Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Patrimonio

Mosteiros do Camiño

San Facundo de Ribas de Miño e Santa María de Loio

Vista exterior de San Facundo

Entre viñedos e bosques, álzanse a igrexa e mais o antigo mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, en plena Ribeira Sacra, aquí concello lucense de Paradela. Perfecta simbiose entre natureza e patrimonio, o conxunto fundouse no século XII para acoller os peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela. San Facundo está considerado a primeira manifestación do gótico na península, e unha das primeiras de Europa, de aí a súa catalogación como Monumento Nacional desde 1982; a mellor expresión do seu estilo artístico está na bóveda: seis robustos arcos de pedra, que converxen nunha clave colocada a 5,30 metros de altura. Destacan tamén as súas pinturas murais gótico-flamencas, restauradas parcialmente despois de eliminar varias capas de cal endurecidas que as ocultaban. Na fachada este pode observarse o tramo inicial das columnas encostadas coas que comezou a construción do templo.

Conta a historia que todo empeza cara a 1116, cando Dona Urraca, raíña de Galicia, León e Castela, decide debilitar a fonte de ingresos que supoñían os peregrinos para o arcebispo Xelmírez e derruba a ponte de Portomarín sobre o Miño, paso do Camiño francés a Compostela. Os benedictinos deciden entón instalarse onde o río se remansa para cruzaren en barca os devotos que van e veñen ver ao Apóstolo. Foi así como erguerron, arredor de 1220, o mosteriro: un ano no que Pedro O Peregrino volve levantar asemade o viaduto derruído. O cenobio convértese no refuxio dos viaxeiros que non poden pagar o portádego e pasan a noite na igrexa. Rehabilitado en 1997, ao ano seguinte recibiu o primeiro Premio do Colexio de Arquitectos de Galicia como mellor proxecto de restauración.

Capela do Loio

Tan fermosa como o monumento é a paraxe na que se sitúa, rodeada de viñedos que descenden polas ladeiras do monte da Trapa ata o Miño. Pero San Facundo non é o único tesouro que ten Paradela, fito fundamental do Camiño. Este concello garda en cada unha das súas dezaoito parroquias importantes capítulos de historia e monumentos. Un ten especial relevancia na peregrinación á tumba do Apóstolo, xa que a tradición apunta a que no mosteiro de Santa María de Loio naceu a Orde dos Cabaleiros de Santiago, fundada para a protección dos camiñantes durante o medievo.

Ábsida de San Facundo

Situado na parroquia de As Cortes, no lugar de Loio, a orixe do cenobio podería estar nas fundacións do período Alto Medieval de carácter familiar e dúplice, que mesmo algúns autores vinculan á figura de San Martiño de Dumio, no século V, e posteriormente relacionan coa regra de San Fructuoso e mais o desenvolvemento do monacato de tradición visigoda. Como testemuños do pasado quedan restos dun sartego antropomorfo e algúns materiais da etapa prerrománica. Xa co tempo, o mosteiro pasou a ser unha das propiedades do Arcebispado de Santiago, e do que foi abadía só queda a igrexa de nave única, reformada a través dos séculos. No interior deste pequeno templo unha imaxe de Santiago parece lembrar a orixe da Orde do mesmo nome, nada para protexer aos peregrinos e o sepulcro do Apóstolo. Algunhas fontes aseguran que este foi o primeiro asentamento onde se reuniron doce cabaleiros para acordar as bases e estatutos da congregación en Galicia, cara ao ano 1170.

Ten Paradela outras pequenas xoias –e algunhas non tan pequenas- xurdidas ao amparo do Camiño, como a aldea de Ferreiros, onde os peregrinos dacabalo podían ferrar os seus animais no roteiro a Compostela. A súa igrexa parroquial é un templo austero pero cunha fermosa portada románica do século XII, que exerceu igualmente de antigo hospital de devotos do Apóstolo. Fronte á porta principal atópase unha pila bautismal con representacións de figuras humanas e diferentes símbolos.

Altar e bóveda de San Facundo

Historia dunha abadía

O nome do lugar, Mosteirovello, alude ao vello cenobio que alí houbo. Do gran conxunto de Santa María de Castro de Rei de Lemos queda a igrexa, con ábsida románica e restos de pinturas no seu interior. Garda tamén unha valiosa cruz parroquial do século XVIII, repuxada en prata, de máis dun metro de lonxitude. As crónicas vinculan este mosteiro durante algún tempo ao de Carracedo do Bierzo. Contou con numerosas doazóns e ata dez abades que foron señores do convento e o seu couto. Á morte do último abade independente, a comunidade convértese en Priorado baixo o amparo da abadía ourensá de Montederramo. O rei Afonso VII entrégao á orde do Císter e, co tempo, outros monarcas confirmaron e aumentaron as concesións reais.

Ao patrimonio de Paradela súmase un famoso cruceiro, o de San Miguel, moi preto do centro urbano. É un dos máis soados da provincia, composto por un capitel de follas e volutas e un esvelto fuste monolítico decorado con motivos da Paixón. Víctor Villarabid descríbeo como “un dos máis artísticos e famosos das terras lucenses” no seu libro Paradela e o seu concello. Xunto a outros monumentos do Camiño, o cruceiro de San Miguel foi seleccionado para unha serie conmemorativa dun Xacobeo famoso, o de 1999.

Compartir el artículo

stats