Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A palabra precisa comomotor

No segundo centenario de Flaubert

Gustave Flaubert a la izquieda y Mia Wasikowska como Emma Bovary (Sphie Barthes, 2014), a la derecha

Cando se cumpren douscentos anos do seu nacemento en Ruán, a obra de Gustave Flaubert segue a ter plena vixencia. E aínda o que é máis importante: a súa maneira de traballar. Aprendeu do oficio do seu pai (era médico cirurxián) a precisión á hora de distinguir un material doutro, fosen estes uns músculos ou unhas palabras. Por iso a súa obsesión por atopar para cada frase e cada expresión, a palabra precisa (le mot juste).E non só a que defina o obxecto ou o aire ambiental con maior exactitude senón tamén a que mellor se acomode acusticamente ao resto da frase. Exercicio que o propio Flaubert levaba a cabo lendo en voz alta as frases que escribira.

Como sinalou Vargas Llosa (que escribira o ensaio La orgía perpetua sobre Emma Bovary), en Cartas a un mozo novelista, Flaubert foi capaz de domar a prosa torrencial, esaxerada, de raiceiras románticas da primeira versión de A tentación de San Antonio (1849) para pasar, apenas dous anos despois, ás medidas sucintas e precisas de Madame Bovary. Esta novela -sen dúbida a mellor de Flaubert- apareceu en 1856 por fascículos na Revue de Paris e, xa como libro, en 1857.

A trama é coñecida. Emma Bovary, a esposa de Charles Bovary, un médico nunha cidade de provincias e persoa de orde, ten unha vida aburrida e insatisfeita. Lectora de novelas románticas, procura a ilusión dun amante e para iso gasta se é preciso.

Finalmente, atopa no adulterio con Rodolphe Bounlanger, un mozo de boa posición, unha vía de evasión. A habelencia de Flaubert foi non caer no relato explícito senón que deixou que o lector interpretase o que sucedeu no interior do coche de cabalos no que saíran de paseo a ningures, un dos cumios da historia da literatura erótica.Esta escena causou un tremendo escándalo na sociedade de París, que levou a Flaubert aos tribunais por atentado contra a moralidade, acusación da que foi absolto, cousa que non lle sucedeu a Baudelaire, por As flores do mal, polo mesmo tribunal.

Emma Bovary, en una edición ilustrada de la obra de Flaubert de 1905.

Emma Bovary, en una edición ilustrada de la obra de Flaubert de 1905. SONY DSC

Con esta novela, de rigorosa factura realista, Flaubert axustaba contas, en primeiro lugar, coa febre das novelas románticas que tantos delirios causaron (velaí os suicidios inducidos por Werther, de Goethe), de xeito semellante aos que padecera Don Quixote a causa da lectura de libros de cabalarías. Incluso en psiquiatría foi definido o fenómeno do bovarismo como a aspiración desmesurada a acadar algo ou alguén inalcanzable.Pero, o que é máis importante coa súa época, Flaubert axustaba contas coa sociedade burguesa que dera apoio a Napoleón III no marco do chamado Segundo Imperio (despois do autogolpe de estado contra a II República). Unha sociedade xa consolidada no poder pero enormemente hipócrita verbo das relacións persoais e da moralidade.

Gustave Flaubert (1821-1880) Joaquim Ventura

Obviamente, un escritor como Flaubert non se podía conformar con repetir ambiente e por iso ensaiou a novela histórica con Salambó (1862), ambientada na Cartago posterior á Primeira Gerra Púnica. Para documentar esta historia de exotismo sensual e violento, encetada a partir da crónica do historiador grego Polibio, o escritor viaxou a Túnez. A protagonista é Salambó, unha sacerdotisa filla de Amílcar Barca, que é obxecto de desexo por parte de Matho, un dos xefes dos mercenarios libios, contratados para loitar contra os romanos.

Salambó (1862)-Alianza Editorial Gustave Flaubert

Sete anos despois publicou A educación sentimental, que recreaba no persoeiro de Frédéric Moreau a súa experiencia de estudante de Dereito no París inmediatamente anterior á Revolución de 1848. Na capital francesa coñece a unha muller maior ca el e a novela narra a súa traxectoria para seducila e atopar un acomodo na alta sociedade.

En 1881 apareceu postumamente Bouvard e Pécuchet, que quedara inacabada cando Flaubert morreu en Croisset en 1880. Esta novela reflexiona sobre a estupidez humana e as manifestacións que supostamente constitúen o progreso. Para iso emprega a ironía para seguir a axustar contas coa sociedade burguesa que fixo do desenvolvemento material e científico unha obsesión. Os seus protagonistas son dous autodidactas, retirados dos seus empregos na administración pública, que pretenden catalogar os coñecementos científicos da súa época.

Compartir el artículo

stats