Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fina Casalderrey Escritora

“Foi Mozart quen me 'escolleu' a min para que contase esta historia”

Fina Casalderrey, botando unha ollada ao seu novo libro-CD.

En O xenio da Cidade do Sal (Xerais), Fina Casalderrey trae a Galicia a Wolfgang Amadeus Mozart, un dos grandes da historia da música. O libro-CD preséntase hoxe (19.30 horas) no Salón Nobre do Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra

O xenio da Cidade do Sal ten como protagonista un dos grandes nomes da historia da música, Mozart. Por que, precisamente, o elixiu a el para contar esta historia?

–En realidade, foi Mozart quen me escolleu a min, e viña da man de Luís Soto, frautista da Real Filharmónica de Galicia. Chamou á miña porta e fíxome escoitar un disco magnífico no que fusionara catro dos cuartetos para frauta e cordas, que Mozart compuxera con vinte e un anos, con música popular galega. Foi emocionante, non só nada “desentoaba” senón que Mozart e a música popular de noso formaban parte dun todo único, sen rupturas. “Atréveste a traer nunha historia a Mozart ata Galicia a compoñer isto que acabas de escoitar?”, pregoume. E pasei os primeiros meses da pandemia enchoupándome da vida deste xenio de Salzburgo, a cidade do sal, deixándome seducir...

–O feito de que, tanto compoñendo como interpretando, Mozart fose un superdotado para a música dende que era un neno, cre que axuda máis a que a súa obra chegue mellor aos rapaces?

–A súa biografía de infancia resulta especialmente atractiva: un neno que con catro anos xa tocaba o clavicordio, que con seis daba concertos polas diferentes cortes europeas, que os domingos dábaos na casa e seu pai cobraba entrada, que, por ser miúdo e, dado que iso favorecía o seu éxito como neno prodixio, había de ocultar os anos, que daba concertos cos ollos vendados ou cun pano sobre as teclas, que con once anos o encerraron para comprobaren se era el quen compoñía ou lle axudaban... Que tiña o síndrome de Tourette, que lle provocaba reaccións impulsivas e incontroladas continuamente... que lle escribía cancións escatolóxicas aos amigos... Gustáballe vestirse de arlequín, inventou unha linguaxe secreta para se comunicar unicamente con súa irmá...

Nin en Galicia nin en España os rapaces adoitan escoitar música clásica. Habería que empezar a educalos tamén nesta música desde cativos, como se fai en Alemaña, Austria e outros países europeos?

–Quero crer que proxectos coma este axudan e que, esa indiferenza ante este tipo de música, mude. Entendo que se os adultos estamos “educados”, será máis doado contaxiar. Coma coa lectura, coma con todo... Coido que esa falta de interese, débese máis á nosa falta de recursos que á incompetencia dos cativos para gozala. Ti poslle A frauta máxica a un bebé onda o berce e mostra acenos que denotan gozo. A todo se acostuma o oído, tamén ao bo...

–O tema dos superdotados, sexa en calquer eido, é moi delicado. Cal é a mellor maneira de tratar este tipo de rapaces?

–O caso de Mozart, en particular, si que se trata dun neno con oído absoluto, capaz de recoñecer calquera nota sen referencias e cunha memoria prodixiosa! Ata fora quen de, con catorce anos, reter na cabeza o miserere de Gregorio Allegri que escoitara na Capela Sixtina do Vaticano. Estaba prohibido interpretala fóra daquela capela. Cando o papa Clemente XIV soubo que un neno escribira nun papel aquela música que levara na cabeza, non só non o castigou, senón que o nomeou Cabaleiro da Orde da Espora de Ouro. Non son experta no trato deste tipo de nenos, só sei que no século XVIII era moi común isto dos nenos “prodixio” que sacaban a familia da miseria... Había o que hoxe chamaríamos explotación... Vaia, se pensamos en La Voz Kids, MasterChef Junior...

Como mestra, tivo algunha experiencia de que nalgunha das súas clases tivera a rapaces/raparigas superdotados?

–Seguramente en corenta anos de profesión, pasou algún, algunha..., pero non diagnosticados. Véñenme refachos ao chou... Un alumno de sexto de EXB, que chega á clase e dime: “Profe, fixen un poema ao estilo do Divino Sainete de Curros”, ou aquela nena que musicou un poema de Ventos, de Antonio García Teijeiro e nos deixou abraiados, ou a que con once aniños se cronometraba na casa para, antes dun exame, poder calcular o tempo que lle levaría responder a cada pregunta e así seleccionar que era ao que renunciaba, porque nunca lle daba tempo de poñer todo o que sabía, pero ao mellor calquera deses casos, era tan só rapazada moi traballadora. De feito, hai caso de superdotados que levan malas notas... O tema é complexo dabondo como para non me atrever nin sequera a detectalos. Agora que dicir “Esta nena é superdotada!", iso díxeno moitas veces (risos).

"A literatura infantil e xuvenil de noso está máis normalizada que a propia lingua"

decoration

–Cal quere ser a mensaxe deste libro para os seus lectores?

–Que gocen da lectura dunha aventura sorprendente dun neno prodixio, inspirada no realismo máxico das nosas lendas. Así puido chegar á Galicia actual, que coñezan a personalidade e obra dun xenio da música, que reflexionen sobre o valor da música popular, que Luís Soto, David García, Ioana Ciobotaru e Millán Abeledo souberon facela brillar canda a do xenio.

Vde. é unha pioneira e un referente da literatura infantil e xuvenil que se publica na actualidade en Galicia. Que sinte cando miraatrás e compara a situación da LIX cando Vde. empezaba a escribir coa situación que vive agora?

–Que xa podemos ollar con certa perspectiva porque temos unha historia da LIX de noso, máis normalizada que a propia lingua... Hai autoras e autores excelentes que xa non veñen do mundo do ensino senón do xornalismo, enxeñería, avogacía... Os novos autores e autoras tiveron referentes, estudaron galego na escola, dende cativos leron en galego...

–Estes días estanse a cumprir oito anos do seu ingreso na Real Academia Galega. Que balance fai da súa experiencia?

–De moita aprendizaxe. Tiven, poño por caso, a fortuna de colaborar cun fermoso proxecto da RAG, “Primavera das Letras”, co que a Institución pretende establecer vínculos activos co mundo do ensino. Profesorado e alumnado son os que o fan máis grande cada ano.

  • CASALDERREY, Fina, O xenio da Cidade do Sal (ils. Xosé Cobas), Xerais, 2021

Ao longo da súa traxectoria literaria (case) sempre foi Vde. fiel á literatura infantil e xuvenil. Nunca a tentou probar a escribir iso que chaman “literatura para adultos”?

–Se se busca, algo fixen... (Dúas Letras, Lúas de nácara, A Coidadora de Outonos, Asteroide, Amor, hoxe sóbrame o corazón...). Ao que son fiel é a tentar escribir unha boa historia da mellor maneira que sei. Na LIX hai historias marabillosas capaces de conmover a calquera, posto que ofrecen variadas lecturas.

Compartir el artículo

stats