Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Para alén do romanticismo

Adiantados ao seu tempo

Detalle da cuberta de "As nosas normas".

Nun século que segue a derrubar mitos patriarcais e regras tradicionais sorprende atopar un libro como As nosas normas, editado con cálida elegancia, e escrito xa hai case douscentos anos, que narra con linguaxe sinxela unha travesía entre Estocolmo e Arboga, na que se coñecen un sarxento e unha moza que rexenta unha vidraría. O autor, Carl Jonas Love Almqvist, era pastor luterano e director dunha escola de primaria na capital sueca e debeu abandonar o traballo e mais a carreira eclesiástica por mor da publicación do libro.

As nosas normas provocou unha protesta airada pola súa defensa da unión libre, a autonomía de cada membro da parella baseada na autonomía económica, a separación de bens e a defensa de propostas feministas no traballo, en consonancia cunha forma de ver o mundo afastada do romanticismo e da ideoloxía tradicional. Aquí os amantes ven, adiviñamos que se tocan, pero o narrador exclúe a descrición carnal. Trátase dunha novela escrita con técnica decimonónica por un narrador omnisciente que utiliza amplas elipses; hoxendía a separación entre matrimonio e sexualidade, a liberdade dos amantes para alicerzar a relación nun entendemento de corazón e de alma e non nunha benzón forma parte da cotidianeidade, pero no momento da aparición desta obra nin sequera as escritoras suecas foron comprensivas con esas ideas e cualificaron de fantasía masculina os postulados da novela.

Almqvist, que levou unha vida bastante aventureira, escribiría outras obras polémicas. Nunha delas propugnaría a reinserción do delincuente fronte ao castigo; noutra, dará o papel protagonista a un individuo intersexual, inspirado nun memorialista transxénero coetáneo seu.

  • LOVE ALMQVIST, C., As nosas normas (trad. Marta Dahlgren), Hugin e Munin, Santiago, 2021, PVP.14,50€

Compartir el artículo

stats