Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sorprendente volume

Estampas que fican na memoria

Detalle da ilustración de portada do libro "Anacos da vida", de Víctor Rivas.

Baixo o título Anacos da vida presenta Víctor Rivas un volume sorprendente cuxo sentido literal prende no maxín do destinatario pola forza expresiva non só das verbas, senón tamén das imaxes. Quizais a concepción plástica previa ou paralela ao texto teña moito a ver co discurso breve, pincelado, conciso, suxerente. Diríase que o que non conta é talvez o máis importante, o que insinúa torna atractivo o contido que semella ir máis alá do que significan as palabras apelando a unha realidade extralingüística que enriquece a narración.

Identificar retallos do pasado coas coordenadas da actualidade proxecta unha impresión que marabilla ao comprobar que os valores fundamentais permanecen e que o paso do tempo non fai senón dar por válidas ideas, formulacións, comportamentos que se revisten de modernidade.

As mulleres, os homes, os amores e as xentes son os aspectos sobre os que pivotan as reflexións do pontevedrés nos que, combinando textos breves a modo de cantigas populares con imaxes, describe tipos do rural, tradicións, esceas da vida cotiá e situacións que resultan ao mesmo tempo tan familiares e tan afastadas. A paisaxe, as lendas, os labores do campo, os animais, a familia, as festas, a esmorga, os amoríos e mais teñen cabida nestes anacos concibidos como estampas que fican na memoria e que inmortalizan lembranzas e soños e que invitan a tirar do tempo, de calquera tempo, unha lección ou unha ensinanza que se coa polas regañas da actualidade e que integra, a pesar da distancia e das distancias, un pensamento global. O que aquí sucede e é propio do carácter e a idiosincrasia galega tamén o podemos atopar noutras latitudes, o que demostra a universalidade da conduta e dos afectos.

  • RIVAS, Víctor, Anacos da vida, Galaxia, Vigo, 2021,PVP.19€

Compartir el artículo

stats