Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roma e nós

A memoria do Imperio

Campamento de Aquis Querquennis (Bande).

Estamos no ano 70 despois de Xesuscristo. Toda a Gallaecia está ocupada polos romanos...Toda?...Pois si, toda, xa que será nesa mesma data cando Vespasiano convirta os 451000 gallaicoi en pobo romano. Atrás quedaban os tempos da dura conquista, comezada no 132 a.C., da feroz resistencia, dos temores ao esquecemento -ao pasar polo río Limia ou Lima-, das incursións marítimas -como a de Xulio César en 60 a.C-, cara unha pax romana que se resistía nestes territorios pero que finalmente se acabaría por impoñer. Rematada a conquista, comezaría entón o longo proceso de romanización que durará un total de catro séculos. Será xa en 298 cando, a partir da reforma de Diocleciano, Gallaecia se convirta nunha única provincia, segregada da Tarraconensis. Cunhas dimensións maiores que a Galicia actual, ocupará todo o territorio da nosa terra, xunto co Norte de Portugal, Asturias, León e unha grande parte do norte de Castela deica A Rioxa, e onde Lucus Augusti (Lugo), Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga) serán a cabeceira dos tres conventus (Lucensis, Bracarensis e Asturicensis).

Salinas de Vigo. FdV

É feito innegable que a conquista romana trouxo moito do que fomos ao longo da historia. Os romanos dotaron o territorio de vías e calzadas que unían as principais cidades (Vías XVII a XX) e que constitúen en moitos casos a base do que serán posteriormente os camiños a Compostela medievais e mesmo as estradas actuais, vías utilizadas nas relacións comerciais (sobre todo a Vía Nova ou XVII) e usadas polo correo imperial. Alén diso, ás beiras de ditas vías, foron nacendo distintas poboacións e un monllo de Villae, lugares de descanso, oficinas do fisco…; os romanos fundaron cidades, a máis importante delas Lucus Augusti, á que rodearon da extraordinaria muralla que aínda hoxe admiramos; fixeron pontes coma a de Ourense e a de Lugo, sobre o río Miño; construíron a Torre de Hércules, o faro máis antigo do mundo en funcionamento; trouxeron o gusto polas termas que mesmo situaban nos seus campamentos, como aparecen en Aquis Querquennis; traballaron o sal, como podemos visitar nas Salinas de Vigo, as máis antigas conservadas, etc.

A Torre de Hércules, na Coruña. FdV

Pero non por iso debemos esquecer a outra cara da moeda: o ouro, a prata e estaño que saíron das nosas terras cara a Roma. A este respecto cómpre ler unhas liñas da Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado: “De feito, a historia de Galiza comeza, precisamente, cunha catástrofe ecolóxica: a da colonización romana (...)As Médulas, Montefurado...son as cicatrices dun desastre medioambiental de proporcións xigantescas.” Nesa mesma obra cítase o historiador A. Tranoy, quen afirma que o ouro da Gallaecia chegou a supoñer nada menos que o 7% do PIB do Imperio. Son múltiples as minas do prezado metal que explotaron os romanos. E para explotalas, empregaron sofisticadas técnicas, lavando as areas dos ríos e mesmo derrumbando montes. Foi isto último o acaecido nas Médulas, a partir da técnica da ruina montium, consistente na excavación de túneles para despois lanzar unha gran cantidade de auga e conseguir así reventar o monte, rescatando a continuación, augas abaixo, o ouro. A paisaxe tan sorprendente que nos deixan hoxe as Médulas non é máis que a ruína do alí acontecido. Algo similar ao sucedido en Montefurado, onde para salvar os excesivos meandros do río utilizaron a mesma técnica co fin de desviar o Sil e facilitar a súa explotación.

Estamos no ano 25 antes de Xesuscristo. Toda a Gallaecia está ocupada polos romanos...Toda? Non! Un grupo de irreductibles galaicos resiste aínda ao invasor. Son fillos dos celtas, da caste de Breogán, fortes, valerosos, lexendarios. Atrinchéranse, asediados, no Monte Medulio. Aqueles bravos guerreiros, os de “sangue quente e roxa” que cantara o poeta, xunto coas súas familias, toman unha decisión importante: “denantes mortos que escravos”, escribiu Castelao, e así o fan, cun suicidio colectivo na vez de renderse nos brazos do invasor romano. As súas xestas, o seu valor e a súa honra serán lembradas por sempre coma riscos distintivos do noso carácter. Pero para iso deberemos facer, outro día, parada no romanticismo decimonónico.

Dous xeitos de sermos romanos

Vénse de publicar unha investigación sobre a cidade da Coruña na que se da luz a unha vella discusión sobre a orixe, romana ou non, da cidade. Dito traballo revela a existencia no lugar dun enclave portuario anterior á fundación da cidade de Brigantium, que debeu ser ocupado na Idade de Ferro e que mantivo lazos comerciais co Mediterráneo durante uns cen ou cento cincuenta anos. Un século máis tarde do abandono de dito enclave, os romanos fundaron a súa urbe e todo apunta a que desde ese porto realizaban cobros de impostos que dependían directamente do convento lucense.

Dise que Vigo traballa mentres A Coruña se divirte, e non sei que hai de certo ou non nos tópicos pero é unha realidade que Vigo ten estrutura e ánimos de cidade obreira mentres a nosa veciña do norte adoitou ser un lugar de funcionariado. Hai un tempo, o profesor de Historia Antiga da USC Francisco Javier González explicou, a partir de varias inscricións romanas, os modos de vida de dous asentamentos, similares probablemente en tamaño, pero moi diversos segundo nos falan as aras analizadas, que anunciaba xa estas diferencias. Nas estelas viguesas aparecen nomes foráneos, probablemente vinculados ás familias que puxeron en marcha as salinas e que encargaron as estelas para a súa morte, e adaptacións de divinidades indíxenas; nas coruñesas, só nomes locais, romanos ou gregos, e alusións a Neptuno e Marco Aurelio. “En Vigo temos a pesca, o salgazón e a conserva. E na Coruña, o cobro de impostos, os funcionarios do Emperador”, conclúe o profesor González.

Compartir el artículo

stats