoble construído no ano 1954 polas Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl. O inmoble é un proxecto do arquitecto Emilio Salgado Urtiaga (1897-1970), que tamén foi alcalde de Vigo entre 1934 e 1935, autor, entre outros, do coñecido edificio da Caixa Rural do Lérez, en Pontevedra.

O proxecto arquitectónico, concibido inicialmente como “gardería e residencia”, propón un volume organizado en dúas alturas con planta en forma de escuadra. A fachada principal executada, toda ela labrada en granito de boa calidade, difire notablemente da proxectada, xa que durante a fase de obra o arquitecto introduciu varias modificacións. A máis notable afectou o frontispicio do piso residencial, onde Salgado pretendía situar unha fornela central destinada a acoller unha imaxe da Virxe do Carme flanqueada por dous ollos de boi de sección circular. Finalmente, o arquitecto nado en Punxín optou por situar alí unha secuencia horizontal de xanelas verticais, desprazando á cumieira do frontón triangular a escultura pétrea, quizais para enfatizar o vínculo marítimo existente entre esta advocación e o mar.

Detalle do San Xosé co neno Xesús no colo.

A imaxe elixida para coroar a fachada é unha obra do escultor vigués Camilo Nogueira Martínez (1904-1982), que exercía de profesor de escultura na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo desde 1953. Sendo O Grove unha vila mariñeira, Nogueira opta por tallar unha imaxe da Virxe do Carme, a mesma que esculpirá para o complexo da ETEA alá por 1960. A escultura groveira, cicelada en dous bloques graníticos, presenta unha iconografía na que a Virxe aparece erguida sobre unha peaña, coroada e cuberta cun manto; cunha man ofrece un escapulario e coa outra sostén o neno Xesús no colo, que tamén soporta a mesma insignia relixiosa. “A Virxe do Carme, guía ós mareantes (...)” e “ademais, saca do Purgatorio ás ánimas, que se representan, nos petos e nos altares , saíndo das flamas collidas ó escapulario”, apunta Vicente Risco na Historia de Galiza de Otero Pedrayo (1962). O escapulario que locen ambas as imaxes é o símbolo da protección da Nai de Deus aos seus devotos, ademais dun signo de perdón das penas do purgatorio e de consagración á Virxe, estrela do mar, patroa e guía dos mariñeiros cara o porto seguro que é Cristo. “Miña virxe do Carme que axiña te ofendo! - Ai ! Miña Muliña branca, que axiña te perdo!”, escribe Rosalía de Castro en 1864.

"A Virxe do Carme de Nogueira ten unha presenza estatuaria e inmóbil"

decoration

A Virxe do Carme de Nogueira ten unha presenza estatuaria e inmóbil. A rixidez do seu corpo, cuberto por unha túnica e unha capa, e a severidade da súa mirada distante, contrasta coa tenrura expresiva do neno, que se presenta espido, sentado e mirando o espectador con inocente humanidade nun plano lateral, oposto á pose frontalista da Virxe. Esta, responde á imaxe ideal, que foxe da representación naturista, optando por un canon iconográfico virxinal, baseado na beleza imaxinada. A virxe de Nogueira transmite a idea de serenidade, con harmonía e suavidade da formas, pero carece da espontánea expresividade do infante.

O antigo colexio acolle tamén unha segunda imaxe relixiosa, neste caso un San Xosé co neno no colo, unha representación iconográfica que o escultor de Lavadores tamén cultivou, cando menos, noutra peza sen datar que obra en poder da familia Nogueira Román. Esta parella masculina localízase no patio do colexio e, a diferenza da anterior, preséntase seriamente danada a causa dunha caída accidental. Efectivamente, ambas as imaxes evidencian ter sido decapitadas, o que provocou a reposición defectuosa das dúas cabezas utilizando unha técnica impropia. A maiores, a fronte do San Xosé foi reconstruída con cemento de construción, un material que se fai visible e notorio nos corpos de ambos protagonistas.

Virxe do Carme sobre a fachada principal.

Virxe do Carme sobre a fachada principal.

A imaxe do pai e protector de Xesús aparece erguida e cuberta cunha túnica e mirando ao ceo, ao igual que o seu fillo. É unha representación canónica do custodio do Redentor: un home adulto e barbado que, a diferenza da iconografía clásica, non porta unha vara en flor (de azucenas ou nardos), que floreceu de forma milagreira cando foi elixido para desposar a María. O elemento natural simbólico, nesta ocasión, foi colocado por Nogueira na man esquerda do fillo de Deus, o que lle serve ao escultor para definir unha forma arqueada que equilibre a composición baixo a cabeza do carpinteiro. Ambas imaxes establecen un diálogo visual co ceo, símbolo da divindade, que escribe e decide o destino desde o principio da existencia dos protagonistas: casar Xosé con María, confiar na súa inmaculada concepción e coidar do fillo de Deus ata a súa madurez. Ambos varóns aparecen vestidos e retratados coas cabezas en contacto, o que reforza a sensación de humanidade e que senten e padecen como o espectador, sometidos á vontade divina.

Catalogación e restauración

A escultura meca de Camilo Nogueira ocupa un lugar senlleiro no repertorio de arte contemporánea do Grove, un dos concellos de Galicia que máis se ten destacado no seu interese polo modelado estético. A obra de Ana Ruíz, Antonio Taboada, Fanchuco, Liliya Pobornikova, ou Nando Álvarez, por citar algúns exemplos, ten contribuído nas últimas décadas a situar aesta vila mariñeira no mapa da escultura contemporánea pública peninsular.

Pero as imaxes do San Xosé e da Virxe do Carme de Camilo Nogueira foron pioneiras neste proceso. A exhibición, estudo e recuperación de ambas debe ser unha prioridade das administracións. Tamén a súa protección legal, xa que nin o edificio de Salgado Urtiaga nin as dúas obras de Nogueira figuran no catálogo de bens culturais do concello. “O coñecemento forma parte do belo e do valioso”, dicían os gregos. Tamén o coidado e recuperación da arte de noso, engadimos nós.

Compartir el artículo

stats