Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Banda deseñada

‘Hola Siri’ e ‘Internet sublime’

Reflexións sobre a hiperconexión actual

De esquerda a dereita, a protagonista de Internet sublime e viñetas da BD Hola Siri (2021)

Decembro. O mes das luces, os agasallos e as listas. Tamén o mes de enaltecer as relacións humanas nun Nadal moi cargado de ganas e nun panorama que favoreceu aínda máis a conexión constante pero non presente. Así que aquí unha pequena e minimísima lista de dous títulos que funcionan tanto como reflexión e recomendación: Hola Siri, de Marta Cartu (Barcelona, 1989) e Internet sublime, de Miriam Persand (Madrid, 1985).

Hola Siri é o primeiro cómic longo de Marta Cartu, alias de Marta Rovira Amigo, autopublicado grazas á bolsa Injuve para a Creación Nova, polo que non está dispoñible en todas partes (a traxedia da distribución) aínda que se pode comprar a través da web da autora. Da súa parte, Marta Cartu é unha artista visual que leva moitos anos creando fanzines baixo o selo Alma Nómada, caracterizados pola reflexión autobiográfica cargada de simbolismos e ideas suxestivas, recursos que explota na súa última obra.

'Hola Siri' constitúe unha reflexión sobre o mundo líquido no que vivimos

Hola Siri plantexa qué pasaría se o asistente artificial de Apple fose unha persoa real e mostra un extracto da vida precaria que, como moitas e moitos, estaría a levar. Esta premisa é a escusa para reflexionar sobre o mundo líquido en que nos atopamos. Un mundo superficial cun exceso constante de información e apenas tempo para asimilala, onde as novas dinámicas de comunicación se definen pola impresencialidade, a inmediatez e mais o desapego. Este cómic é unha nova mirada arredor da hiperconexión, infracomunicación e posthumanismo vixentes –exceso de palabras compostas con sonoridade terrible e significado aínda peor–. Esta reflexión converteuse nun lugar común nas obras actuais, sen que a tendencia minimice a necesidade. Canto á narrativa visual, esta consolida o guión. Fiel ao seu estilo, nada na obra de Marta Cartu é aleatorio. O cómic componse da secuencia de páxinas dobres nas que se representa un mundo hipertextual con toques “retro” e mestura de elementos 3D. Todo é unha formulación inversa na que Siri, con ese rostro intencionadamente baleiro, representa o humano e as xanelas que se abren no navegador transpórtannos ao mundo real, á comunicación cos demais.A paleta de cor escollida deriva das cores do asistente virtual pero tamén nos lembra a unha das apps bandeira desta nova realidade, Instagram. Xa que logo, unha historia mínima e sinxela que deixa moito espazo para quen a le.

E desta historia mínima movémonos á outra punta, a narración frenética, maximalista e explosión de formas e cores que supón Internet sublime (Editorial Sapristi, 2021), de Miriam Persand, nome artístico de Miriam Muñoz. Como no caso anterior, este cómic é unha sorte de historia de ciencia ficción que reflexiona sobre as novas dinámicas sociais, centrándose en como nos afixemos aos estímulos constantes, converténdoos nunha necesidade que, paradoxalmente, nos aturde e bloquea. E todo iso aderezado por unha crítica política transxeracional sobre o consumismo e a homoxeneización.

A protagonista de ‘Internet sublime’ ten fisonomía de crocodilo

Internet sublime está protagonizado por unha muller, con fisonomía de crocodilo, que sofre unha crise existencial. Séntese estancada na vida e desconectada do seu contorno e decide ir a unha pitonisa a modo de broma desesperada para ver se iso lle ofrece algún tipo de guía. A pitonisa regálalle, ademais dalgunhas mensaxes crípticas, un “disquete”. Cando chega á casa e o isire no lector –esta é a maior suspensión de incredulidade que nos esixe Miriam Persand–, accede a unha versión de proba da deep web. Descobre entón que só existe unha empresa no mundo e que o controla todo. Tentando obter respostas, entra en contacto co que sospeita pode ser unha seita pero que quizais só se trate dun grupo de xente “liberada” da realidade imposta.

A través da viaxe

A historia de Internet sublime estrutúrase a través da viaxe, en diferentes sentidos: unha viaxe instrospectiva, unha fuxida cara a adiante, facilitada en ocasións polo consumo de drogas –outro tipo de viaxe–; e unha viaxe física á procura dese grupo de persoas das que cre que pode obter respostas que, por extensión, dean sentido á súa vida.

É habitual atoparse personaxes zoomorfos na obra da autora. Que a protagonista sexa un crocodilo é unha chiscadela ao mito do cerebro reptiliano, vestixio dos nosos antepasados que se ocupa das funcións básicas como a supervivencia. En contraposición, as persoas que descubriron a verdade e son libres teñen forma humana.

Na obra mestúrase a acción coa paranoia da protagonista, a sensación de estar perdida a un nivel vital individual e como ente nunha sociedade distópica e pouco transparente que non acaba de entender. En canto ao estilo gráfico, nótase a formación en deseño de Miriam Persand. Unha obra completamente realizada en dixital e chea de cores saturadas.

Algo xenial destes dous cómics, ademais da diferente aproximación a unha problemática moi actual, é o camiño que abren para reflexionar máis aló do contido; acerca de como contar e innovar nas narrativas e formatos. Dous bos exemplos das posibilidades arredor de experimentar e explorar o expresivo.

Compartir el artículo

stats