Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un relato por escribir

Do mundo nocturno de Juan Rivas

Unha das pezas presentes na mostra de Juan Rivas no Espazo Sirvent.

Unha procurada e especial relación coa captación da luz e o espazo é o alicerce da obra que presenta o pintor Juan Rivas (Pontevedra, 1974) en Vigo na sala SVT Espazo de Arte-Sirvent, unha sala que segue a destacar polo rigor con que define as súas propostas, pola evidencia dun auténtico traballo curatorial e por unha aposta concreta pola pintura, frecuentemente presente na súa programación.

E pintura en estado puro é a que ofrece a exposición Nocturna, que nos mostra un pintor que segue as indagacións dunha parte das correntes figurativas das últimas décadas, lonxe das tendencias puramente formalistas, aínda que con enorme rigor construtivo e virado cara a posicións máis expresivas -con forte peso do evocativo- dentro dun xénero de longa tradición como a paisaxe.

Unha das pezas presentes na mostra de Juan Rivas no Espazo Sirvent. @eliregueira

O título da exposición: Nocturna, -de inequívoca evocación da estética romántica- fai referencia á atmosfera que caracteríza toda a serie de lenzos de variado formato. Trátase de obras de tonalidades dominantemente escuras, densamente pictóricas. Son obras creadas desde unha captación da noite e que conforman uns ambientes entre a ambigüidade e o misterio que hai que entender non só como espazos captados para facer deles un campo de intervención artística, senón como constituíntes dun territorio de reflexión, un lugar onde a observación do mundo, a memoria e o pensamento se unen, presentándonos un mundo pensado e experimentado a través do ollo do artista e espellado de xeito múltiple sobre si propio.

Unha das pezas presentes na mostra de Juan Rivas no Espazo Sirvent. @ELIREGUEIRA

O traballo que presenta agora Juan Rivas posúe, alén diso, esa capacidade de comunicación que transcende a pintura como técnica, e que é utilizada polo pintor para pescudar sobre a relación entre os límites da propia obra e a contorna, percorendo espazos liminares e indecisos. Neste proceso, Juan Rivas reforza a relación singular co elemento externo captado, tan característica do conxunto da súa produción, para xogar, neste sentido, coa sutileza da limitada paleta, que ten un papel fundamental e consegue reforzar as cualidades envolventes das obras. Estamos, pois, perante unha nítida vontade de construír unha ligazón específica co lenzo desde a mirada, mergullado na reflexión sobre capacidade da pintura como medio de representación.

Unha das pezas presentes na mostra de Juan Rivas no Espazo Sirvent. @ELIREGUEIRA

Este diálogo é explícito xa desde a mesma formulación da serie “Nocturna”. Nela podemos observar como a obra de Rivas desenvolve percepcións espaciais diversas, desde os diferentes escenarios nocturnos que percibimos nos cadros. Asistimos, xa que logo, a unha especial proxección escenográfica, cun resultado para o espectador claramente envolvente desde o punto de vista visual e espacial, como se o pintor nos presentase o ambiente dun relato aínda por escribir.

  • Título da exposición: Nocturna.
    Autor: Juan Rivas.
    Comisariado: Ángel Cerviño.
    Local: SVT Espazo de Arte-Sirvent, Gran Vía, 129, Vigo. Até o 26 de febreiro de 2022.

Unha das pezas presentes na mostra de Juan Rivas no Espazo Sirvent. @ELIREGUEIRA

A forma da mirada

A luz é unha das chaves para a comprensión do traballo do pintor. Nocturna remite a este carácter, co lumínico e o evocativo como dominantes, sendo a pincelada e a imaxe revelada baixo efectos lumínicos non un límite, senón un ámbito para suxerir a profundidade ou a potencial evocación narrativa. A luz e a liña abren o espazo nunha dirección dobre: para adentro e para fóra, e o resultado así logrado é extremadamente equilibrado, deixando na mirada do espectador todo un abano de suxestións con tramas de austera concepción onde brillan alfaias de luz e cor nun espazo que se formula como un limiar nun sentido plástico e argumental, cunha intensa carga escenográfica, manifesta nestas paisaxes de arrabaldes espidos e montañas ermas, onde as luces orfas semellan querer contar historias aínda sen definir argumentalmente.

Hai, polo tanto, en todo o traballo, unha sensación de austeridade evocativa, que se consegue por medio dunha aposta completa e moi meditada pola técnica pictórica, o que axuda tamén a modular as sensacións e a crear complementarias e desemellantes percepcións. Igual importancia adquiren os posíbeis diálogos entre as obras expostas, que como un quebracabezas labiríntico acaban por constituír unha especie de comunicación cifrada que non remite á escrita, senón máis ben serve de estímulo ao ollar, a unha contemplación tamén labiríntica e aberta a diferentes lecturas e suxestións.

Se callar, unha das chaves do traballo de Juan Rivas é ese carácter ao tempo aberto e concentrado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva á abertura espacial e á modulada sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente. Porque, finalmente, o que nos propón o artista é unha maneira de ollar, mesmo no sentido máis literal, enxergar desde unha determinada sensibilidade, distancia e punto de vista. Un tema tan vello, produto dun debate case académico, que nos levaría ao mundo romántico que subxace no fondo da obra do artista, mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente.

Compartir el artículo

stats