Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte / Patrimonio

Da perda do patrimonio urbano

Arredor do Centro Católico de Obreros

Nas diversas imaxes: diferentes perspectivas do estado do Centro Católico de Obreros (Edificio Platero, en Vigo), obra de Michel Pacewicz. ANXO CABADA

A Anxo Cabada, pola xenerosa cesión do material gráfico). En pleno centenario do falecemento do arquitecto Michel Pacewicz Durand, unha das máis significativas construcións por el realizadas en Vigo, o Centro Católico de Obreros, coñecido tamén como Edificio Platero, esmorece no abandono máis absoluto. Michel Pacewicz, arquitecto de francés de orixe polaca, realizou esta obra no ano 1904, aínda que os planos foron asinados por outro profesional, o arquitecto Siro Borrajo Montenegro, como sinalou J. A. Martín Curty no su libro Pacewicz, arquitecto vigués.

Pacewicz, nado en Chateau-Gontier, Francia, o 19 de outubro de 1843 e finado en Vigo o 2 de febreiro de 1921, estudou en París e formouse co coñecemento das tendencias medievalistas da arquitectura francesa do século XIX a traves do seu primeiro mestre Paul Abadie, que estivo ligado ao famoso arquitecto Viollet-le-Duc, o reconstrutor de Notre Dame de París e da cidade de Carcasona. Este pouso medievalizante está presente nas construcións que realiza na nosa cidade, onde se instalaría de forma permanente Michel Pacewicz, como a Escola de Artes e Oficios (1897) na rúa García Barbón, a Casa Yañez (1900) na Alameda, a Casa de Rosendo Silva na actual rúa de López Mora (ca. 1900) e tamén no Centro Católico de Obreros (1904).

ANXO CABADA

Este medievalismo sintonizaba plenamente co que xa desde mediados do século XIX se facía en Francia, Inglaterra e na maioría dos países europeos. En Francia, no ano 1844 abrírase ao público o Musée des Thermes et de l’Hotel de Cluny, o primeiro museo de arte medieval inaugurado en Europa; e en Londres o ano 1855, catro anos despois da primeira Exposición Universal no Crystal Palace, ábrese o South Kensington Museum –o futuro Victoria and Albert Museum-, considerado o primeiro museo europeo que colecciona as artes industriais e os oficios artísticos e neste contexto o medievalismo arquitectónico vai converterese en receita común e inzar as cidades e residencias rurais de construción neogóticas e eclécticas.

No caso da obra que nos ocupa, o Centro Católico de Obreros, foi construído no ángulo das rúas Doutor Cadaval e López de Neira e o seu erguemento débese á iniciativa de Leopoldo Gómez Moure, promotor da realización deste edificio e filántropo que tamén cedeu o terreo onde se instalaron os salesianos na actual Ronda de Don Bosco.

Anxo Cabada

Aínda que a linguaxe goticista estaba no século XIX moi ligada aos proxectos relixiosos, o certo é que Michel Pacewicz a leva frecuentemente ao terreo da arquitectura civil, alén diso, neste caso concreto, o carácter católico da institución para a que é destinado o edificio reforza o uso desta linguaxe arquitectónica. Nas fachadas do Edificio Platero non utiliza, como era característico da tradición local, a cantaría, senón que prefere o cemento e fai uso de elementos ornamentais neogóticos, entre os que salientaba unha requintada tracería. Tamén aparecen motivos tirados do románico como unha decoración de pequenos arcos lombados. A fachada que dá á rúa Doutor Cadaval aínda conserva un grande escudo que lembra a primitiva e principal función do edificio. As perdas na fachada de Doutor Cadaval son importantes xa que desapareceu a fermosa composición de accesos principais que remataban nun arco conopial con decoración flamíxera que establecía un elegante diálogo visual co escudo. No que respecta ao interior, destaca o patio de butacas do salón de actos, un espazo de enorme potencia e posibilidades de futuro, se a salvación do edificio se puidese concretar, como sería desexábel.

Anxo Cabada

Reutilizar e conservar

Resultan difíciles de entender as razóns polas que non se pode reutilizar, e non destruír, o legado arquitectónico e urbanístico cando este se encontra en condición de ser conservado como o caso do predio que nos ocupa, que a pesar da brutais intervencións na fachada pode ser recuperábel. No caso do Centro Católico de Obreros, só unha visión simplemente especulativa pode xustificar o seu abandono e a súa probábel destrución. O edificio tal como se conservaba está en condicións para ser reformado e reutilizado con novos usos e evitar daquela a condena a morte dun novo capítulo da historia da cidade.

A respecto do patrimonio arquitectónico, e sen entrarmos na responsabilidade concreta no que respecta a este edificio, cómpre unha viraxe total na relación co acervo material. O ideal sería optar pola reutilización do noso patrimonio arquitectónico e industrial. En Vigo temos deste último abondos exemplos. A recuperación do pasado e mais o reforzo da memoria colectiva deberían ser alicerces de todas as experiencias de reutilización deste rico e extenso patrimonio. Os exemplos son numerosos en todos os países desenvolvidos, aínda que comezaron en primeiro lugar nos do Norte de Europa. Museos, centros culturais, centros dotacionais... foron creados no que antes foron vellos inmobles logo abandonados. Para cando unha seria reflexión e un auténtico respecto polo noso patrimonio material?

Compartir el artículo

stats